Día tras dia. 1-Vendémiaire, ano CCXXI, Raisin

Hoxe é o primeiro día do ano 221 segundo o calendario republicano francés. Día adicado á uva, como é comprensíbel tendo en conta o período estacional no que estamos.

A baga é a denominación botánica pra un froito carnoso procedente dun único ovario. Inda que coloquialmente emprégase pra calquera froito pequeno e doce, por exemplo os chamados froitos do bosque. Neste aspecto, baga é equivalente ao termo inglés berry, que tamén ten este dobre significado, o botánico e o coloquial. As uvas (grapes), por exemplo, son bagas no sentido botánico mais non no coloquial, os arandos (blueberries) o son nos dous sentidos, e os amorodos (strawberries), amoras (blackberries) e framboesas (red raspberries) só o son no coloquial. Traducín os termos pra observar que os froitos que en inglés terminan en –berry, en xeral non son “berries” no sentido estrito (botánico). Algúns comentarios máis sobre as denominacións. As amoras son o froito da silva ou silveira, nome empregado pra distintas especies de arbustos do xénero Rubus, especialmente os de nome científico Rubus ulmifolius e (sobre todo) Rubus fructicosus. As framboesas son o froito do framboeseiro, de nome científico Rubus idaeus, e por tanto pertencente ao mesmo xénero que as silveiras. En canto aos amorodos, en espanhol fálase de fresas e fresóns. A diferencia substancial é que os segundos son de maior tamanho, pero logo depende que que entendamos por fresas. En calquera caso son froitos de especies de plantas pertencentes ao xénero Fragaria, denominadas con xeneralidade amorodeiras (e de aí os amorodos). Hai que destacar a especie Fragaria vesca, que daría lugar aos amorodos ventureiros (fresas salvajes; wild strawberries) e que da nome a un enorme filme de Ingmar Bergman, e a Fragaria x ananassa, que é un híbrido das especies Fragaria virginiana e Fragaria chiloensis, dando froitos de maior tamanho que os amorodos ventureiros, os amorodos conhecidos en espanhol como fresóns.

Cambio de tema. Lamentámonos e lamentarémonos.
O Hades é o inframundo entendido polos gregos, ao tempo que o seu deus. Como lugar, dividíase en varias rexións, as principais das cales serían o Tártaro, os Campos Elisios ou Elisio, os Prados de Asfódelos e as Illas dos Bemaventurados. Os xuíces que decidían a cal destes lugares ían as almas eran Minos, Radamantis e Éaco. Descendíase dende o Averno (a-ornis [sen aves?]) polo río Aqueronte (río da dor), e logo se cruzaba o río Estixe (río do odio) na barca de Caronte, até chegar a beira onde estaba a porta do Hades, gardada polo can de 3 cabezas Cérbero. A esa lagoa onde o Aqueronte desembocaba no Estixe,  tamén ían parar outros 3 ríos: o Flexetonte (río ardente ou do fogo), Lete (río do esquecemento) e Cocito, río dos lamentos ou lamentacións.
Na Biblia tamén hai lamentacións, así nos libros dos Salmos e das Lamentacións.
E por último, na Divina Comedia de Dante Alighieri. No Inferno. Imaxinámonos as lamentacións? Mirando o filme italiano de 1911 “L’Inferno“, sobre a homónima parte da obra do autor medieval, do director Giuseppe de Liguoro, podemos comprobar os lamentos, lamentos que seguen en filmes como Fausto, tanto o de Murnau coma o de Sokurov, que comentamos aquí, e noutros filmes de temática bíblica, lamentos que nos son mostrados a través da enfermidade, especialmente da lepra, entendida esta como impureza.
Os lamentos, as lamentacións, outra enfermidade da ánima, non só humana.

Advertisements

Etiquetas:

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s


%d bloggers like this: