3 palabras sobre o cinema (e a filmografía) de (e entorno a) Rohmer

Non vou dicir moito (chegando, inda así, a ser a entrada máis longa do blog). Non pretendo máis que recorre-la carreira cinematográfica de Rohmer facendo pequenos comentarios das obras que conhezo.

Éric Rohmer (chamábase en realidade Jean-Marie Maurice Schérer; o nome artístico inspírase no nome de Erich von Stronheim e no de Sax Rohmer), nado en Tulle (Corrèze, France) entre o 20 e 21 de marzo de 1920, falecido o 11 de xaneiro de 2010 en Paris.

Unha referencia biográfica (en catalán): Éric Rohmer

Un cine non afastado da realidade. Quizá é esa a razón pola que gozo con Rohmer, especialmente cando me identifico con moitos dos seus personaxes nalgúns momentos, sobre todo coa Delphine de O Raio Verde. Pero calquera pode verse identificado. Por outra banda, moitas veces os nomes dos personaxes coinciden cos dos actores, e as localizacións das historias son as dos lugares de rodaxe. E os paxaros que se oen son reais. Oímos máis dun galo cantar ó longo dos filmes de Rohmer, e moitos paxaros de fondo, sempre, como xa se nota en La collectionneuse, é como un pode ver no rodaxe de Conte d’été, en La fabrique du Conte d’été de Jean-André Fieschi e Françoise Etchegaray (cf. http://www.cinemadureel.org/?page=article&id_article=313 e France Diplomatie).

Rohmer narra a realidade da maneira máis elegante. Director da Nouvelle Vague e un dos fundadores de Cahiers du Cinema, como François Truffaut, Jean-Luc Godard ou Jacques Rivette, Rohmer é á vez un director teatral que sabe medir perfectamente o tempo, na linha de Ingmar Bergman, pero tratando sempre temas comúns, ante todo, aquilo que rodea ó amor, como tamén fixo Truffaut, mais Rohmer dálle un tratamento  máis abstracto e escolle como obxecto de estudo a parella antes ca os namorados, ó contrario de Truffaut. Así, o amor é visto dende tódolos puntos de vista, sen esquecer nengún. Dende o drama á comicidade, dálle sempre toda a importancia a esta última sen deixar caer os seus filmes na amargura.

Por outra parte son remarcábeis as diferentes introducións e os diferentes finais dos filmes de Rohmer, así como as músicas usadas para estes. En moitas ocasións, sobre todo nas primeiras obras (e.g.: os Contes Moraux), a música do comezo do filme soa moi moderna, como as pezas de música clásica contemporánea ou de música experimental. No lado oposto os finais e tamén ó longo dalgunhas películas as músicas que aparecen son pezas clásicas coma o concerto para clarinete de Mozart, pezas de Schubert ou pezas de Schumann (estas últimas no Conte de printemps). Outro aspecto interesante das películas son as diferentes subdivisións que se fan. En moitas ocasións sepáranse por días, pero tamén hai filmes con distintas historias que nada tenhen que ver, mais tenhen os personaxes en común (4 aventures de Reinette et Mirabelle), ou tamén temos o caso do film con diferentes historias co denominador común que supón a temática (Les Rendez-vous de Paris), e incluso hai o filme no que case toda-la historia sucede nun só día (La femme de l’aviateur). Tamén destacan as introducións os diferentes capítulos de L’arbre, le maire et la médiathèque., por medio de condicionais inacabados preguntando que pasaría se os respectivos feitos non fosen coma no filme.

Outra característica do cinema de Rohmer son os personaxes impertinentes, molestos, eses que caen mal dende o primeiro momento, e nos que parece que Rohmer quixo especializar a Arielle Dombasle (cf. Le beau mariage, Pauline à la plage, L’arbre, le maire et la médiathèque). Os hai que provocan dúbida, como é Gaspard, o protagonista de Conte d’été, e a súa parella Lena. Pola contra, no último filme, Les amours d’Astrée et de Céladon, aparecen ata 3 personaxes así: o pastor que quere que Astrée rompa con Céladon para que vaia con el (e que provoca todo o que sucede no filme), o cantante Hylas, que sempre leva a contraria e que non respecta ós demais, e a ninfa Galathée, que non quere deixar marchar a Céladon. Pero hai moitos máis que non vou enumerar aquí.

Empecemos dando unha boa referencia (en catalán):  El narrador exorbitat

Primeiras curtametraxes (para máis datos pódese consultar o libro Éric Rohmer: comédies et proverbes de Alain Hertay):

  • Journal d’un scélérat (1950), rodada en 16 mm., en branco e negro. Estaba inspirada no Xornal dun sedutor de Kierkegaard. Perdeuse.
  • Présentation ou Charlotte et son steak (1951, 1960), rodada en 35 mm., en branco e negro.
  • Les Petites Filles Modèles (1952), rodada en 35 mm., en branco e negro. Estaba inacabada e perdeuse.
  • Bérénice (1954), con fotografía de Jacques Rivette, rodada en 16 mm., en branco e negro. Está inspirada nunha historia de Edgar Allan Poe.
  • La sonate à Kreutzer (1956), rodada en 16 mm., en branco e negro. Baseada nunha obra de Tolstoi e producida por Godard
  • Véronique et son cancre (1958), rodada en 35 mm., en blanco e negro. Producida por Claude Chabrol

Primeira longametraxe:

    • Le signe du lion (1959) – O signo de leo

A música asóciase ó movemento. A melodía que acompanha a vida de Pierre Wesselrin (Jess Hahn) dende a crenza na maior riqueza posíbel, a vida con amigos, o éxito, ata o fracaso, a pobreza, a vida dos homeless. Como anécdota, aparece Jean-Luc Godard no papel dun melómano. Claude Chabrol participa na producción. Está rodada en 35 mm. en blanco e negro.

En 1962, xunto a Barbet Schroeder e a produtora Margaret Menegoz, crean Les films du Losange (=:LFDL) a empresa que coproduciría a maioría dos seus films (e tamén distribuiría algúns deles), e que é dirixida por Margaret Ménégoz dende 1975 (ata agosto de 2010, data actual, polo menos).

Durante os anos 60 Rohmer fixo sobre todo pequenos traballos para televisión e/ou curtametraxes.

Curtametraxes documentais feitas para a serie educativa En profil dans le texte:

  • Paysages urbains (1963)
  • Les Cabinets de physique (La Vie de société au XVIIIème siècle) (1964)
  • Les Métamorphoses du paysage (L’ère industrielle) (1964)
  • Les salons de Diderot (1964)
  • Perceval ou le Conte du Graal (1964)
  • Don Quichotte de Cervantes (1965)
  • Les histoires extraordinaires d’Edgar Poe (1965)
  • Les Caractères de La Bruyère (1965)
  • Entretien sur Pascal (1965)
  • Victor Hugo, Les contemplations (Livre V-V) (1966)
  • Entretien avec Mallarmé (1968)
  • Nancy au XVIIIème siècle (1968)
  • Victor Hugo, architecte (1969)
  • La sorcière de Michelet (1969)
  • Le Béton dans la ville (1969)
  • Le français langue vivant? (1970)

Cabe destacar as primeiras colaboraciós co fotógrafo barcelonés Néstor Almendros (=:NA), quen sería o director de fotografía de moitos dos filmes de Rohmer:

  • Nadja à Paris (1964) – Nadja en Paris (curtametraxe en 16 mm. en branco e negro). Producida por LFDL (Barbet Schroeder).
  • Place de l’Étoile (1965) sketch da obra colectiva (pola Nouvelle Vague) Paris vu par …, rodada en 16 mm. Coproducida por LFDL (Barbet Schroeder).
  • Une étudiante d’aujourd’hui (1966) – Unha estudante de hoxe en día (curtametraxe en 16 mm. en branco e negro). Producida por Pierre Cottrell.

Longametraxes documentais para a serie Cinéastes de notre temps:

  • Carl Th. Dreyer (1965)
  • Le celluloïd et le marbre (1966)

Entre 1967 e 1968 rodou a curtametraxe (coproducida por LFDL [Barbet Schroeder])

  • Fermière à Montfaucon

e os documentais educativos

  • L’homme et la machine (1967)
  • L’homme et les images (1967)
  • L’homme et les frontières (1968)
  • L’homme et les gouvernements (1968)

Novo conxunto de documentais para a serie Aller au cinéma:

  • Postface à l’Atalante (1968)
  • Louis Lumière (1968)
  • Postface à Boudu sauvé des eaux (1968)

Primeira serie: 6 Contes Moraux (6 contos morais)

    1. La boulangère de Monceau (1963) – A panadeira de Monceau (curtametraxe en 16 mm. en branco e negro). Coproducida por LFDL (Barbet Schroeder).
    2. La carrière de Suzanne (1963) – A carreira de Suzanne (curtametraxe en 16 mm. en branco e negro). Producida por LFDL (Barbet Schroeder).
    3. Ma nuit chez Maud(1969) – A minha noite con Maud.

Con Jean Louis Trintignant (un dos membros principais dos Trintignant, unha familia ben importante na cultura francesa do século XX, especialmente no mundo do automobilismo e no do cinema), Françoise Fabian (este é o seu primeiro gran traballo, interpretando a Maud), Marie-Christine Barrault, Antoine Vitez, e rodado en 35 mm. en branco e negro e con fotografía de NA. Coproducida por LFDL (Barbet Schroeder e Pierre Cottrell).

O filme nace da contraposición de dous mundos opostos. Un enxenheiro católico ten que pasar unha noite en casa dunha amiga dun amigo seu, de pensamento moi liberal, debido a unha nevada. Neste caso a melodía do filme é a conversación entre os dous personaxes.

Tanto neste como en La collectionneuse, xa xoga Rohmer cos intercambios de parellas, previsibles e sorprendentes ó tempo, que tanto aparecerán no seu cine.

    1. La collectionneuse (1967) – A coleccionista

Con Haydée Politoff (interpretando a personaxe homónimo), Patrick Bauchau, Daniel Pommereulle como actores principais, e rodado en 35 mm. con fotografía de NA (quen tamén aparece no filme). Primeiro filme en color de Rohmer (Eastmancolor). Coproducida por LFDL (Barbet Schroeder).

Temas. As confrontaciós, soidade vs. dependencia dos demais, amor pola parella (e estabilidade) vs. amor pola coleccionista de amantes (risco), a dúbida ante os sentimentos dos demais, e a conxugación destas ideas nunha soa.

Premio Especial do Xurado no Festival de Berlin (1967)

    1. Le genou de Claire (1970) – O xeonllo de Clara

Con Jean-Claude Brialy, Aurora Cornu (novamente interpretando a personaxe homónimo), Béatrice Romand, Laurence de Monaghan. Tamén é o primeiro traballo con Rohmer de Fabrice Luchini. Rodado en 35 mm. con fotografía de NA (Eastmancolor). Producida por LFDL (Barbet Schroeder e Pierre Cottrell).

Ó estilo de Lolita, esta é a historia dos xogos eróticos de Jerome (J-C B), quen se vai casar tralas vacacións, con dúas rapazas moito máis xoves ca el. Eses son motivados por Aurora quen identifica a J co protagonista do libro que está escribindo e do que quere saber como acabalo.

Da misma maneira que nas demais películas de Rohmer (en xeral), a localización fílmica é a mesma que a real (onde o filme foi rodado), o Lac d’Annecy na Haute Savoie (France).

    1. L’amour l’après-midi (1972) – O amor tralo mediodía

Con Bernard Verley, Zouzou (Dianèle Ciarlet), Françoise Verley (os Verley son matrimonio no filme e na realidade), Daniel Ceccaldi, Malvina Penne, Elisabeth (also Babette) Ferrier e rodado en 35 mm. con fotografía de NA (Eastmancolor). Producida por LFDL (Barbet Schroeder e Pierre Cottrell).

Fréderic (BV) quere a súa muller, e a confianza mutua permítelle tratar con liberdade ás outras, gozar da súa beleza (as secretarias MP e EF, secuencia do sonho, na que aparecen actrices de filmes anteriores; Françoise Fabian, Marie-Christine Barrault, Haydée Politoff, Aurora Cornu, Laurence de Monaghan, Béatrice Romand), etc., pero o reencontro cunha vella conhecida, Chloé, quen tamén vive con gran liberdade, faille entrar nun caminho sen saída cara a ela.

En 1975 o intelectual francés dirixe a miniserie televisiva composta de 4 episodios

  • Villes Nouvelles
  1. L’enfance d’une ville
  2. La diversité du paysage urbain
  3. La forme de la ville
  4. Le logement à la demande

Entre os contos morais e a seguinte serie, Rohmer fai dous filmes moi especiais.

    • Die Marquise von O (1976) – A Marquesa de O

Con Edith Clever, Bruno Ganz, Edda Seippel, Peter Lühr, Otto Sander, e a soberbia fotografía de NA. Rodado en 35 mm.(Eastmancolor). Coproducida por LFDL (Barbet Schroeder).

É unha adaptación da novelle homónima de Heinrich von Kleist.

Neste filme apréciase todo o que comentabamos de Rohmer ó principio.

Primeiro, un novo punto de vista no tema do amor. A marquesa, cre que está embarazada, pero está convencida de que non tivo relacións con nenguén. Os pais non a cren, e cando se confirma que vai ter un/unha fill@, os pais bótana de casa.

Segundo, sendo un filme con máis ben carácter dramático, ten escenas de moita comicidade, a cal aumenta co paso dos anos e coa súa evolución como cineasta. Poderíase falar de drama de enredo no canto de comedia de enredo dende o momento en que os momentos cómicos devenhen das confusións producidas, e isto é así en xeral en toda a producción de Rohmer, herdeiro neste aspecto da mehor comedia clásica. Amais atopamos aquí un sentimentalismo esaxerado nalgunhas esceas que non fai senón producir unha sensación de absurdo.

Terceiro, a influenza doutras artes déixase notar. Esta xa é unha obra moi teatral, pero máis ben parece unha sucesión de cadros un tras outros, unha máis das tantas obras pictóricas (no bo sentido) do director francés (inspiración no Fausto de F. W. Murnau?). Isto non é casual, e está moi ben preparado, o que se nota no espectacularmente depurada que está a fotografía, a imaxe, cuns escenarios cos elementos xustos pra crear a representación artística-pictórica. Soberbio trabalho de Néstor Almendros.

Premio Especial do Xurado no Festival de Cannes (1976)

    • Perceval le Gallois (1978) – Perceval o Galés

Neste caso o protagonista é interpretado por un dos actores máis reconhecibles nalgúns dos diferentes filmes de Rohmer, Fabrice Luchini; outro dos personaxes é interpretado por André Dussollier (quen xa traballara nalgúns filmes e que acabaría sendo un moi prolífico actor, sobre todo no mundo do cinema francés), e amais tamén tenhen aparicións actrices famosas por outras obras de Rohmer, Pascale Ogier, Marie Rivière, Anne-Laure Meury (ambalas tres traballan por primeira vez co cinesta francés nesta obra), Arielle Dombasle (que se estrea como actriz neste filme) e Marie-Christine Barrault. Unha vez máis está rodado en 35 mm. e a fotografía é feita por NA (Eastmancolor). Coproducida por LFDL (Margaret Ménégoz e Barbet Schroeder).

Está baseada en Perceval, Le conte du Graal de Chrétien de Troyes.  O texto é traducido e versificado coa intención de non afastarse do mundo medieval. Pra iso, amais, é rodada de modo que pareza a sucesión de escenas dunha miniatura medieval, cun fondo constante coma o do escenario dun teatro. Nisto, nótase a inspiración prerrafaelita, tan unida ó mundo medieval, vía o uso de cores planas, a eliminación de sombras, co obxectivo de lograr a ausencia de profundidade daquelas. Así, vemos aquí de novo a influenza da pintura no cineasta francés. Tamén é introducido un coro de xograres interpretando música baseada en pezas medievais, inda que non se nota o cambio (parece orixinal), polo que a parte musical do filme é moi importante na procura da ambientación medieval. Por outra parte a música serve de nexo de unión en moitas ocasións, e axuda a que a película non se acabe facendo pesada (polas máis de 2 horas con eses fondos de escenario tan particulares). En particular a música axuda a que a versión da Paixón de Cristo que aparece aquí fágase particularmente entretida (para min a que máis, e xunto a A vida de Brian dos Monty Python, as únicas dixeríbeis).

Paréceme que quedan algunhas preguntas por contestar, pero pode que tamén sexa así no libro inspirador, o cal desconhezo.

En 1979 dirixe a obra de teatro

    • Catherine de Heilbronn

Está inspirada na obra de Heinrich von Kleist. Fai un telefilme con ela. Intervenhen en papeis secundarios Arielle Dombasle, Pascal Greggory e Marie Rivière.

Segunda serie: Comédies et Proverbes (Comedias e Proverbios)

Nótase a evolución de Rohmer e o aumento da comicidade nos seus filmes, máis relaxados, abandoando unha certa tensión.

Para máis información (en francés) pódese ver LES COMÉDIES ET PROVERBES D’ÉRIC ROHMER.

    1. La femme de l’aviateur (1981) – A muller do aviador

“On ne saurait penser à rien” (É imposible pensar en nada), apois Alfred de Musset.

Con Philippe Marlaud (morto tráxicamente nese mesmo 1981 con 22 anos recén cumpridos), Anne-Laure Meury e Marie Rivière. Nesta ocasión o filme está rodado en 16 mm. e Eastmancolor e o director de fotografía é Bernard Lutic. Coproducida por LFDL (Margaret Ménégoz).

Un antigo noivo de Anne (MR) a deixa. O actual noivo dela, François (PM), os ve xuntos e sospeita. Con celos, e posto que Anne non lle quere dicir nada, decide persegui-lo seu ex, tras encontralo nun bar cunha muller. Entón conhece a Lucie, a quen usa pra disimula-lo seu espionaxe. A partires de ahí deciden seguir a persecución  ó modo de comedia de espías de rúa. Ata onde chegará a amizade entre F e L?

Aparece tamén Fabrice Luchini e estréase con Rohmer Rosette (Quéré). Por outra banda, a actriz Arielle Dombasle canta o tema principal do filme.

    1. Le beau mariage (1982) – A boa voda

“Quel esprit ne bat la campagne / Qui ne fait château en Espagne” (Que espírito non divaga? / Quen non fai castelos no aire?) de Jean de La Fontaine.

Con Béatrice Romand, Arielle Dombasle, André Dussollier, Féodor Atkine. Tamén participa Pascal Greggory, outro actor Rohmer, inda que ten un papel menor. O rodaxe é en 35 mm. e novamente dirixe a fotografía Bernard Lutic. Coproducida por LFDL (Margaret Ménégoz).

Sabine (BR) rompe coa súa parella (FA) e decide que quere casarse. A súa amiga Clarisse (AD) preséntalle a un primo seu, avogado, e pouco a pouco Sabine convéncese de que ese ten que se-lo seu home.

Nesta ocasión mírase a relación de parella como unha finalidade en si, a partir do desexo, ou mási ben capricho, dunha personaxe, e tamén estúdase o amor non correspondido.

    1. Pauline à la plage (1983) – Pauline na praia

“Qui trop parloit, il se mesfait” (Quen fala demasiado, faise mal a si mesmo), de Chrétien de Troyes.

Cun reparto moi similar ó da anterior obra. Estréase no mundo de Rohmer unha rapaza de 15 anos chamada Amanda Langlet, pero os outros papeis principais son os de Arielle Dombasle, Féodor Atkine, Pascal Greggory e Rosette. Tamén debuta no cine Simon de La Brosse (outro actor que acabaría mal, suicidándose con 32 anos en 1998).  De novo NA, que recordo é Néstor Almendros, dirixindo a fotografía en 35 mm. en Eastmancolor. Esta é a última ocasión na que traballa xunto con Rohmer. Morrería o 4 de marzo do 1992 en New York por causa da SIDA. Coproducida por LFDL (Margaret Ménégoz).

Filme complexo con visos eróticos. O amor a 6 e as relacións de parella visto dende as miradas de cada un dos distintos personaxes implicados nun enredo do que un é conhecedor antes que os personaxes, como noutras ocasións na obra de Rohmer o que provoca unha certa comicidade ante a perspectiva do que pasará.

    1. Les nuits de la pleine lune (1984) – As noites de lúa chea

“Qui a deux femmes perd son âme, qui a deux maisons perd sa raison” (Quen ten dúas mulleres perde a súa alma, quen ten dúas casas perde a súa cabeza), proverbio da provincia francesa de Champagne.

Con interpretacións de Pascale Ogier (desaparecida tráxicamente por un infarto o 25 de outubro de 1984, un día antes de cumprir 26 anos), e Fabrice Luchini entre outros, con fotografía (Eastmancolor; formato de 35 mm.) de Renato Berta (a mesma que dirixiu a de Smoking, Non Smoking de Alain Resnais, e colaboradora en varias ocasións de Manoel de Oliveira), e música do dúo Elli & Jacno. Coproducida por LFDL (Margaret Ménégoz).

Neste caso o proverbio o di todo. Louise (PO) quere ó seu home pero necesita estar sola. Por outra banda, permétese gozar con liberdade, igual que deixa ó seu home. Pero ten que encontrar ata onde pode levar esa soidade e esa liberdade.

    1. Le rayon vert (1986) – O raio verde

“Ah! que le temps vienne / où les coeurs s’éprennent” (Ah! que chegou o tempo / no que os corazóns enamóranse) versos do poema « Chanson de la plus haute Tour » de Arthur Rimbaud.

Con Marie Rivière, protagonista absoluta do filme, e musa e tótem de Rohmer desta obra en adiante. Tenhen papeis secundarios outras actrices Rohmerianas como Rosette e Béatrice Romand. Nesta ocasión a fotografía é dirixida por Sophie Maintigneux, que estreábase con este filme. O formato é de 16 mm. ampliado a 35 mm.. Coproducida por LFDL (Margaret Ménégoz).

Inspirada na novela homónima de Jules Verne, da que se entresaca unha lenda (que parece ser non ten tanto de lenda como de realidade) narrada no filme de carácter moi simbólico. Quizais é a obra mestra de Rohmer, e seguro é un dos filmes con máis éxito do cineasta, senón o que máis.

Delphine (MR) está sen unha parella coa que ir de vacacións e non quere ir nen soa nen en grupo. Finalmente unha amiga a convence para ir de veraneo á casa duns familiares. Alí Rohmer expón un personaxe delicioso co que eu identifícome profundamente por diversas razóns, como dixen ó principio.

A temática neste caso trata da búsqueda das relacións de parella dende a soidade do personaxe.

León de Ouro e Premio FIPRESCI no Festival de Venecia 1986

    1. L’ami de mon amie (1987) – O amigo da minha amiga

“Les amis de mes amis sont mes amis” (Os amigos dos meus amigos son os meus amigos)

Con Emmanuelle Chaulet (quen debuta no mundo do cinema), Sophie Renoir, Anne-Laure Meury, Eric Viellard e François-Eric Gendron. A fotografía é de novo en 35 mm. e de Bernard Lutic. Coproducida por LFDL (Margaret Ménégoz), a propiedade do copyright é da CER.

Moi fermoso filme sobre (outra vez)  os intercambios de parella, e as situacións cómicas que estes causan. Esta é unha obra no máis puro estilo Rohmer, pois tamén é moi teatral e moi realista. Os sonhos dos personaxes son os nosos propios. Poderíase dicir que un dos temas do filme é o amor ante a fidelidade entre amigas, pero tamén ante os sonhos e ante as posibilidades que un ten.

Hai dúas escenas polas que xa paga a pena mira-lo filme. Con iso digo que é un dos meus favoritos, e por tanto dos que máis suxiro, senón o que máis.

No ano 1983, Rohmer dirixe a curtametraxe

  • Loup, y es tu?

Cabe destacar que entre os anteriores filmes rodou o seguinte videoclip con Pascal Greggory e Rosette:

  • Bois ton cafe (1986) – Bebe o teu café

Outro filme feito antes de acabar coa serie Comédies et Proverbes foi

    • 4 aventures de Reinette et Mirabelle (1987) – 4 aventuras de Reinette e Mirabelle

Con Joëlle Miquel e Jessica Forde. Tamén aparecen en papeis moi secundarios François-Marie Banier (que se estrea baixo a dirección do intelectual francés nesta ocasión), Marie Rivière, Béatrice Romand, Fabrice Luchini, e ata …, Éric Rohmer!! A directora de fotografía volve a ser Sophie Maintigneux (formato de 16 mm.). Coproducida por LFDL xunto con CER (primeira producción da Compagnie Éric Rohmer; mirar máis abaixo).

Este é un filme con escenas moi cómicas por unha banda, e pola outra cun certo carácter educativo. Polo demais os dous personaxes aparecen explicados nos seus nomes. Reinette, ó igual que a variedade do mesmo nome de mazá, é lixeiramente ácida, unha moza de campo algo ruda. Pola contra, Mirabelle, ó igual que a así chamada clase de ameixas, é unha moza doce e agradábel. Este contraste leva a situacións particularmente divertidas entre as dúas mozas.

Por outra parte, nesta obra poderíase dicir que dende moi lonxe acércase Rohmer ó amor homosexual, e quero dicir, aviso, que arisco se o interpreto así, porque non se explicita que ningunha das mozas sexa lesbiana, pero os cadros pintados por Reinette e a súa visión deles e a súa amizade con Mirabelle (o modo en que a mira) fai pensar nesta dirección.

Tamén como o propio nome indica, o filme consta de 4 historias:

  1. L’heure bleu
    As protagonistas conhécense por medio dun pinchazo dunha roda de bicicleta. Antes de nada aprendemos como arranxalo no caso de que nos suceda-lo mesmo. A historia desenrolase entorno a lenda da hora azul, un momento de silencio absoluto no centro da noite, cando os animais da noite cesan de cantar, e os da manhán inda durmen. Esta lenda, en contra do que pasa ca do raio verde, si que parece que non ten fundamento nen realidade nengunha.
  2. Le garçon de café
    Surrealismo “très, très, très drôle”. Unha das escenas máis divertidas e absurdas da obra de Rohmer.
  3. Le mendiant, le cleptomane et l’arnaqueuse
    Outra escena divertida, neste caso non polo que pasa senón polo que se mira que vai pasar (igual que en tantos filmes do cineasta francés, como o Conte d’automne ou L’ami de mon amie, entre outros). Tamén temos unha aparición un pouco surrealista de Marie Rivière.
  4. La vente du tableau
    Outra escena surrealista e “très drôle”, co personaxe interpretado por Fabrice Luchini como vítima.

Tamén en 1987 crea a obra de teatro

  • Trío en mi bemol

do que logo faría un telefilme, coa participación de Pascal Greggory.

Coa serie acabada rodou un pequeno telefilme no que participaban novamente Pascal Greggory e Rosette, e que supón a primeira das 3 obras de Rohmer na que o director de fotografía foi Luc Pagès.

  • Les jeux de société (1989) – Os xogos de sociedade (curtametraxe)

E logo comezou a terceira e última das series fílmicas que rodou: Contes des Quatre Saisons (Contos das 4 estaciós)
Segundo confesión do propio Rohmer, esta serie estaba inspirada en Shakespeare.

    1. Conte de printemps (1990) – Conto de primavera

Os intérpretes principais son Anne Teyssèdre, Florence Darel, Hugues Quester e Eloïse Bennett, e o director de fotografía é Luc Pagès (35 mm.). Coproducida por LFDL (Margaret Ménégoz) e por CER.

Conto sobre a filla que mira como o pai separado da súa nai está cunha muller que a ela non lle gusta, e que decide casalo con outra moito millor que acaba de conhecer, e coa que rapidamente fíxo amizade. Esta amiga séntese soa, pois o seu noivo está de viaxe, pero ten claro o que quere. O problema das relacións de parella post-matrimoniais visto dende os ollos da filla, quen imaxina que a parella do seu pai rouboulle unha xoia, o que provoca unha certa intriga. É unha pequena comedia bastante fermosa por momentos e novamente cun certo carácter educativo ou divulgativo, con algún debate de filosofía pura, de metafísica platónica, polo medio, inda que sen gran profundidade.

    1. Conte d’hiver (1992) – Conto d’inverno

Nova aparición de Marie Rivière neste relatos máis ben triste no que os principais personaxes son interpretados por Charlotte Véry (esta é a primeira das súas 3 colaboración con Rohmer, facendo de Félicie), Michel Voletti (o peluqueiro no filme), Hervé Furic (o bibliotecario), Frédéric van den Driessche (o amante perdido), Ava Loraschi (a filla de Félicie) e Christiane Desbois (a nai de Félicie). Tamén aparece Rosette como a irmá de Félicie. A fotografía é de Luc Pagès (16 mm.). Coproducida por LFDL (Margaret Ménégoz), por CER e por Canal+ entre outras companhías.

Nesta ocasión trátase da búsqueda do amor apois perde-lo verdadeiro. Marie Rivière, musa de Rohmer, aparece coma un anxo iluminador no momento estelar do filme. É por suposto unha referencia ó inspirador destes filmes, a Shakespeare e a súa peza homónimo Conto d’inverno.

Premio FIPRESCI no Festival de Berlin 1992

    1. Conte d’été (1996) – Conto de verán

Fermosísima Pauline con 13 anos máis, é dicir, Amanda Langlet, liderando o filme. Tamén con Melvil Poupaud, Gwenaëlle Simon e Aurelia Nolin. Formato de 35 mm.. Coproducida por LFDL (Margaret Ménégoz e Françoise Etchegaray) e por Canal+.

Quizais o máis fermoso filme de Rohmer xunto a Le rayon vert e L’ami de mon amie. Ó son das cancións marinheiras de piratas, un mozo matemático (MP) espera encontrar por azar a súa parella no pobo onde esta vai veranear. Alí conhece a Margot (AL) coa que faise moi amigo e coa que fala sinceramente das cousas como a vida, as debilidades, o amor. Logo aparécelle o problema de que ten que tomar varias decisións para as que ten que elixir unha moza.

Realmente é esta unha obra moi literaria e, como os outros 3, honra o nome de Conto.

    1. Conte d’automne (1998) – Conto d’outono

Marie Rivière, Rainha e Deusa. Béatrice Romand, outra clásica dos filmes de Rohmer. E a fermosa actriz Alexia Portal. Acompanhan a Alain Libolt (no seu primeiro papel con Rohmer) e Didier Sandre. Coproducida por LFDL (Margaret Ménégoz e Françoise Etchegaray).

Bo reparto para unha boa película. Outra moi divertida comedia. De novo aparece a casamenteira, e aquí en dous personaxes distintos e á vez. O que dúas amigas queiran casar á mesma muller con dous homes distintos pode provocar unha situación cómica. Pero si a situación se enreda máis, entón o que se ve e realmente divertido. Chega a ser tan surrealista como 4 aventures de Reinette et Mirabelle. E nesta ocasión coa beleza crepuscular da sempre moza Marie Rivière, sen esquecernos das outras dúas actrices que tanta beleza radian tamén.

Nesta ocasión o director mira o amor dende a muller que se fai maior (viúva) e non ten un home co que vivir, e que por conseguinte séntese soa. Outro drama no fondo no que Rohmer logra facernos rir dunha maneira moi elegante, como en Die Marquise von O.

Entremedias, Rohmer fixo tamén os seguintes filmes:

    • L’arbre, le maire et la médiathèque (ou les sept hasards) (1993) – O árbol, o alcalde e a mediateca (ou as sete posibilidades)

Con Pascal Greggory, Fabrice Luchini, Arielle Dombasle, Clémentine Amouroux (quen xa participara na obra coral Perceval le Gallois), François-Marie Banier. Estréase como directora de fotografía e con formato de 16 mm., Diane Baratier, e quedou definitivamente nese posto para todolos filmes posteriores que fixo Rohmer, é dicir, os que comento a continuación deste xunto os dous últimos dos Contes des Quatre Saisons. Producida por CER (Françoise Etchegaray).

Fermosa e delicada comedia moi agradábel de ver.
Ó igual que en Le signe du lion, Perceval le Gallois, Les nuits de la pleine lune, e Conte d’ été é este un filme cun importante fío musical, xa que a melodía musical é un importante leitmotiv acompanhante da imaxe e da palabra. E xunto as dúas primeiras das mentadas, tamén ten en común o ser a única obra de Rohmer feita ata ese momento e das aquí comentadas, que non trata sobre o tema do amor. É máis ben esta película unha crítica ós políticos polo seu comportamento en xeral e ó uso de termos como progreso e cultura para xustificar calqueira cousa.

    • Les Rendez-vous de Paris (1995)

Tres historias separadas polo son de cancións típicas das rúas de París. É esta obra un canto a Paris, un cadro da caital francesa, e tamén un discurso sobre as relacións de parella, a comunicación nas parellas, as mentiras, as esperanzas, etc.
Coproducida por CER (Françoise Etchegaray) xunto con Canal+.

  1. Le Rendez-vous de 7 heures
    A máis divertida das tres historias, pero tamén a máis cruel. Un pequeno conto moral.
  2. Les bancs de Paris
    Nesta historia asistimos a paseos por distintas esquinas de Paris. Tamén ten un pequeno toque de comedia. O protagonista masculino é interpretado por Serge Renko, quen traballa por primeira vez con Rohmer neste filme.
  3. Mère et enfant, 1907
    Unha nova cita á pintura e ó arte en xeral no cine de Rohmer. La collectionneuse, Le beau mariage, Les nuits de la pleine lune, 4 aventures de Reinette et Mirabelle, Conte de printemps son algúns exemplos onde aparecen comerciantes de arte, pintores e músicos, de entre os moitos filmes do cineasta nos que aparece o arte nalgunha forma. Non esquezamos tamén as referencias á literatura por medio das adaptacións dalgunhas obras ou do uso de lendas e proverbios entresacados de libros, nen o aspecto teatral de moitos dos seus filmes, e mesmo pictórico dalgúns deles, como Die Marquise von O e Perceval le Gallois.

E finalmente, a última etapa do director consta dos seguintes filmes:

    • L’anglaise et le duc (2001) – A británica e o Duque

Con Lucy Russell (Grace Elliot) e Jean-Claude Dreyfus (duque de Orléans) nos papeis principais. Tamén aparecen Alain Libolt (nun papel bastante destacado no filme), Charlotte Véry, Rosette, Marie Rivière, Serge Renko, François-Marie Banier (Robespierre), Eric Viellard, e mesmo xente como Pascal Ribier, técnico de son de moitos dos filmes de Rohmer, e Jean-Louis Valéro, quen foi o comositor e /ou participou no equipo de música de moitos dos filmes do cineasta francés. Coproducido por CER (Françoise Etchegaray e Pierre Cottrell).
Este filme está baseado no relato autobiográfico Ma vie sous la Révolution da escocesa Grace Elliot, quen está en París cando a Revolución Francesa. Salvouna da guillotina a captura e posterior execución de Robespierre. Foi amiga do duque de Orléans, de nome Louis Philippe Joseph d’Orléans, e posteriormente conhecido como Philippe Égalité, quen viviu entre o 13 de abril de 1747 e o 6 de novembro de 1793, executado na guillotina (dende o meu punto de vista, unha das execucións que non tiveron que levarse a cabo).

Esta é outra das obras de Rohmer que non tratan sobre o amor. É máis ben unha crítica a certos aspectos da Revolución. Pero prefiro non comentar máis xa que non estou para nada de acordo con algúns aspectos do filme, inda que de novo, como xa pasara con Perceval le Gallois, quizais o problema volve a estar no libro inspirador, o relato de Grace Elliot, xa que polo que se pode ler na rede, non é moi fiábel. A sensación que me queda como obra histórica é de auténtica boutade.

Por outra banda, o filme recupera o estilo pictórico, e ó igual que no filme de Perceval, os fondos volven a non ser naturais, neste caso son dun carácter pictórico máis ben romántico, tipo Delacroix. Para lograr este efecto, Rohmer recurre por primeira vez á tecnoloxía dixital. Máis concretamente, os exteriores son caracterizados cunha estilización fortemente pictórica, mentres as secuencias de interiores parecen máis ben de estilo teatral. A todo isto engádese un fondo sonoro realista que contrasta coa imaxe.

    • Triple Agent (2004) – Triple Axente

Entre os principais protagonistas están Katerina Didaskalou (grega a actriz e grego o personaxe; unha mostra máis das conexións entre os filmes e a realidade que tanto lle gustaba facer a Rohmer), Serge Renko, Amanda Langlet e Emmanuel Salinger. Coproducida por CER (Françoise Etchegaray) e Rézo Productions entre outras.

Novamente, obra de inspiración política, neste caso  sobre o pacto de Hitler con Stalin, a proximidade temporal da 2ª Guerra Mundial e a proximidade espacial (a Francia) da Guerra Civil Espanhola.

Por outra parte volve a haber referencias á pintura, nesta ocasión a Picasso e os cubistas en xeral, e tamén ás pinturas rusa e soviética.

    • Le canapé rouge (2005) – O sofá vermello (curtametraxe)

Esta obra está interpretada por Marie Rivière e Charlotte Véry e coproducida por LFDL xunto con CER (Françoise Etchegaray).

    • Les amours d’Astrée et de Céladon (2007) – Os amores d’Astrea e Céladon

Chegamos ó canto do cisne, a última obra de Rohmer. O cineasta retoma o modelo de Die Marquise von O, pero trala evolución experimentada co paso dos anos. Un filme de época, histórico ou neste caso máis ben lexendario, rodado con decorados naturais a diferenza de Perceval le Gallois e L’anglaise et le duc, inda que coa mesma influenza da pintura o teatro e a música, con temática amorosa, neste caso tratando a temática dos celos e a fidelidade entre os amantes afastados, e novamente baseado nunha obra literaria, L’Astrée, de Honoré d’Urfé. Novamente móstrase que Rohmer quere unha proximidade entre a realidade anterior ó filme e o filme en si mesmo: neste caso, nos carteis ó principio da obra explícase que esta non foi rodada en Forez, onde é situada a acción no libro, xa que pola acción humana perdeu o encanto necesario, senón noutros lugares de Francia que conservan a súa poesía salvaxe e o seu encanto bucólico (concretamente en Auvergne).

Os actores principais son Andy Gillet (Céladon) e Stéphanie Crayencour (Astrée; ata o momento continuou a súa carreira como cantante, inda que parece que traballou nalgunha película máis [Oscar et la Dame rose]; é sobrinha-neta de Marguerite Yourcenar). Logo están as tres ninfas Cécile Cassel (Léonide), Véronique Reymond (Galathée) e Rosette (Sylvie), e tamén Jocelyn Quivrin (Lycidas, o irmán de Céladon no filme; por outra parte, parece que Rohmer tinha gafe cos seus actores mozos [todos homes salvo Pascale Ogier], xa que este morreu dun accidente de automóbil ós 30 anos en novembro do 2009, e é o carto que non chega ós 33 anos), Mathilde Mosnier (Phillis, a parella de Lycidas, e irmá de Astrée?), Rodolphe Pauly (Hylas, o músico con mentalidade infantil) e Serge Renko (Adamas, o druida tío de Sylvie). Amais, Alain Libolt é o narrador (voz en off) na versión orixinal, e Marie Rivière fai de nai de Céladon.
Está coproducida por CER (Françoise Etchegaray) e Rézo entre outras.
Unha nota máis: os nomes de Céladon e Astrée provenhen do grego, no primeiro caso de Κελάδων,  por vía do nome dun guerreiro que aparece nas Metamorfoses de Ovidio, e no segundo, trátase do nome dunha deusa, Αστραία (http://www.lexilogos.com/forez.htm).

Amais do cinema de Rohmer poderíase comentar tamén o cinema feito polo grupo de xente que traballaba en moitas ocasións con el (curtametraxes en moitas ocasiós, inda que non sempre). Por citar algúns filmes, Chassé-croisé (1982) de Arielle Dombasle, os filmes de Rosette como directora e guionista, ou as 3 curtametraxes agrupadas baixo o nome Le modèle, feitas pola Compagnie Éric Rohmer (abreviada CER [ata agora así o fixemos] ou C.E.R.; para máis información, C.E.R. (I) ou C.E.R. (II)), formada pola xente que participou na creación dos últimos filmes de Rohmer, Diane Baratier (image), Pascal Ribier (son), Mary Stephen (montaxe ou edición; como curiosidade, aparecía interpretando unha turista en La femme de l’aviateur), Françoise Etchegaray (produción) e o propio Rohmer. As curtametraxes eran La cambrure (1999) de Edwige Shaki, Un dentiste exemplaire (1998), e Une historie qui se dessine (1999).
Para máis información búsquese por exemplo na web do IMDb (en particular en Rosette).
Xa que está citada Mary Stephen, non quero esquecer nomear a montadoras dos filmes anteriores de Rohmer: María Luisa García, quen traballou con el nos filmes da segunda metade da década dos 80, Cécile Decugis, quen foi a editora habitual durante a década dos 70 e a primeira metade da dos 80, e a que montou as primeiras curtametraxes importantes de Rohmer, a súa primeira colaboradora habitual neste posto, Jackie Raynal.

Tamén quero dicir cales son as minhas favoritas, as que máis vos recomendo. Podería empezar polo Conte d’été, logo viría Le rayon vert e L’ami de mon amie, e despois Les amours d’Astrée et de Céladon, Die Marquise von O, La femme de l’aviateur e L’arbre, le maire et la médiathèque. Tamén gustáronme moito 4 aventures de Reinette et Mirabelle e Conte d’automne. Como dixen o principio, o que me gusta en moitas ocasións de Rohmer e que ten personaxes cos que me identifico, pero máis ca iso, son personaxes cos que establezo unha comunicación, ós que entendo, dos que capto os sentimentos, emociós, etc., como Delphine (Le rayon vert), Gaspard e Margot (Conte d’été), Céladon e Astrée (Les amours d’Astrée et de Céladon), Magali e Isabelle (Conte d’automne), Reinette e Mirabelle (4 aventures de Reinette et Mirabelle), Blanche, Fabien e en xeral todos os protagonistas de L’ami de mon amie, Louise (Les nuits de la pleine lune), Jeanne (Conte de printemps), etc. (non acabaría xamais de citalos a todos). Quizais unha das poucas obras que me gustan non por esa comunicación entre os personaxes e máis eu, senón polo que transmite como obra estética en sí, é Die Marquise von O, e tamén Le signe du lion e Perceval le Gallois estarían nesa linha ó marxe, o cal non quere dicir nen que os personaxes destes filmes sexan menos comunicativos, nen que os outros filmes non tenhan valor en sí. Soamente quere dicir que nuns son máis remarcábeis uns aspectos que nos outros.

Deixo os links a unha entrevista a Rohmer e a máis comentarios á obra do intelectual (en castelán). Tamén é interesante o seguinte blog (en francés), onde parece que hai links a algunhas curtametraxes do intelectual francés. E no seguinte link hai algunhas imaxes dos filmes de Rohmer. Tampouco me resisto a deixar o link ó seguinte epílogo a Rohmer. Subscribo moitas das cousas aí ditas.

Para acabar, unha referencia en galego que non é propiamente sobre o cinema de Rohmer: http://oaudiovisualilustrado.blogaliza.org/2010/01/

Advertisements

Etiquetas:

Unha resposta to “3 palabras sobre o cinema (e a filmografía) de (e entorno a) Rohmer”

  1. Do Romanticismo no cine, de Nietzsche e doutros « Pitagorico17′s Weblog Says:

    […] pero si de tan gran pictoricidade coma o italiano, na estela do Faust de Murnau, como remarcamos na entrada adicada ao cineasta francés. E é, neste aspecto, referemcia obrigada Luchino Visconti, cos seus melodramas entorno a unha […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s


%d bloggers like this: