Fausto, unha viaxe pola cultura de Europa

Un silencio insólito se impuso; ese  silencio tenso que acompaña a la contemplación de lo prohibido.

La verdad sobre el caso Savolta, Eduardo Mendoza

Estou a falar do novo filme de Alexander Sokurov, Fausto, que  culmina a tetraloxía do director entorno ó poder (e a corrupción á que leva) e que tivera como protagonistas anteriores a Lenin, Hitler e o emperador xaponés Hirohito. Un filme que como xa fixera a obra cinematográfica máis importante sobre esta lenda, a de Murnau, ten un impactante poderío visual, o que xunto a unha coidada ambientación demostran un gran traballo de posta en escena. Os diálogos son brillantes, intelixentes, e o ritmo da película é digno dun Orson Welles, non decaendo en ningún momento, sendo unha constante explosión, coma o río de Heraclito, que sempre flúe e cambia a todo momento, unha constante novidade, un comezar a cada instante. Un filme delirante e denso que pode chegar a opresivo segundo para quen. Precisamente a única nota negativa que lle poría ten que ver con isto, e é de comunicación co espectador. A película é desconcertante en si, o que non sería malo senón fose porque as veces chega a ser caótica, coma sobre todo no seu inicio. A intelixencia e profundidade dos diálogos e o onirismo do filme -do que falo logo-, contribúen a crear esa sensación.

O filme é escabroso, si, e pode estar moi afastado da obra de Goethe, tamén, pero acaso non é suxestivo e conserva o espírito do libro?, que nestes casos é o máis necesario. Recórdame isto unha polémica que houbo uns anos atrás pola escenografía creada por Calixto Bieito para a ópera Wozzeck de Alban Berg, que foi representada magnificamente no Liceo de Barcelona. Por outro lado, unhas entradas atrás comentaba as distintas versións de Hamlet, outro dos máis importantes personaxes da ficción literaria europea (inda que o orixe de Fausto non é estritamente literario xa que se perde na vaguidade das lendas xermánicas medievais). Tamén poderíamos facer lista das adaptacións da lenda de Fausto. Dende as literarias máis conhecidas de Christopher Marlowe, Goethe e Thomas Mann, ata as fílmicas de Murnau e Sokurov (que non son as únicas), pasando polas musicais, coma a ópera de Gounod e a sinfonía de Liszt entre doutras. Inda que parece que hai unha abertura chamada Fausto de Wagner, este non realizou ningunha ópera dedicada ó personaxe, o cal bótase en falta cando se pensa que podería dar lugar a unha fantástica banda sonora para o filme de Murnau, como a que se podería facer con fragmentos das óperas que si creou, especialmente con Tristan und Isolde e coas da Tetraloxía, sen esquecer Parsifal e Lohengrin. E tamén poderíanse encontrar moitas adaptacións pictóricas e teatrais (a obra de Marlowe é para teatro).

En moitos casos encontramos referencias a estas adaptacións no filme do director ruso, pero moitas máis citas, e por iso encontro que é unha viaxe pola cultura de Europa. Un percorrido que fago velozmente a continuación. É mencionada nun par de ocasións a cultura da Grecia clásica. As ansias de poder de Fausto, o tema do filme, reconhécense xa na historia da Roma clásica. A Idade Media aparece por medio do Cristianismo, elemento esencial (ou non) da historia de Fausto, inda que parece que o filme sitúase uns séculos apois (XVI-XVIII, tempos de penurias nos que tivo grande relevancia a busca da alma). Como parte do Cristianismo e do Medievo, a Divina Commedia de Dante, e en particular a viaxe ó inferno de Dante e Virxilio. A viaxe que mantenhen case ó final do filme Fausto e o seu Mefistófeles particular, Mauritius Müller, recórdame a viaxe de Dante e Virxilio ó inferno, polo menos tal como aparece en Inferno, filme italiano de 1911, pero non soamente dende un punto de vista visual, senón tamén pola relación entre os personaxes, por iso creo que chega á obra de Dante máis alá do filme. Unha referencia política: dise de Machiavelli que foi o teorizador da defensa da sentencia “O fin xustifica os medios“. Non estou d’acordo co anterior, pero o que si me parece é que a obra de Sokurov é unha perfecta representación do que implica esta idea, e nela baséase Mauritius para progresar nos desexos de Fausto. Tamén podemos ver algunha metáfora marxista; por exemplo, nese inferno que Mauritius lhe presenta a Fausto, as mulheres que finalmente son cualificadas de trabalhadoras son presentadas inicialmente como escravas. O que  no fondo fai esta metáfora e inverte-lo entendemento destas ideas, id est, o que comunmente enténdese como trabalho (pra o outro) non é máis que escravitude ocultada. Ao final da película tamén atopamos unha alegación contra a miseria, mediante a expresión do sufrimento da vida do irmán de Margarete.
Máis alá da teoría política, seguramente poderíase estudar a historia da filosofía dende Platón ata Nietzsche a través do filme, tendo en conta que é unha historia sobre o ser humano. Creo que aparece bastante explícito o concepto nietzscheano de vontade, e por suposto, ese querer fáustico da eternidade, do instante, do absoluto, que se nomea así polo personaxe, e proxectado en parte no querer alquímico de Fausto e de Wagner, o de atopa-lo alma e crear vida de forma “artificial”. E claro, Wagner tamén aparece, coma o axudante do doutor Fausto. Non sabería dicir se tamén hai referencias ó compositor por medio da música da película, inda que as veces parece que si. É máis, a banda sonora do filme reproduce a idea de que gran parte da música xermana do século XX e da súa zona de influencia (Bohemia, Austria, etc., dende finais do século XVIII até comezos do XX, por exemplo, incluíndo a Liszt ou a G. Mahler) está feita sobre a obra de Goethe e ata para ela, inda de modo inconsciente. Tamén atopamos unha referencia parece que bastante directa ó Fausto de Murnau. Se nese é Mefisto o que aparece coa súa capa expandida sobre unha vila, coma se de ás se tratase, neste caso é a nai de Margarete a que aparece sobre a súa filla nunha estremecedora imaxe.
Amais da influencia de Murnau semelha presentarse a de Fritz Lang. O tema do destino é central na lenda de Fausto, polo menos tal como se aparece segundo a interpretación de Sokurov. Unha vez Fausto asina o contrato ao demo, obtén a eternidade nese intre de realidade onírica no que obtén a Margarete, nun lugar que parece a caminho entre a vida e a morte, tras somerxerse no río xunto a ela, mais logo e levado por Mauritius e a súa alma é atrapada para sempre. A sinatura capturouno, a venda da súa alma é irreversíbel e queda atrapado pola fatalidade da eterna pertenza a Mauritius-Mefistófeles, Fausto non é libre. Tal coma os personaxes do cine de Lang, que intentan fuxir da mesma sen resultados. Ao mesmo tempo soa de vez en cando unha frauta, ben acompanhando a Margarete, ben ao final do filme, ben nalgún outro instante. Esta frauta semelha leitmotiv do destino ou da morte, ou desta como fatalidade. En Metropolis, Fritz Lang móstranos a morte tocando a frauta. Son estes, paralelismos casuais?

Outra referencia, desconectada de todo o anterior, non europea e moderna. O personaxe de Mefisto recórdame ó Gollum do filme O senhor dos aneis de Peter Jackson, tanto fisicamente como no aspecto psicolóxico. Tamén recordei o mesmo filme cando vin algunhas das paisaxes que aparecen cara o seu final, paisaxes propias de Mordor, cando Fausto e Mauritius fan a viaxe que antes comentaba que se parecía á de Dante e Virxilio. Inda que as de Mordor creo que están rodadas en Nova Zelandia e as de Fausto en República Checa.

Todas estas suxestións que causa o filme desenvólvense co pano de fondo dunha estética que tamén nos leva a dous movementos artísticos recentes na historia de Europa. Ao comezo do filme  preséntasenos un lugar do que pódese dicir é terra de Oniros, mundo de sonhos, reflexo distorsionado maxicamente pola consciencia que aparece inicialmente en forma de espelho, o primeiro que se pode ver na pantalha, e logo como obxectivo distorsionador do que hai tra-lo velo do maya. Este ambiente onírico mantense ao longo de todo o filme e non podemos evitar facer mención do Surrealismo como posíbel influencia, inda que sexa máis filosófica que estética, ao tempo que tamén recordamos a psicanálise. Xa plenamente mergulhados no aspecto estético e na fotografía, esta obra posúe unha extraordinariamente sobria pictoricidade de estilo prerrafaelita, o cal está dende as visións urbanas até os paisaxe mortos do final pasando polas esceas nas fragas, aquelas nas que Fausto obtén a eternidade cando se mergulha no río -imaxe que, dito sexa de paso, recorda ao Ophelia de Millais- e logo na cama xunto a ela e a iluminación e os colores que destacan en todos estes lugares, na branca (pura) igrexa e no dourado rostro de Margarete. Este contraste entre a beleza pictórica e a fealdade de Mauritius e outro símbolo da loita entre o ben e o mal presentada na lenda de Fausto. Esta fotografía tamén pode recordar por momentos -véxase por exemplo cando a alma de Fausto abandona o mundo en cabalo tras Mauritius- á dalgúns filmes de Werner Herzog.

Margarete-Fausto-Sokurov

Por certo, o filme ganhou o Léon d’Ouro á mellor película da 68ª Mostra de Venecia, un dos festivais de cine máis importantes do mundo.

Advertisements

Etiquetas: ,

2 Respostas to “Fausto, unha viaxe pola cultura de Europa”

  1. Día tras dia. 1-Vendémiaire, ano CCXXI, Raisin « Pitagorico17′s Weblog Says:

    […] lamentos que seguen en filmes como Fausto, tanto o de Murnau coma o de Sokurov, que comentamos aquí, e noutros filmes de temática bíblica, lamentos que nos son mostrados a través da enfermidade, […]

  2. Día tras día « Pitagorico17′s Weblog Says:

    […] no senso, por umha banda, de inspirador literario dos guións -por exemplo nos Faust de Murnau ou Sokurov- e por outra banda de inspirador anímico das creacións -o que é magnanimamente interpretado por […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s


%d bloggers like this: