Día tras día. 23-Prairial, ano CCXX, Chèvrefeuille. Pina

Antes de nada comentar que os tres últimos posts desta sección están equivocados de data porque non tenhen en conta que estamos en ano bisesto (os escribín os días seguintes ós indicados). Chèvrefeuille fai referencia ós arbustos do xénero Lonicera, da familia das Caprifoliaceae. Algúns destes arbustos conhécense co nome de madreselvas.

Outras cousas a comentar. Hoxe fun ver por terceira vez (primeira vez que repito en cines comerciais) o filme Pina de Wim Wenders, homenaxe a Pina Bausch. Fíxome pensar varias cousas que comentarei por riba. Primeiro, obra dunha beleza espectacular, como unha das minhas películas favoritas, polo menos entre o cinema feito en cor, Il resto di niente de Antonietta de Lillo. Fai anos, cando comezaba a seguer o cine cunha pouca de continuidade din en observar que unhas certas películas podían clasificarse baixo o nome común de cinema da beleza. Especial recordo para Goodbye, Lenin! (Wolfgang Becker, 2003), Oci Ciornie (Nikita Mikhalkov, 1987), Good Morning, Babylon (irmáns Taviani, 1987) e Black Jack (Ken Loach, 1979). Neste momento podería engadir moitas outras, pero especialmente as dúas antes amentadas creo que poden verse como cumios deste cine da beleza. As características comúns destas obras non as sabería dir, suponho que a posta en escea, os actores e actrices, as historias, etc. En relación con isto xorde unha resposta que se me visualizou na mente pensando na posíbel (ou imposíbel) finalidade da vida para as persoas. Entendo que esta pode ser a beleza, tanto ética como estética, que esta resposta orixínase na maneira de vivir dos gregos, e que tamén a observou Nietzsche. Pois ben, creo que Pina, película homenaxe, é sobre isto, a beleza estética na imaxe, a beleza ética nas palabras, é o evidente, pero tamén do revés, a beleza ética na imaxe (fragmentos de Cafe Müller e outros) e a estética nas palabras.Por tanto alcanza outro cumio, nada mis e nada menos que a finalidade mesma da vida. Cando comprendían isto, vin que é case imposíbel que existan outras obras coas que poida identificarme máis. Quizais soamente con Det sjunde inseglet (O séptimo selo) de Bergman, que posúe características moi similares, a pesares de non ter nada que ver. Continuando con isto, ó alcanzar a finalidade mesma da vida pódese entender que alcanza o mesmo mundo ideal. Tamén, a beleza do filme contrasta coas imaxes industriais e de lugares que non son fermosos en si. Estes dous aspectos recórdanme o mundo de Tintín, que a pesares de non ser exactamente ideal nun certo sentido, nin fermoso ás veces, quizais por ser a minha primeira influencia representa o meu mundo sonhado.

Xa fixándonos noutros aspectos, observamos o peculiar método de dirección de Pina Bausch dos seus bailaríns, vía consellos socráticos no sentido de que tinhan que acabar mirando no seu interior, isto é, conhecéndose a si mesmos, como suxería a máxima de Apolo, para saca-lo millor de si. Nisto creo que hai un parecido co recente caso de Pep Guardiola como entrenador do F. C. Barcelona. Non sei se este foi o mellor club de fútbol da historia, pero creo que o adestrador si é insuperábel, precisamente pola súa capacidade para crear unha maneira de xogo viva, un organismo que evoluciona por si mesmo (a estrutura de xogo, as estratexias), e penso que isto só o puido conseguer grazas a obte-lo millor dos seus xogadores vía que estes se decatasen do que podían facer e o aprehendesen. Noutro caso sería difícil tal maleabilidade. Por iso os métodos pareceríanse, son métodos socráticos de sacar o millor das persoas ás que dirixen a través de que estas se conhezan a si mesmas e saiban explotar estes conhecementos. Tamén pareceríanse Pina Bausch e Guardiola nunha certa frialdade e en ser persoas de (aparentemente) poucas palabras. E finalmente, relacionado cos métodos de dirección e co caso de Guardiola, parece ser que este sería un exemplo das teorías defendidas por Robin S. Sharma, escritor especializado en liderazgo e desenvolvemento persoal. Tenho que confesar que o único libro de autoaxuda que lín na minha vida (non creo que volva ler outro) é dese autor e algunha (boa) influencia tivo en min. Bueno, nada máis, visto que o tándem Wim Wenders-Pina Bausch xa alcanzaron a beleza, eu seguirei na súa busca.

Advertisements

Etiquetas: ,

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s


%d bloggers like this: