Archive for Setembro 2010

Día tras día. 9-Vendémiaire, ano CCXIX, Panais

Setembro 30, 2010

Hoxe é o día da charouvía (Pastinaca sativa), planta similar á cenoria e tamén comestible. Porei unha cita que lín hai un tempo no diario do Reino Unido, Telegraph, e pola súa sonoridade a deixo en inglés.

“It’s your attitude, not your aptitude, that affects your altitude.”

Advertisements

Día tras día. 8-Vendémiaire, ano CCXIX, Amarante

Setembro 29, 2010

Hoxe, día dos amarantos, isto é, as plantas da familia Amaranthaceae pertencentes ó xénero Amaranthus (do grego Αμάραντοζ, que non murcha), dedicareino a facer algunha aclaración na escala do tempo xeolóxico, e por tanto de carácter estratigráfico.

O período Cuaternario é reconhecido oficialmente como aquel que engloba o momento presente e que empezou fai algo máis de 2 millóns e medio de anos. O período Terciario é o que cobre os reconhecidos períodos Paleoxeno e Neoxeno dende hai uns 65 millóns de anos ata o Cuaternario. Entón a era Cenozoica é a unión dos períodos Terciario e Cuaternario. O período Secundario é o que hoxe conhecemos como era Mesozoica ou Mesozoico, dende hai uns 250 millóns de anos ata a chegada de Cenozoico e o Terciario. Finalmente a era Primaria é o que agora chámase era Paleozoica ou Paleozoico, previa ó Mesozoico, e que comezou hai uns 542 millóns de anos co período Cámbrico, no que se deu a explosión da vida.

O conxunto das eras Paleozoico, Mesozoico e Cenozoico é o eón Fanerozoico.

Día tras día. 6-Vendémiaire, ano CCXIX, Balsamine

Setembro 27, 2010

Hoxe é o día da balsamina, nome xenérico de diversas plantas comúns do xénero Impatiens, da familia Balsaminaceae, e en particular da Impatiens balsamina, conhecida como alegría. Hoxe farei un curto paseo mirando cara a prestixiosos arqueólogos dos comezos do século XX e de épocas máis recentes.

Comezamos con Arthur (John) Evans, o británico que dirixiu as escavacións do pazo cretense Knossos e que desenrolou os conceptos de civilización minoica, e das escrituras cretenses A-lineal e B-lineal (en relación coa escritura fenicia). Con el, traballou como voluntario un inexperto mozo que chegaría a ser Sir (Charles) Leonard Wooley nas ruínas romanas de Corbridge, en Reino Unido. Este foi reconhecido polas súas escavacións na cidade sumeria Ur, onde encontrou tumbas reais de gran valor. Pero non foi ese o seu único descubrimento destacábel, tamén quero remarcar o lugar causante de que eu estea escribindo todo este post, Al-Mina, no esteiro do río Orontes na chaira fluvial Unqi, en territorio da actual Siria. Antes destes grandes descubrimentos, na cidade hitita Carchemish, Wooley traballara con T. E. Lawrence, cuxa vida sería difundida no filme Lawrence d’Arabia, e que xa estivera na misma cidade baixo a dirección dos arqueólogos David George Hogarth e Reginald Campbell-Thompson. Lawrence, Hogarth e Evans estiveran asociados. Campbell-Thomson é reconhecido polos seus traballos nas culturas sumeria e asiria e entorno ó Poema de Gilgamesh. Con Lawrence e Hogarth tamén colaborou a exploradora (por resumir dalgunha maneira as súas múltiples facetas de arqueóloga, escritora, viaxante, aventureira, etc.) Gertrude (Margaret Lowthian) Bell.

John Boardman, historiador e arqueólogo de Oxford, un dos maiores especialistas (senón o maior) en arte da Grecia clásica, autor do importante libro The Greeks Overseas, traballou moito tamén entorno ós obxectos atopados en Al-Mina, outorgándolle a importancia merecida. Non esquezamos tampouco a John Nicholas Coldstream, autor do libro Geometric Greece entre outras moitas obras e artigos sobre a cerámica da Grecia antiga, en particular de principios do  milenio 1 p.C., a época na que xurde Al-Mina.

Finalmente, menciono ó historiador de Oxford Robin Lane Fox, autor do libro Travelling Heroes. Greeks and their Myths in the Epic Age of Homer, que eu estou lendo, que recomendo fervorosamente, e que é a causa última de que eu escriba este artigo.

Día tras día. 4-Vendémiaire, ano CCXIX, Colchique

Setembro 25, 2010

Estreo unha sección que intentarei facer o máis habitual posíbel. En Día tras día porei a data na que estou segundo a calendario republicano da Revolución Francesa, pero usareina para recordar aniversarios de feitos históricos importantes ou nacementos ou falecementos, e tamén pequenas cousas como citas, que é co que empezarei hoxe. Antes de nada, explicarei un pouco a data.

Vendémiaire é o primeiro mes do ano, e como vedes acabamos de empezalo. Cada día está dedicado a algo como por exemplo unha planta. O día de hoxe asóciase coa colchique (en francés), é dicir, co cólquico ou Colchicum autumnale, planta pertencente á clase das Liliopsida, que comparte co azafrán.

A cita é dunha entrevista a Ken Follet, o autor do famoso best-seller Os pilares da terra:

“Si, para matar e para vivir nunha novela, para ser un bo personaxe, un gran protagonista dunha narración, hai que ter convicción, paixón, fe. E só os protagonistas novos son bastante inxenuos como para crer que poden conseguir algo -o que sexa- que pode facelos total e definitivamente felices. Talvez queiran ser soldados valentes e condecorados; talvez millonarios ou talvez casar con esa rapaza…”

Canis Lupus Gallaicus

Setembro 22, 2010

Mencionarei aquí unha nova relacionada cunha das especies máis comúns entre a xente. No xénero canis, que forma parte da familia canidae (dos cánidos coma o raposo [Vulpes vulpes]) destaca (amais do coiote [canis latrans, isto é, can ladrador] ou as distintas especies de chacais) a especie canis lupus, da que forman parte as variedades ou subespecies canis lupus familiaris, canis lupus lupus, canis lupus signatus, canis lupus campestris e canis lupus dingo, é dicir, o can, o lobo (europeo), o lobo ibérico, o lobo estepario e o dingo respectivamente, entre outras.

Fai uns meses Roberto Xesús Hermida Lorenzo publicou a tese de doutoramento en bioloxía Morfología y sistemática del lobo ibérico (Canis lupus L.), baixo a dirección de Manuel Luis Sanmartín Durán, catedrático de parasitoloxía da facultade de Farmacia da USC. Neste traballo defende que os exemplares de canis lupus do noroeste ibérico, no que sería a Gallaecia romana, que ata agora son clasificados como lobo ibérico, tenhen unhas características distintivas que os fai merecedores de constituíren unha subespecie a parte, e propón Gallaicus como nome subespecífico para esta nova especie.

Para esta nova que dou cuns meses de retraso, infórmome na web http://www.galiciahoxe.com/vivir-hoxe-galicia/gh/unha-tese-afonda-na-subespecie-diferenciada-do-lobo-na-comunidade/idEdicion-2010-03-29/idNoticia-530741/, e aí pódese completa-la información.

Non é un bo ano para o Cine Francés

Setembro 12, 2010

Comenzabámolo anunciando a morte de Éric Rohmer, o 11 de xaneiro. Estes últimos días do verán tráennos malas novas na mesma linha. Outros dous respectados directores do mundo do cinema dende Francia faleceron.

O pasado día 30 de agosto de 2010 era o realizador Alain Corneau o que finaba a consecuencia dun cancro ós 67 anos de idade. Era conhecido sobre todo polo seu filme Tous les matins du monde, famoso pola música do violagambista catalán Jordi Savall.

Fai un intre decatábame de que hoxe 12 de setembro de 2010 morreu con 80 anos outro dos nomes fundamentais da Nouvelle Vague, Claude Chabrol. Desafortunadamente non conhezo o seu cine e por tanto neste momento non podo comentalo. Pero peor é que os monstros (no bo sentido) do cine francés perdan a vida, porque ó final somos todos os que perdemos a súa grandeza.