Plein Soleil

Gustaríame facer unha pequena reflexión sobre este filme francés do ano 1960 conhecido como A pleno sol, que está dirixido por René Clément, protagonizado por un novo Alain Delon, e por Maurice Ronet e Marie Laforêt, e baseado na novela O talento de Mr. Ripley de Patricia Highsmith. Tamén participou no guión Paul Gégauff, colaborador dalgúns dos primeiros filmes de Éric Rohmer.

Esta obra representa un cumio na historia do cinema en color. En pleno apoxeo da Nouvelle Vague, mostra a mesma admiración e inspiración desta en Alfred Hitchcock, coa elegancia típica do cinema francés.

Pois si.  A NV é o primeiro ponte entre este filme e o director británico (a pesares de que o filme non pode clasificarse dentro deste movemento). O segundo é o xénero, pois esta é unha obra de suspense, como as do cineasta anglosaxón. E o terceiro, relacionado co anterior, é a novelista estadounidense PH, a mago do suspense, en cuxa novela Estranhos nun tren inspírase a fascinante obra homónima de Hitchcock.

Deste modo, atopámonos ante unha obra mestra do xénero do suspense, debedora das mellores habilidades de Hitchcock, con personaxes nada triviais, e dunha complexidade narrativa enorme. Todo no filme forma parte na composición do suspense. Este créase vía espazos amplísimos coma o mar e tamén vía a sucesión de diálogos tensos e silencios. Non falta o humor, como efecto que aporta un dos moitos contrastes que levan a non caer nunha obra monocromática. Estes contrastes podemos miralos como algúns dos xogos de espellos que presenciamos, os cales conforman o eixe do filme. En efecto, atopámonos cunha construción de reflexos infinitos de espellos nos que rebotan as imaxes ata o infinito, coma na mítica escena de The Lady from Shangai, de Orson Welles, e a vez fundamentada nun xogo de dualidades, ou reflexos individuados, que son a esencia motora da historia, son o que a fai avanzar.
Estes reflexos consisten en verdades que son e non son ou que non sabemos se son, coma a historia que conta Tom acerca de cando conheceu a Philippe e que logo este desminte. O reflexo de Philippe en Tom, que o imita e que se aparece coma o verdadeiro Philippe nas situacións nas que así se presenta. O reflexo do abandono que se afasta e logo retorna: Tom é esquecido nun bote que o veleiro deixa atrás e ao que logo volve na súa busca; o cadáver abandoado de Philippe tamén parece estar cada vez máis lonxe, até que o vemos ben preto da embarcación. Neste caso, Philippe imita a Tom; o Tom vivo imita a Philippe, que morto devólvelle a xogada. Outro reflexo na historia, macabro coma os personaxes, outra dualidade, outra imaxe especular, outro doppelgänger. Incluso atopámo-la dualidade na presentación metafórica do carácter presuntuoso de Philippe e Tom mediante os títulos de crédito que tan ben transmiten esa vaidade.
Plein soleil
Máis contrastes témolos, exempli gratia, na loita entre Tom e Philippe; ou no centro dual da película, por unha banda Margue, a causa de todas as accións que se suceden, e doutra banda o mar, lugar entorno ó cal desenvólvese o filme. A importancia destes dous elementos centrais remárcase fusionándose estes, o que aparece claramente no momento en que comprobamos que tanto o barco de Philippe coma o bote no que abandonan a Tom tenhen coma nome Margue. Incluso podemos planteá-la hipótese de que o nome escollido para ela ten un orixe movido pola súa posición na obra, encontrándonos entón con MARgue vs “la mer”. Pero o máis importante neste trío principal de personaxes é que, en palabras do director, Tom actúa coma un antropófago, absorbendo a Philippe e logo intentando absorber a Margue. Sempre Margue coma obxectivo final, coma centro, coma núcleo, dende a súa presentación, por medio da música cantada por ela mesma, Marie Laforêt, e sobre todo por medio das pinturas de Fra Angelico, dotadas dunha extrema beleza, e dun profundo misticismo que se converterá en realidade cando se asimilen coa historia do filme, e nas que parece que se quere introducir a figura de Margue como a da Virxe María do filme, xa que a Virxe aparece na maioría das fotografías das pinturas, a primeira das cales é nada máis e nada menos que “A Coronación da Virxe” (Galería dos Uffizi, Florencia). Así, Margue é a Virxe, o que quere dicir que é a santa, a boa (cristiá) do filme, por contraposición aos malvados Tom e Philippe.

Á vez que todo o anterior, esta é unha obra que forma parte do estilo europeo de facer cine, con grande elegancia, beleza e calidez, inda que tamén frescura. Namorámonos dos personaxes polo que tenhen de bos e de malvados, das paisaxes italianas das illas de Ischia e Procida fronte a costa de Napoli, das paisaxes naturais e urbanas, namorámonos das habilidades de Tom Ripley para falsificar, imitar e roubar, da beleza de Alain Delon e de Marie Laforêt, da fermosa fotografía, da cor empregada (Eastmancolor), e da música de Nino Rota, excelente como sempre, e que se funda perfectamente coas paisaxes tanto naturais coma sociais do centro-sur de Italia, pero tamén co clima de intriga do filme, que usa timbres asociados ás temáticas fúnebres (crimes, asasinados, cadáveres,…) e que xoga cos símbolos, por exemplo o uso da tarantela nalgúns momentos do filme non é casual, pois as tarantelas bailábanse coa intención de curar a picadura de tarántula, “o mal”, a cal aquí estaría representada por Tom, creando con todo elo unha forza sinestésica que nos leva a captar plenamente o filme con tódolos sentidos. Esta música aparece coma condutora coma acompanhante e creando contrastes ó longo do filme, e xunto cos sons son unha constante fonte de presaxios do que sucederá (por exemplo na escena do principio da obra na que Tom se viste de Philippe), de modo que se move co pasado, co presente e co futuro ó mesmo tempo. Aparecen outros símbolos no filme, por exemplo entorno á morte de Philippe. Cando este tira o traballo de Margue ó mar ela se pon en contra del, queda solo con Tom; é o momento en que o equilibrio se perde e el sae debilitado, e entón a música cando chegan a terra marca o que pasou e suxire o que pasará. Margue, volveu a aparecer no seu papel central, neste caso para desaparecer, eliminándose así o seu papel de árbitro mediador entre os protagonistas do enfrontamento. Logo, a hora que da o reloxo sona coma se fose unha campá de igrexa e as cartas son as do destino. E o barco é movido polas ondas do mar seguindo o ritmo da danza da morte, trala que tamén soa a campá do barco, tocando á víctima. E outro gran símbolo, omnipresente e de superba importancia son as cordas do barco, as que atan e desatan segundo os designios da deusa Tyche (Τύχη) coma os fíos que tecen as Moiras (Μοῖραι), as que nun primeiro momento amarran a barca na que vai Tom, pero que apois se soltan, tanto literal como metaforicamente.

Quixera remarcar agora o contraste entre esta obra e outra feita dous anos apois, Jules et Jim. Que que tenhen en común? O esquema de personaxes que demos antes, dous homes entorno a unha muller. E quizais algo máis que neste instante non son capaz de ver. Que forma tan diferente de tratar ese esquema!, a de Truffaut da de Clément. Pero isto é lóxico se recordamos que os temas nucleares destes dous filmes son radicalmente distintos. De todas maneiras aproveito para recomendar tamén a película de Truffaut, tamén moi fermosa, cuns actores máxicos (especialmente ela, Jeanne Moreau) e unha banda sonora insuperábel.

Plein soleil tamén é unha película sobre a ética e sobre a fortuna. Sobre o comportamento humano e sobre a sorte. Dunha banda, Tom Ripley é un escravo co que Philippe xoga sen clemencia, e ante o que Tom decide rebelarse; doutra aparecese ante nós, os espectadores, a evolución do seu comportamento no proceso desta rebelión, un comportamento por momentos certamente anarquista; e doutra a fortuna incontrolábel. Identificámonos co Tom escravizado e desafortunado, ponhémonos no seu lugar, e sentimos o que el sente. Isto provoca que, tras mirá-lo filme, o pensemos como unha gran traxedia.

E isto, a mensaxe, identifícase coa estrutura do filme. É, neste sentido, unha obra debedora d’O retrato de Dorian Gray, de Oscar Wilde. E acabando como comezamos, mirando puntos en común, a expresión do feito anterior realízase na coincidencia coa obra wildiana en que ámbalas dúas tenhen un final soberbio, espléndido, sublime, …, non tenho palabras, no que a parte estructural, a coda, leva o peso da mensaxe moral sobre a fortuna. Pero inda máis, non credes que Plein soleil é a realización cinematográfica da obra de Wilde, polo menos en espírito?, tanto pola mensaxe xa comentada como polo máis perfecto Dorian Gray (o Fausto da estética) que pode haber, que é outro personaxe tan macabro coma o Tom Ripley de Alain Delon, un Fausto hedonista que vende a súa alma a cambio da Ηδονή para toda a vida.

Advertisements

Etiquetas: ,

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s


%d bloggers like this: