Sobre o sentido da vida. A prol das sensacións II.

Este novo post podería ir engadido no anterior, o separo sen máis motivo de que o creo millor así pra os posíbeis lectores, porque non hai unha continuidade entre os dous textos e porque quero comentar unha idea coa que xa levaba dende bastantes semanas na cabeza. Esta idea é co que vou comezar, unha disquisición sobre o significado do termo pathos.

Falaba das sensacións e nomeei os sentimentos nalgunha ocasión. Estes son o principal obxectivo desta 2ª parte a prol das sensacións. Deixádeme comezar con 4 palabras: simpatía, antipatía, empatía, apatía. É sinxelo decatarse do que tenhen en común, a súa terminación, e amais a súa orixe. Esta non é outra co famoso “pathos” grego (πάθος) e aristotélico. Nas distintas wikipedias (inglesa, espanhola, etc.) definen este termo grego como sufrimento, baseándose en parte en que tamén é a orixe da palabra patoloxía, que hoxe entendemos como enfermidade. Quero intentar corrixir isto. Observo que aparellei as 4 palabras 2 a 2 por antónimos, como son tan claramente simpatía e antipatía e como tamén se poden entender empatía e apatía. En cada unha destas dúas parellas, hai unha palabra cun sentido positivo (simpatía e empatía) e outra cun sentido negativo (antipatía e apatía) e vemos que as que tenhen este último sentido levan un prefixo de negación diante, anti– e a-. É por iso, por eses prefixos negativos, que creo que o termo “pathos” non pode ter un significado negativo. Entón recorrendo ás 4 palabras nas que baseo os meus argumentos, a minha primeira proposta é traducir “pathos” como sentimento ou emoción (ou paixón). Claro que entón como entenderíamos o significado de patoloxía -“o logos dos pathos”. Non tería moito sentido pensalo coma o entendemento ou ciencia das emocións, mais si como a ciencia das perturbacións da ánima humana, pois na antigüidade as enfermidades entendíanse coma perturbacións dese tipo, e claramente os sentimentos ou emocións ou paixóns tamén o son. Isto é, sofrer de pathos non é máis que padecer unha variación do ánimo -humor- respecto do estado usual deste.

Tras esta disquisición, vou comenta-lo que penso sobre o sentido da vida. Vinha xa dende tempo atrás dándolle voltas e máis voltas á sentencia do que foi catedrático de estética da Universidade de Barcelona, José María Valverde, quen dixo: “Nulla estetica sine etica“. Recordando o que escribín no post anterior, aquí temos que saber distinguir entre ética e moral, porque noutro caso poderíamos contraatacar con Nietzsche. Aparentemente, o que busca o ser humán ten unha importante carga estética, pero os exemplos máis importantes en que podemos pensar fan da ética e da estética unha soa cousa. Na praxis, os antigos gregos, os artistas medievais (Dante por exemplo), Shakespeare, os artistas románticos ou Oscar Wilde (defensor da Arte pola Arte e da inexistencia de diferencias entre Vida e Arte) son algúns dos máis importantes representantes, e vemos como, loxicamente, onde a busca da estética fíxose máis visíbel é no ámbito artístico. Na teoría, entre os grandes defensores disto teríamos a grandes filósofos, Platón, Rousseau e Nietzsche, especialmente. Tendo en conta entón que han de converxer nunha soa idea ética e estética (co que tamén poderíamos dicir “nulla etica sine estetica“) a idea de Beleza coma o cumio da estética tamén aparece coma cumio da ética. Amais, este, o da ética, que o é tamén da estética, é o caminho cara a millor felicidade posíbel, como deberíamos deducir das teorías de Schopenhauer. Así pois, da sentencia de Valverde deducín que o sentido da vida era a Beleza, pero non só no seu sentido estético, senón tamén no ético, o que parece que concordaría coas ideas dos filósofos nomeados, e doutro que até o momento non apareceu,  Kant. Observo que as 3 maiores obra deste gran filósofo alemán están adicadas ó xuízo estético (Crítica do xuízo), á ética (Crítica da razón práctica) e á teoría da realidade (Crítica da razón pura). Así pois, se excluímos o conhecemento do mundo, constatamos como preocupouse de cheo polo que propomos como fundamento do sentido da vida. Por outra banda, a 3ª obra non se afasta da mesma idea, ou non credes na fermosura do conhecemento, nese pracer que da o entender, o saber. É esta unha beleza ética?, estética?; é, as dúas ó tempo, porque como xa dixen son unha soa.
Unha última reflexión persoal fíxome darlle unha volta de torca máis ó argumento. Está baseada no parecer meu de que a millor das dúas culturas clásicas foi a grega, sobre a romana. Na mitoloxía romana a beleza tinha asociada a divinidade Venus, que ó tempo era o equivalente da deusa grega Afrodita, divinidade do Amor. Quere dicir todo isto que a máis recente -e neste caso aparentemente maior- influencia romana sobre a cultura occidental, que a grega, provocou que valoremos máis a beleza que o amor (herdando esta valoración dos romanos)? Sería para os gregos o sentido último da vida o amor nun sentido amplo do termo? Nese caso, en cal?, porque recordemos que os gregos tinhan distintos termos pra o amor, eros, agape, filia entre doutros. Pero seguindo o argumento anterior, recordemos que Afrodita era deusa do amor no sentido de eros, ou amor sensual, da sensualidade, dos sentidos. Acabo este segundo post igual que o primeiro, isto é, defendendo as sensacións, e incluso outorgándolles a honra de darlle sentido a vida a través do amor, do Eros ou Amor Sensual. Dito isto, haise de matizar algo moi importante, que este amor é máis do que poida parecer, xa que un abrazo, un sorriso, un xesto agradábel, o ton da voz, etc. forman parte diso, xa que son captados polos sentidos. Amais diso, o Eros non ten por que producirse con respecto dunha soa persoa en concreto, como sentido da vida é algo que é realizábel con respecto a tódalas cousas do mundo; as persoas, pero tamén a sociedade (coma o conxunto de persoas en convivencia), a natureza, a experiencia vital dun mesmo, etc. O Eros quizais só é un sentimento, un pathos, unha perturbación da ánima, provenhente das sensacións, dos sentidos. Nese caso é algo que recebemos, que captamos, que sentimos, quizais ese sentimento consiste na maior das nosas vontades.

O ton da voz, o xesto da fala, que curioso que lle demos importancia a isto cando no primeiro destes dous posts argumentabamos o pouco valor do falar; pero acaso non se compón a vida, e por extensión a realidade, de paradoxos, aparentes contradicións, ou incluso totais contradicións?

Por outra banda estas últimas reflexións debemos collelas con pinzas. Eu cheguei a conclusión de que o sentido da vida era a Beleza nun sentido amplo desta idea, e os gregos leváronme até o Amor. Pero eu desconhezo realmente o que pensaban. Habería que comezar por entender ben o mundo grego, especialmente a παιδεία, a educación tal como eles a entendían. Moitas lecturas fáltanme ata chegar a un mínimo entendemento, especialmente o libro “Paideia” de Werner Jaeger. Mentres tanto, todo o dito non pasa de ser elucubracións.

Advertisements

Etiquetas:

3 Respostas to “Sobre o sentido da vida. A prol das sensacións II.”

  1. Día tras día. 25-Fructidor, ano CCXX, Écrevisse « Pitagorico17′s Weblog Says:

    […] conhecementos ou ao entendemento das cousas. Adquire relación con isto, en parte, o que dicía eu nunha entrada anterior, isto é, que o sentido da vida era a beleza estética e ética. Ven sendo como unha xeralización […]

  2. Vivre sa vie. A prol das sensacións III « Pitagorico17′s Weblog Says:

    […] ao par de entradas anteriores da serie “A prol das sensacións”, Contra o falar e Sobre o sentido da vida. En realidade, non atopo unha soa diferenza entre escrever sobre o sentido da vida e sobre este […]

  3. Afrodita | Pitagorico17's Weblog Says:

    […] termos que hoxe unificamos na idea moderna de amor, como eros, agape e filia. A pesares de que nun post anterior afirmei que o Afrodita era deusa do eros, agora penso que, posto que o amor sensual xa […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s


%d bloggers like this: