A Segunda Ilustración Francesa

É ben conhecida por todos a (Primeira) Ilustración Francesa, aquela liderada por xente como Voltaire, Montesquieu, Rousseau, Diderot, D’Alembert e outros que levou á Revolución Francesa, ó Despotismo Ilustrado, e a movementos artísticos como o Neoclasicismo e tamén ó Romanticismo (neste caso pola influencia de Rousseau).

Pero penso eu que tamén pódese falar dunha segunda Ilustración Francesa. Un segundo raio de luz emitido polo pobo francés, tan avanzado ética e culturalmente en Europa, quizais por estar no centro de batallas, no centro do mundo, cando polo sur dominaban os Romanos, e polo norte chegaban os Bárbaros. Seguindo cun pouco de historia, logo xurdiu o Imperio Carolinxio, e máis tarde a cultura trobadoresca, recordade a lingua de Oc, e tamén a Leonor de Aquitania. Amais, durante esa musical Alta Idade Media, polo Oeste chegaba a influencia nórdica e a británica, no sur vivíanse bos tempos, coa convivencia en Hispania das culturas islámica, xudéa e cristiana (herdeira esta última en parte das culturas xermánicas visigóticas, suevas, etc.), e claro está, era un punto de paso no comercio co leste, coas culturas orientais (China, India, etc.).

Volvendo a esa segunda Ilustración. Soamente pretendo dar unha idea que outros poidan desenrolar moito millor ca min. Este novo rexurdimento ilustrado daríase a mediados do século XX, baixo o goberno de Charles de Gaulle, nesa Francia que anos apois crearía xunto a Gran Bretanha e outros países xoias da aviación coma o Concorde ou xa no século XXI o Airbus 380, e que tamén neste século negaríase a acepta-la Constitución Europea que uns poucos intentaban imponher.
E os exemplos en que penso son os seguintes:

  • Bourbaki en matemáticas. Grothendieck, Serre e (Henri) Cartan en particular revolucionaron o mundo desta ciencia que é arte, deste arte que é ciencia. A matemática tras eles é absolutamente nova. Campos como a xeometría alxébrica, a teoría de números ou o análise funcional sufriron unha verdadeira renovación. En particular xurdiron outros campos como a álxebra conmutativa.
    Tiveron o Séminaire Bourbaki como referencia de encontro, a parte dos seus libros.
  • A Nouvelle Vague en cine. É ben conhecida por todos. Xa están nomeados nesta web xente como François Truffaut, Jean-Luc Godard, Claude Chabrol, Jacques Rivette ou Éric Rohmer. O cine apois a NV é diferente ó anterior. Influída por importantes xenios coma Jean Renoir, Ingmar Bergman, Robert Bresson, Michelangelo Antonioni, Federico Fellini e Luis Buñuel e por movementos fundamentais, coma o Neorealismo Italiano (Roberto Rossellini, Vittorio de Sica, Luchino Visconti, etc.), supón un cumio da modernidade, e o cine posterior queda marcado pola influencia da NV, dende o Novo Cinema Italiano de Pier Paolo Pasolini, e o cine francés de Louis Malle e Agnès Varda entre doutros. Incluso ata Xapón chega esa influencia como queda reflectido nalgunhas películas de Kurosawa. E por suposto, o cine de Bergman e en xeral o cine nórdico, moi intelectual e moi avanzado. E claro está que soamente puxen exemplos do nivel da NV. Todo o cine moderno tamén vive da NV, inda que non todo é imitar, e hai que saber face-las cousas ben.
    Crearon os Cahiers du Cinema, nos que publicaron as súas ideas.
  • A filosofía, a antropoloxía e os estudos de mitoloxía. Son de sobra conhecidos autores como Jean-Paul Sarte, Simone de Beauvoir, Maurice Merleau Ponty (existencialistas), Albert Camus, Gilles Deleuze, Jacques Derrida, Jean Baudrillard, Félix Guattari, Jean-Luc Nancy, Georges Bataille, Simone Weil e Michel Foucault, por citar soamente algúns deles. As interaccións coa escola de Frankfurt (Theodor Adorno, Herbert Marcuse, Max Horkheimer, Walter Benjamin, Erich Fromm, Jürgen Habermas, etc.) deron lugar á Revolución Francesa da Segunda Ilustración, o Maio do 68. No mundo da antropoloxía destacan Marcel Mauss, Émile Durkheim e Claude Lévi-Strauss (debedor dos dous anteriores). Estes, e especialmente Lévi-Strauss, tamén traballaron a temática da mitoloxía, na que destacaron os filólogos Georges Dumézil, Marcel Detienne e Jean-Pierre Vernant. Outro filósofo que tamén traballou en antropoloxía foi Paul Ricoeur. Asímesmo podemos destacar ó teórico do psicoanálise Jacques Lacan e ó semiólogo Roland Barthes. Moitos deles, baixo a influenza do lingüista do século XIX Ferdinand de Saussure primeiro e logo de Lévi-Strauss, extrapolan e aplican os métodos estruturalistas e logo postestruturalistas ás diferentes disciplinas, así Lacan, Barthes, Foucault (estruturalistas), Derrida, Deleuze, Guattari, Baudrillard (postestruturalistas), Vernant, Detienne (método antropolóxico estructuralista de Lévi-Strauss aplicado os estudos mitolóxicos).
  • Oulipo en literatura: (Ouvroir de littérature potentielle) Grupo de escritores que se dedican a experimentar formalmente, usando, entre outras, técnicas matemáticas. Fundado por François Le Lionnais e Raymond Queneau, este último xunto con Georges Perec e Italo Calvino son os seus membros máis conhecidos.
  • En relación co anterior e con membros comúns está o Collège de ‘Pataphysique, inspirado por Alfred Jarry. Intelectuais (non só franceses) de tódalas artes e/ou dedicados a toda índole de actividades aparecen en conexión con esta agrupación: Marcel Duchamp, René Clair, Umberto Eco, Jean Baudrillard, Guy Debord, Raymond Queneau, Boris Vian, son unha pequena selección deles. Tamén en relación con estes grupos aparécennos escritores da vangarda sudamericana como son os experimentadores Octavio Paz e Julio Cortázar. Intuímos tamén o mundo do jazz e a chanson francesa, en conexión con estes movementos literarios e coa Nouvelle Vague. Amais de Boris Vian podemos recordar a Charles Aznavour, Serge Gainsbourg, Georges Brassens, Jacques Brel, Edith Piaf, Jean Ferrat e Léo Ferré entre doutros.

Observo como xeralmente estes movementos contrapónhense á Segunda Guerra Mundial non soamente pola luminosidade que aportan e polo alto nivel intelectual e cultural, senón porque mostran como os países francés e xermano aportaron moito en conxunto. Así, o primeiro destes movementos aparece en parte inspirado por Hilbert e Poincaré. O segundo é de inspiración británica, a de Hitchcock, inda que non podemos olvidar o importante cine europeo anterior á NV: Jean Renoir ou René Clair, e Fritz Lang e Friedrich Wilhelm Murnau serían os exemplos francés e xermano, pero tamén teríamos os exemplos de Sergei Eisenstein, e dos traballos conxuntos de Luis Buñuel con Salvador Dalí. Por último a filosofía inspírase en gran parte na influencia de Nietzsche, Husserl ou Heidegger.

Por último quixera destacar algunhas conexións familiares, que inda que anecdóticas, son as que me levaron a pensar en todo isto. Primeiro, André Weil, outro dos matemáticos máis importantes de Bourbaki (xunto ós mentados, e tamén a Pierre Cartier, Claude Chevalley, Dieudonné, e outros) era irmán da filósofa Simone Weil. Por outra banda, o cineasta Éric Rohmer era irmán do tamén filósofo René Schérer (e pai do periodista trotskista René Monzat). E o matemático Henri Cartan era fillo do tamén ilustre matemático Élie Cartan.
Isto tamén me recorda outros dous puntos en común entre as dúas Ilustraciós: o primeiro, as diferenzas de pensamento e ideas entre os diferentes membros. Se na Idade Moderna, Voltaire era monárquico, mentres Rousseau inspirou a Revolución Francesa (incluso a parte máis radical desta), no século XX déronse desputas políticas entre xente como Sartre (pro-comunista) e Camus, os matemáticos estaban influenzados por diferentes ideas, como Grothendieck que era anarquista e profundo pacifista, Laurent Schwartz trotskista ou André Weil inspirado polo hinduismo, e no cine temos a Rohmer, dun certo conservadorismo (como a maior parte dos cineastas da NV e como muitos intelectuais ó longo da historia) e católico rodeado de xente de ideas bastante distintas, coma o seu fillo, por exemplo, inda que sospeito que non eran ideas tan afastadas como pode parecer. O segundo punto en común ven de antigo. Escocia foi un país aliado de Francia durante moito tempo. Recordemos a historia de María Estuardo, ou como dirían os escoceses, Mary Queen of Scots. Non é casual que entre estes intelectuais das dúas revolucións sempre houbera algúns escoceses. Amais, unha das grandes invencións da Ilustración pasou directa a Escocia como foi a enciclopedia, pois, por exemplo, a famosa Encyclopaedia Britannica comezou a publicarse en Edimburgo. Recordo agora tres dos intelectuais escoceses ilustrados. Son membros destacados da Ilustración o filósofo empirista David Hume e o seu amigo, o economista Adam Smith, amais do escritor e avogado James Boswell. E nos tempos modernos, un importante membro de Bourbaki e un dos mellores matemáticos vivos que hai é Sir Michael Atiyah.

Gustaríame ponher algúns textos referentes ós grupos comentados. Por aghora, sobre a filosofía francesa contemporánea hai por exemplo o seguinte texto: Filosofía Francesa Contemporánea.
E un texto sobre Bourbaki dun membro do grupo: The Work of Nicholas Bourbaki.
Tamén hai diversos libros sobre a intelectualidade francesa ó longo do século XX, e sobre a historia de Bourbaki. Por exemplo, El artista y el matemático. La historia de Nicolas Bourbaki, el genio que nunca existió, de Amir D. Aczel, Los intelectuales en Francia, de Pascal Ory e Jean-François Sirinelli, e El siglo de los intelectuales, de Michel Winock.

Advertisements

Etiquetas: , , , ,

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s


%d bloggers like this: