Día tras día. 8-Vendémiaire, ano CCXXI, Amarante

Hoxe é o día dos amarantos, como xa comentei fai 2 anos. Escribirei sobre a historia política na Hélade.

Entorno a un milenio antes de Cristo a estrutura político-territorial da Hélade consistía en comunidades organizadas entorno a pequenos núcleos urbanos conhecidas como polis ou cidades-estado.

  • Licurgo foi un lexislador mítico de Esparta que se sitúa entre os séculos IX e VII a.C..
  • Solón foi un lexislador ateniense ao que xa se lle reconhece existencia histórica, que viviu entre os séculos VII e VI a.C., c. 640-560 a.C. e foi escolhido coma arconte no 594 a.C.. Súa foi a primeira gran revolución no Dereito da Historia de Civilización Occidental, na que seu fundamentou o Decenvirato romano. El instaurou a Ekklesía, base da democracia ateniense. Instaurou medidas populares que deron aire aos labregos (fronte á dependencia e a explotación económica; entre outras cousas, derrogou a escravitude por débedas) e permitiron acabar co monopolio aristocrático do poder político. Creou xunto ao Areópago -especie de Cámara Alta- un novo tribunal popular -a Heliea- (cf. coa República Romana e o Senado e cónsules fronte aos tribunos da plebe), e a partir dunha reforma do consello do Areópago estableceu a Boulé. Inda así, non levou as reformas tan lonxe como era posíbel, xa que el só aspiraba a acada-la eunomía ou “bo orden”.
  • Pisístrato foi un tirano ateniense que viviu entre 607 e 527 a.c.. Antes de nada hai que recordar que na Hélade o termo tirano non tinha a connotación pexorativa que ten hoxe en día. Significaba exclusivamente que unha soa persoa posuía todo o poder do goberno. Accedeu ao poder no 561 a.C. e tivo como filhos herdeiros da súa tiranía no 527 a Hipias e Hiparco -chamados pisistrátidas-, o segundo dos cales morreu asasinado no 514 a.C., e o primeiro foi expulsado de Atenas no 510 a.C.. Foi esta, a época das tíranias, dunha grande inestabilidade política.
  • Logo deles disputáronse o poder en Atenas Clístenes e Iságoras. Venceu o primeiro (a pesar de que o segundo contaba co apoio de Esparta), que viviu entre os anos aproximadamente 570 e 507 a.C., e que instaurou a primeira Democracia da Historia a través das famosas reformas do 508 a.C., mais o facía en nome da isonomía, isto é, a “igualdade ante a lei” de tódolos cidadáns, e, sendo estritos, atopámonos diante dunha oligarquía isonómica, cuns certos dereitos (e algúns poderes) pra tódolos cidadáns, pero coa posición dominante da aristocracia. Ampliou a cantidade de membros do Conselho de governo ou Boulé, creou maxistraturas colectivas e tribunais populares de xustiza, desprazou o poder do Areópago en beneficio da Asemblea ou Ekklesía (institución á que correspondía a aprobación ou rexeitamento das propostas de lei da Boulé) e instituíu o ostracismo. Pra promover todos estes cambios Clístenes creou unha nova unidade político-territorial: o demos.
    Subdividiu a Ática en 3 zonas, cidade, interior e costa, cada umha delas subdividida en 10 partes chamadas tritías -ámbalas subdivisións atendendo a umha similar cantidade de habitantes-, que formaron en grupos de 3, un por cada zona, 10 tribos territoriais. En cada tribo estaban representados tódolos integrantes da sociedade e as necesidades das diferentes zonas da Ática, de modo que os comerciantes da costa ou os terratenentes do interior non puidesen constituír bloques homoxéneos de interese e tivesen que pórse de acordo en cada tribo pra enviar un representante ao Conselho.
    Inda que a 1ª Democracia tinha moitos defectos, entre os que estaban a permisividade da escravitude, ou non contar coas mulleres (e evidentemente cos estranxeiros), tinha unha virtude con respecto ás (pseudo-)democracias actuais: que realmente o pobo gobernaba, ou dito doutro modo, era unha democracia directa, e non a través duns representantes; os (considerados) cidadáns (aqueles que, por definición, participan na vida pública da polis [democrática] e, en particular, encárganse da politeia, isto é, fan política) tomaban tódalas decisións. O problema que tinha non era tanto o seu funcionamento -que tamén- senón quen eran cidadáns. Hoxe en día practicamente non temos a posibilidade nen de referendos (o que sería pedir moito menos, inda menos que plebiscitos). É máis: os aristócratas da Grecia clásica poderían equipararse coas clases financeiras que posúen o control, os demais cidadáns coas clases gobernantes (políticas) e os escravos, mulleres e estranxeiros daquela época coas clases traballadoras do presente. Pois, que son os traballadores senón escravos?, traballando todas as horas necesarias até acaba-la súa labor, non podendo facer folga pra non ser despedido, cobrando só detrás de tódolos seus superiores (sendo o último en percibir indemnizacións en caso de problemas na empresa), etc.
  • Temístocles foi un político ateniense que viviu aproximadamente entre o 525 a.C. e 460 a.C. e que tras ser elixido arconte no 493 a.C. impulsou un gran desenvolvemento naval militar e o porto do Pireo. Participou nas dúas Guerras Médicas, ante a segunda das cales impulsou unha flota de trirremes que foi decisiva. Foi relegado ao ostracismo.
  • Arístides, o Justo (550?-c. 467 a.C.) foi un dos estrategos atenienses na batalha de Maratón (490 a.C.), na que os gregos obtiveron unha grande vitoria sobre os persas. Acadou a fama pola súa integridade persoal e as súas reformas como arconte de Atenas, que abriron as institucións do Estado-cidade a capas máis amplas da poboación.
  • Logo, primeiro Efialtes (?-461 a.C.) e despois Pericles (que viviu entre o 495 e 429 a.C.) impulsaron de novo e afianzaron a Democracia grega e o segundo a construción do Partenón e os Propileos. Foi esta a etapa de máximo esplendor da conhecida hoxe como Grecia clásica (séculos V e IV a.C.). Efialtes limitou inda máis as funcións do Areópago, ordenou a provisión da maioría das maxistraturas por sorteo (a excepción das que requirían algumha competencia especial), propiciou a introdución progresiva do misthos -retribución aos pobres libres por participar na politeia-. Pericles reforzou os dereitos políticos dos pobres libres e as condicións materiais necesarias pra exercelos. Financiou a asistencia xeneralizada ao teatro e aos banhos públicos, reduciu os requisitos de propiedade pra exercer como arconte, introduciu o pago de xenerosas cantidades de dinheiro pra os cidadáns que servisen como xurados na Heliea e otorgou ás mulheres o dereito de asistir á Asemblea. En palabras de Antoni Domènech, foron “décadas de intensa liberación política e intelectual que viviron as mulleres baixo a democracia plebea radical postefiáltica (a partir do 561 a.C.)”.
    Polo menos foi así mentres se puido, porque se o século V comezou coas guerras contra os medas, acabou coa Guerra do Peloponeso, que simbolizou o comezo da decadencia ateniense en favor de Esparta.
  • Finalmente foron tamén importantes na política ateniense Alcibíades, este inda no século V a.C., e logo Esquines e Demóstenes no século IV a.C., xa participando na chegada do Imperio de Alexandro Magno (con quen acaba a época correspondente á Grecia clásica, que da paso ao período conhecido como helenístico). O período democrático abarcou finalmente entre o 507 e o 322 a.C., véndose só interrompido por algúns movementos oligárquicos illados, como o dos Trinta Tiranos.
Advertisements

Etiquetas: ,

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s


%d bloggers like this: