Centenario Kurosawa

Este ano conmemórase o centenario do nacemento do director de cine xaponés Akira Kurosawa (23/03/1910 – 06/09/1998). Escribiu guións para máis de 60 filmes e dirixiu uns 30, en 16 dos cales colaborou co seu actor fetiche Toshirô Mifune. Estes días, con motivo da conmemoración mentada, puiden ir a ver proxectadas no cine algunhas das súas películas. En concreto, fun a ver 9 delas, que vou a comentar, 8 das cales con Toshirô Mifune. Agora nomearei as 16 nas que colaboraron, ponhendo o ano e un intento de tradución entre paréntese:

  • Yoidore tenshi (1948, O anxo borracho)
  • Shizukanaru ketto (1949, O duelo silencioso)
  • Nora inu (1949, O can vagabundo)
  • Shûbun (1950, Escándalo)
  • Rashômon (1950, Rashômon)
  • Hakuchi (1950, O idiota)
  • Shichinin no samurai (1954, Os sete samurais)
  • Ikimono no kiroku (1955, Recordos dun ser vivente)
  • Kumonosu-jô (1957, Trono de sangue)
  • Donzoko (1957, Os baixos fondos)
  • Kakushi-toride no san-akunin (1958, Os tres Bribóns na Fortaleza Escondida)
  • Warui yatsu hodo yoku nemuru (1960, Os máis canallas son os que millor durmen)
  • Yojimbo (1961, O mercenario)
  • Tsubaki Sanjûrô (1962, Samurai Sanjûrô)
  • Tengoku to jigoku (1963, O ceo e o inferno)
  • Akahige (1965, Barba vermella)

Outros actores cos que colaborou de maneira regular Kurosawa foron Takashi Shimura (o que máis veces traballou co director, en máis de 20 ocasións), Minoru Chiaki, Kamatari Fujiwara, Masao Shimizu, Susumu Fujita, …

Para máis información podédes ver a web de IMDb. Dos mentados anteriormente, os films que eu vin son o 3,5,7,9,11,13,15,16. Amais destes vin a obra rusa de Kurosawa, Dersu Uzala, que é unha obra aparte na filmografía do director xaponés. Farei un pequeno e persoal comentario sobre estas películas, ou máis ben sobre a impresión que me causaron.

Para empezar prefiro notar unhas xeneralidades. Unha é que Kurosawa paréceme un dos millores directores da historia do cinema, e que ten a virtude de que non se poida dicir del que ten unha película mala (é como a maior parte do cine francés). Amais, o seu caso ten o mérito de que os seus filmes non son precisamente de hora e media. Os sete samurais e Barba vermella duran máis de tres horas, O ceo e o inferno e Dersu Uzala case dúas horas e media, e non son obras que se fagan pesadas, ó contrario, gózanse moito, en particular grazas ó peculiar humor surrealista e absurdo de Kurosawa, humor que en certo modo recorda á música de Shostakovich (sobre todo ás sinfonías ou cuartetos), a eses momentos nos que no medio dun momento de máxima tensión dramática soa un valse ou un tema cómico. Así pois, nos filmes a tratar, que moitas veces poden considerarse dramas ou traxedias, non falta nunca o toque cómico. Por outra banda é impensábel o actual cine americano, sen a influenza de Kurosawa, pénsese en Martin Scorsese, Brian de Palma, Steven Spielberg, Francis Ford Coppola, George Lucas, etc. Para ver isto pódese comparar o imaxinario visual de O ceo e o inferno con Scarface de Scorsese, ou con outras películas do mesmo autor ou de De Palma. Outra cousa a observar: é fantástica a influenza do teatro clásico grego, i.e., da Traxedia Grega, en Kurosawa. Outro elemento de xenio das súas obras é o tempo, ou máis ben, o fenómeno meteorolóxico, o calor en O can vagabundo, a choiva no presente de Rashômon ou en Os sete samurais, as néboas en Trono de sangue,  o vento, …. Moitas películas tenhen pois un fenómeno meteorolóxico que as define, que as ambienta, e que realmente o espectador sente.

  • O can vagabundo: A película que menos me gustou das que vin, aínda que tampouco me desgustou. Digamos que é coma o típico cine negro americano, o que todos nos imaxinamos, pero cunha ambientación xaponesa e cun addendum de reflexión moral. En particular recordoume a unha obra que pode ser prototípica no xénero, dirixida por Raoul Walsh e interpretada por Humphrey Bogart, sobre os felices anos 20 americanos, a mafia e a lei seca (Os violentos anos 20, me parece que é o filme en cuestión), pero insisto en que se me recordou a ese filme é soamente porque é co que eu imaxínome o cine negro clásico e non pola obra concreta.
  • Rashômon: PERFECTA. Xunto a O sétimo selo de Bergman e a algunha outra obra máis son desas obras de arte que van máis alá do cine, que superan a perfección, para as que non hai palabras. Quizá é unha das obras nas case non hai a posíbel influenza do cine americano no director xaponés (como a que foi remarcada no filme xa comentado). Toshirô Mifune é o bandido, e Takashi Shimura o leñador.
  • Os sete samurais: Sublime. Obra longa, pero paga a pena que así o sexa, pois é obra moi completa, e como xa dixemos no comentario xeral, con moitos detalles cómicos. É a descrición dunha guerra civil, mais tamén é unha historia de amor nese contexto, a vivencia da morte e o retrato dunha sociedade. Tamén volvo insistir en que realmente, das veces en que tenho mirado películas longas (máis de dúas horas e media), en moi poucas ocasións acabo non-canso e coa sensación de que aproveitei o tempo cun bo filme, e que o gocei. Este é o caso grazas á constante presenza da tensión dramática; tamén o serán O ceo e o inferno, Dersu Uzala e Barba vermella, e aproveito para recordar un filme polaco que tamén é exemplo disto, O manuscrito atopado en Zaragoza, dirixido por Wojciech Jerzy Has e baseada no libro homónimo do autor polaco Jan Potocki. Neste filme, Toshirô Mifune é o samurai máis individualista, Takashi Shimura o líder dos samurais, e Minuro Chiaki o samurai que se adicaba a cortar lenha. O samurai mozo é Ko Kimura (actor que tamén aparece co nome Isao Kimura). Pola súa parte, Kamatari Fujiwara é o campesiño que sobreprotexe a súa filla.
    Cabe destacar tamén a fotografía e a escenografía, cos elementos que ensucian a imaxe ou a choiva tamén como elemento erótico potenciador tanto da historia de amor coma da natureza salvaxe dos humanos, característica habitual no cinema de Kurosawa e tamén de Mizoguchi.
  • Trono de sangue: Baseada no Macbeth de Shakespeare. Como todas as obras inspiradas neste autor (e ben feitas), é fantástica. Que se pode dicir? Maxia, fantasmas, misterio, traxedia, teatro en estado puro.
  • Os tres Bribóns na Fortaleza Escondida: Como anécdota e exemplo de a influenza de Kurosawa no cine americano, George Lucas inspírase nesta obra para algúns dos episodios de Star Wars. Divertida obra de aventruras.
  • O mercenario: Sergio Leone inspirouse nesta obra para facer Per un pugno di dollari; S. L. escribiu o guión do seu filme en 5 días. A realidade é que o argumento é o mesmo, a historia é a mesma, os guións son case idénticos. A obra de S. L. é máis minimalista no sentido de que quita algún personaxe, e concentra a batalla en dous grupos que se identifican con dúas familias, mentres que no filme de Kurosawa, cada un dos dous grupos son unha familia principal e outras asociadas. Por outra parte S. L. intenta dar detalles de realismo a súa película que non ten O mercenario. Polo demais, cústame encontrar diferencias entre as dúas obras, salvo que nunha a batalla é con espadas e na outra con pistolas. Iso si, os filmes de Leone (a triloxía do dolar) tenhen a súa calidade, e son moi bos. Sobre o filme en si, ten detalles moi cómicos e unha música excepcional. O certo é que a música máis ben escasea nas obras de Kurosawa, pero non se bota en falta, e sempre está ben escollida e situada.
  • O ceo e o inferno: Soberbia, unha obra mestra máis de Kurosawa. Coma Os sete samurais, moi completa. Xa comentei a influenza que puido exercer no cine americano.
  • Barba vermella: Ídem: soberbia, outra obra mestra máis, inda que quizá sóbralle algunha escena. Como noutras ten algúns detalles cómicos no interior, pero neste caso non estou convencido de que todos eles sexan adecuados, hai concretamente un que ……. Por outra parte, tamén recordoume o filme mentado anteriormente, O manuscrito atopado en Zaragoza, aínda que nesta ocasión non pola duración (que tamén), senón por un esquema similar que comparten as dúas con As mil e unha noites. O relato dentro do relato, é dicir, narradores que son narrados, como nas famosas Matrioskas rusas, esquema este que tamén aparece en Rashômon, e aínda que en ámbolos dous casos aparece pouco desenrolado, en Barba vermella nótase máis e ten un efecto encantador. Por certo, un detalle máis sobre esta película: nalgúns aspectos é de rabiosa actualidade, e non só no Xapón.
  • Dersu Uzala (O cazador): Está baseada nun libro de Vladimir Arsenyev. Ten como actores protagonistas a Maksim Munzuk e Yuri Solomin. Non sei que dicir desta obra. Si non a chego a mirala nesta ocasión, creo que non a miraría nunca, pois ten un tipo de argumento e presentación (os primeiros minutos) que non son os que máis me atraen. De todos modos gustoume moito e hai moito que aprender dela. É unha película fermosa e triste á vez, con algo elexíaco, sobre os (últimos) anos da vida dun nómade mongol. Tamén aparece reflectido nela o absurdo que ten as veces o mundo moderno e supostamente civilizado. Non me atrevo a dicir que é un filme con algo de documental, pero si poderíase ponher en relación con algúns filmes de Werner Herzog (Aguirre, a cólera de deus), pola maneira en que foi rodada e tamén polo ritmo e as impresións que transmete. Por outra parte, a cor da película é moi peculiar. As paisaxes mostradas os primeiros momentos parecen sacadas dun cadro impresionista. Kurosawa, neste aspecto, é parte da escola xaponesa, que tan bo manexo fai da iluminación nas películas en branco e negro (Kenji Mizoguchi), e que tan fermosas cores obtén nos filmes en cor (Teinosuke Kinugasa).

Sobre os premios. Rashômon deu a conhecer a Kurosawa internacionalmente vía Festival de Cannes. Dersu Uzala ganhou o Oscar a millor película estranxeira. Etc. (Eu ignoro)

Advertisements

Etiquetas:

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s


%d bloggers like this: