Outra Galiza Posíbel

Non me resisto a poñer aquí o seguinte texto de Xosé Luis Méndez Ferrín:

<<Morreu Enrique IV en 1474 deixando herdeira dos seus reinos, entre eles o de Galicia, a súa filla Xohana. Pro un forte partido non acata a decisión e apoia, para a sucesión, a Isabel, irmá do rei morto. Os rebeldes partidarios de Isabel alcumaron a Xohana de La Beltraneja, propalando así a especie de esta ser filla, non do rei, senón dun tal Beltrán de la Cueva. Os promotores de Isabel, que pasaría á historia de España como La Católica, e os de Xohana, coñecida na historia de Galicia e Portugal como A Excelente Señora, enfrontáronse en dura e confusa guerra civil que axiña se internacionalizaría. A razón é esta: Xohana casara co rei Afonso V de Portugal e Isabel fixo o propio con Fernando de Aragón. Tal guerra tivo unha grande repercusión nunha Galicia recentemente asolada pola represión feudal que se exercera contra os irmandiños.

Por Isabel levantáronse en Galicia o arcebispo Afonso II de Fonseca e condes coma os de Lemos e Monterrei. Por Xohana, herdeira lexítima, fixéronno, entre outros nobres, dous personaxes novelescos e heroicos. Pedro Álvarez de Soutomaior, conde de Caminha e dito Madruga, e máis Pedro Pardo de Cela, que se impuxera a el mesmo o título de Mariscal.

A guerra xeneralízase ao invadir Galicia Afonso V de Portugal e ao chegar tamén aquí unha armada e tropas de terra castelás mandadas por un tal don Ladrón de Guevara. Durante varios anos correu en Galicia o sangue e déronse fortes feitos de armas. Todo o Norte mantívose por dona Xohana grazas ao mando do Mariscal. O Sul, con intermitencias, tamén se mantivo fiel á Excelente Señora grazas ás forzas e a determinación de Madruga. Apreixada por esta tanaza viuse Compostela, onde exercía o pontificado o galego máis intrigante do século XV: Afonso II de Fonseca. Con sumo desorde, por aquí e acolá, por mar e por terra, movíanse os efectivos expedicionarios de Portugal e de Castela, axuliada por Aragón esta.

Logo, en 1479, Portugal renunciou á causa de Xohana asinando un tratado de paz que intronizou a usurpadora Isabel La Católica. Pero Pardo de Cela resistiu bravamente o exército de Castela. Cando non lle ficaba outro reparo ca o castelo da Frouseira, foi preso mediante treizón e condenado a morte. Decapitáronno en Mondoñedo o 17 de Nadal de 1483. En canto a Madruga, mantivo un tempo a resistencia e seica foi morrer a Alba de Tormes (aínda Alfonso Philippot lle concedeu unha nova vida identicándoo con Cristovo Colón). Até 1486 duraría a guerra en Galicia.

Como dixemos, Xohana estaba casada con Afonso de Portugal e Isabel con Fernando de Aragón. Na realidade, entre 1474 e 1486 defrontáronse dous proxectos de poder político que protagonizaban as casas reinantes de Portugal e de Aragón. Un occidentalista e o outro levantino.

Se triunfase o proxecto de Xohana e Afonso V, sostido polas figuras senlleiras do Mariscal e de Madruga, Galicia restauraría a unidade co seu propio Sul, perdida pola secesión de Afonso Henriques. En lugar de se castelanizar, galego e portugués posibelmente evoluirían a un (esta vez si) “galegoportugués” de novo tipo. A capital estaría en Lisboa. O poder marítimo de Portugal sería beneficioso e positivo para os portos galegos. En alianza estratéxica con Inglaterra, extenderíase un comercio e unha expansión polos cinco continentes nos que nós participaríamos. Castela, en troques, vería acentuar decadencia agrícola e artesanal, mentres abortaba a súa expansión americana. A lingua dominante sería o novo “galegoportugués”, que as elites de Valladolid ou Sevilla irían adoptando. Se isto ocorrese así, como non ocorreu, tal vez hoxe houbese en Castela nacionalistas excluíntes defendendo a “lengua castellana” fronte á dominación secular galegoportuguesa. Incluso podería haber hoxe en Burgos unha sociedade chamada Castela Bilingüe que defendese a libertade de falar sempre galegoportugués e de non vivir en castelán. Unha sociedade de casteláns arrenegados.

Se o mundo fose por tal camiño, co triunfo de Xohana, a situación de Aragón, con Cataluña, Valencia, Baleares e os territorios italianos, sería lastimeira. Isabel, fracasada, non tería outra función ca a de raíña consorte e non reinante. En decadencia a prosperidade e a seguranza mediterránea por presión do Turco, Fernando nunca podería facerse coa Navarra subpirenaica. Ese Aragón e eses Países Cataláns esterían destinados a cair baixo o poder francés. Se cadra, sometida a Francia, hoxe a lingua e a cultura da expresión catalá poderían encontrarse en situación tan precaria coma a lingua e a cultura de expresión occitana.

Con certeza, a seguramente para desgraza de Galicia, a historia ibérica non se revolveu no século XV nunha unificación polo Oeste senón por unha unificación polo Leste. De maneira que Galicia ficou soa a ollar para o Atlántico, arredrada para sempre de Portugal. Galicia reduciuse ao seu propio e extremo curruncho (a Esquina Verde de García Martí) e foi desaparecendo da historia até se converter nun espazo imperceptíbel, subalterno e vastamente desprezado. Desprezado mesmo por moitos dos seus fillos.>>

Advertisements

Etiquetas:

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s


%d bloggers like this: