Archive for Xaneiro 2010

Alucinado

Xaneiro 17, 2010

Boas noites. Fai un rato estiven vendo o filme La Double Vie de Véronique. Moi bo e cunha magnífica música, e cunhas protagonistas interpretadas por unha moi fermosa actriz, Irène Jacob. Iso si, tenho que miralo de novo, porque non entendín case nada. Así que recomendo a quen o vaia a mirar que antes se informe un pouco do argumento.

Logo de acabar, estiven buscando información sobre a película, e logo púxenme a mirar a definición de alucinación hipnagóxica, noción que aparece nos “Cantos de Maldoror” do Conde de Lautréamont, obra que estaba lendo antes de mira-lo film, e que cando acabe, pretendo comentar aquí, no blog.

O asunto é que finalmente acabei buscando diversas cousas de psicoloxía, co obxectivo de comprender que son as alucinacións hipnagóxicas e hipnopómpicas (palabras procedentes do grego). Parece ser que son un tipo de alucinacións que se tenhen nunha fase dada entre o estar totalmente consciente e o estar dormido, pero en ningún dos extremos, e en particular non son sonhos. As hipnagóxicas son as que se producen no proceso de colle-lo sono, e as hipnopómpicas no proceso de espertar. Parece que tenhen que ver coa serotonina, importante sustancia (imposible de describir sen ser moi técnico) para o sistema nervioso, e que tamén xoga un importante papel en enfermidades coma o TOC (trastorno obsesivo-compulsivo) ou o ST (síndrome de Tourette), particularidades (especialmente o TOC) da comúnmente chamada Neurosis.

Advertisements

Menos beleza no cine

Xaneiro 11, 2010

Acabou mal o ano 2009 para o mundo do cine coa morte do director de culto vasco Iván Zulueta, conhecido ante todo polo magnífico film “Arrebato”, e non empeza millor o ano 2010. Fai uns segundos enterábame de que esta manhán faleceu Eric Rohmer, director francés xurdido coa xeración da Nouvelle Vague e que continuou facendo cine ata fai moi pouco tempo. Non tivo moito éxito, pero o seu tratamento das relacións humanas, e en particular do sentimento do amor, dende un punto de vista filosófico (hai quen di que tamén moral) é incomparábel. Amais, soubo dotar ós seus filmes dunha fermosura cativadora coma moi poucos. Non tenho moito máis que dicir. Só quixera recomendar a última obra que vin del, que é a última que fixo, Les amours d’Astrée et de Céladon, unha marabillosa delicatessen, comedia e obra romántica ó tempo, pero non a clásica e moi desgastada dentro do mundo do celuloide “comedia romántica”, é moito máis ca iso, moi agradable de ver, e que leva ás risas de maneira inevitábel. Iso si, coma todo o cine francés, para disfrutalo da millor maneira, hai que miralo en versión orixinal, subtitulado si fai falla.

Nada máis. R.I.P. Eric Rohmer

Outra Galiza Posíbel

Xaneiro 9, 2010

Non me resisto a poñer aquí o seguinte texto de Xosé Luis Méndez Ferrín:

<<Morreu Enrique IV en 1474 deixando herdeira dos seus reinos, entre eles o de Galicia, a súa filla Xohana. Pro un forte partido non acata a decisión e apoia, para a sucesión, a Isabel, irmá do rei morto. Os rebeldes partidarios de Isabel alcumaron a Xohana de La Beltraneja, propalando así a especie de esta ser filla, non do rei, senón dun tal Beltrán de la Cueva. Os promotores de Isabel, que pasaría á historia de España como La Católica, e os de Xohana, coñecida na historia de Galicia e Portugal como A Excelente Señora, enfrontáronse en dura e confusa guerra civil que axiña se internacionalizaría. A razón é esta: Xohana casara co rei Afonso V de Portugal e Isabel fixo o propio con Fernando de Aragón. Tal guerra tivo unha grande repercusión nunha Galicia recentemente asolada pola represión feudal que se exercera contra os irmandiños. (more…)