Vivre sa vie. A prol das sensacións III, ou a prol das emocións

But in a manner not yet understood of the world he [Christ] regarded sin and suffering as being in themselves beautiful holy things and modes of perfection.

De Profundis, Oscar Wilde

LE BONHEUR N’EST PAS GAI (A FELICIDADE NON É ALEGRE)
l’art, la beauté, c’est ça la vie

Vivre sa vie, Jean-Luc Godard

As minhas sensacións, as minhas experiencias, o filme a comentar, os filmes en xeral de Godard, de Truffaut, de Bergman, de Resnais, de Varda, de Rossellini, etc., os textos de Chateaubriand nutren estas linhas. Quere ser este post un comentario ao filme de Jean-Luc Godard “Vivre sa vie“, de 1962, pero entón non poden ser senón un comentario sobre a Vida, pois que é ese filme senón un canto ao Amor e á Vida.
Creo que a través do filme podemos voltar ao par de entradas anteriores da serie “A prol das sensacións”, Contra o falar e Sobre o sentido da vida. En realidade, non atopo unha soa diferenza entre escrever sobre o sentido da vida e sobre este filme de Godard. Recordemos a continuación que esta obra está estruturada en forma similar aos “Cadros dunha exposición” de Modest Mussorgsky, en 12 cadros, inda que sen os paseos entre eles. Pois na fascinante conversación entre Nina e o desconhecido no cadro número 11 fálase do falar, do mentir, da realidade, das relacións entre estes aspectos, co que resulta un interesante comentario á primeira das entradas a prol das sensacións.
Creo tamén que débese conectar esta nova entrada coas dúas última até o momento, que son Tubéreuse e Écrevisse. Sobre a Educación. A esta última porque está directamente relacionada co tema do sentido da vida e co post no que tratei este tema, e á anterior porque comento un texto de Chateaubriand e a minha relación con el. No fondo, podería comentar moitos máis fragmentos cos que me sento terribelmente identificado da obra do nobre francés, e que non son outra cousa que unha análise en profundidade da ánima humana, dos seus sufrimentos e paixóns, especialmente nesa circunstancia tan especial que é a soidade, e que non deixa de tratar unha e outra vez nos seus filmes Godard, como xa temos comentado noutra ocasión. Esas análises da ánima humana como as feitas por Werner Herzog na súa filmografía tanto de ficción como documental, por exemplo no citado na entrada anterior “Cave of Forgotten Dreams“, ou que pouco despois de Chateaubriand fixera na Rusia decimonónica o máis grande cirurxián da psique, Dostoievski.

Reitero, “Vivre sa vie” é un canto ao Amor e á Vida. Tamén é unha descrición da profesión máis antiga do mundo, profesión dunha grande dureza dende que perde o espírito grego do Amor que acaso prevalecía sobre o mundo das hetairas, sendo este substituído polo espírito do capital, sabiamente disecado polo máis grande cirurxián da teoría económica, Marx. Aquí hai dúas cousas a comentar.
A primeira é que pra mostrar a dureza desa profesión, o punto de vista está no lado escuro da ánima, no do sufrimento de Nina. Atopamos aquí con dúas das sentenzas que cito ao comezo, a de Oscar Wilde e a de que a felicidade non é alegre. Atopamos tamén coas reflexións de Chateaubriand como a citada nunha entrada anterior. Unha reflexión pesimista da Vida. Unha busca da realización vital na que só atopamos sufrimento, ao decatarmos de que non somos quen de chegar ao fin do caminho. Entón pretendemos facer dese sufrimento, desa desesperación, a nosa vitoria e noso orgullo, a Beleza do que temos; mais o que temos é Nada, é vacío, é esgotamento da ánima, é frustración, e é terror ante o abismo da vida, un terror fáustico ante unha eternidade na que contemplamos ese caminho sen fin, esa desesperación. Pero todos estes horrores da ánima, serían se non fose en Sociedade? Creo que non. Os sufrimentos só poden ser comparativos con respecto ás situacións dos outros. Por outra banda, en moitas ocasións estas situacións acaban en suicidios ou intentos. Así, o suicidio non é máis que un asasinato colectivo practicado polo común da Sociedade.
A segunda cousa que comentar é o conhecido marxismo de Godard e a súa militancia. Onde quero chegar. Ao sentido da vida. Na anterior entrada da serie “A prol das sensacións” divagaba acerca de si podía ser a Beleza ou o Amor (en sentidos concretos d’ámbolos dous termos). Aparecía a Beleza como unha solución moderna que se fósemos bos gregos teríamos que trasladar ao Amor. Ocórreseme agora outra idea que conecta coa primeira parte dese mesmo post. Se o Amor evolucionou cara a forma da Beleza, non será que só é unha parte dela, ou que só é unha parte dunha alternativa á Beleza. Cal sería esa alternativa, ese todo que englobaría ao Amor e que lle daría sentido á Vida? O pathos, ese que fai que podamos entender o sufrimento (e o pecado no contexto de Wilde) como algo fermoso, como parte diso que lle da sentido á Vida, e que chamamos (chama Wilde) Beleza. O sufrimento agora aparece equiparado ao Amor como parte do pathos. E que ten que ver todo isto coa militancia de Godard? Pois está claro, podemos engadir ao Amor e ao sufrimento un terceiro elemento que é a (actividade) política. Que hai que emocione tanto senón un sentimento de loita por uns principios. E observamos que, igual que o sufrimento, tanto o Amor como a Política son elementos sociais, ou milhor, ambientais. Entón aparece como o máis terríbel fronte a ese pathos que lle da sentido á Vida, a soidade e o vacío comentado linhas máis arriba.

Advertisements

Etiquetas: , , ,

Unha resposta to “Vivre sa vie. A prol das sensacións III, ou a prol das emocións”

  1. Adéu a la Universitat. Fahrenheit 451. « Pitagorico17′s Weblog Says:

    […] do filme nomeado, outra resposta a posts anteriois do blogue, que volven ser os linkados en Vivre sa vie. A prol das sensacións III, ou a prol das emocións, e inda que ten en común a esta entrada a defensa das emocións, tamén pretende matizar a […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s


%d bloggers like this: