Adéu a la Universitat. Fahrenheit 451.

Pretende ser esta entrada, ao tempo que unha recomendación do libro citado e un comentario do filme nomeado, outra resposta a posts anteriois do blogue, que volven ser os linkados en Vivre sa vie. A prol das sensacións III, ou a prol das emocións, e inda que ten en común a esta entrada a defensa das emocións, tamén pretende matizar a crítica do falar.

O libro Adéu a la Universitat [Galaxia Gutenberg, cat. (hai tamén edición espanhola na mesma editorial)] é de Jordi Llovet e pra min está sendo a lectura do ano -inda non o acabei, pero case-, unha sorpresa, xa que non esperaba gozalo tanto, o que resulta entre outras cousas pola cantidade de anécdotas tan divertidas que se contan, as críticas tan acertadas que se fan e a moi interesante descrición do que foi o Peche na UB contra o Plan Bologna no curso 2008-2009. Pero trátanse tantos temas que faise imposíbel de resumir, de maneira que o único que podo facer é recomendalo. Inda así, aparece como base destas linhas que estou escribindo en relación aos filmes a comentar e como resposta a minha crítica do falar, xa que os dous últimos capítulos -descontando o Final– contenhen unha defensa da linguaxe por medio da fala como motor de desenvolvemento humanista.

Di Sloterdijk nas súas Normas para el parque humano [Siruela, esp.]: “humanismo é telecomunicación fundadora de amizades que se realiza no medio da linguaxe escrita”. Interpreto que o que defende Llovet complementa esta afirmación no modo seguinte, a saber, o humanismo realízase na linguaxe escrita mais pénsase, xorde e desenvólvese na linguaxe falada.
Na segunda parte do antepenúltimo capítulo, Humanismo e novas tecnoloxías, defende a posibilidade humana do bo emprego da linguaxe, isto é, a elocuencia, mediante o conhecemento da retórica e da oratoria fronte aos autómatas e especialmente as novas tecnoloxías, que poden ser empregadas sen a intelixencia do usuario e que por tanto permiten un retroceso da mesma -facendo da propia persoa un autómata-, tendo como consecuencia particular “a degradación do emprego da linguaxe oral e da escritura”. Claro que a escritura mesma resulta ser non só consecuencia, senón tamén causa parcial desta degradación. Acudindo ao Fedro de Platon, Llovet contrapón a escritura á memoria, pois escribimos en gran medida pra crear recordos atemporais, e o papel das novas tecnoloxías é facilitar o acceso a estes recordos por escrito. Reconhezo que mesmo este blogue en moitas ocasións (na meirande parte) o emprego pra deixar por escrito conhecementos puntuais que adquiro nun momento dado e aos que quero ter acceso sempre que considere oportuno, no caso de que os esqueza. Outro caso exemplar é a wikipedia. Así aparece esa dobre vertente da escritura.
O primeiro dos filmes que quería pór en relación co ensaio de Llovet é o filme Toute la mémoire du monde (1956) de Alain Resnais, posto que precisamente é unha mirada aos textos como memoria.

Por outra banda o filólogo catalán contrapón nas últimas páxinas do capítulo antes nomeado unha certa forma de educación contra unha certa forma de diversión a partir dun texto de Pascal. Deste texto quédome co seguinte fragmento pra facer unha pequena reflexión: “toda a desgracia dos homes provén dunha soa cousa, que é non saber permanecer en repouso nunha habitación”. É aquí onde este comentario entra en relación cos das entradas anteriois do blogue mencionadas antes. Esa (forma de) educación que defende Llovet é a lingüística, cara o desenvolvemento dun bo falar, e diso eu non tenho nada en contra, e máis se isto é o millor pra o humanismo e a cultura. En certo modo, creo que se pode entender a Cultura -que se supón, adquírese, en parte, en repouso nunha habitación- como fin nesta vida, en contraposición a ese estado de benestar (e á democracia) que se entendería como medio cara ese fin, no xeito en que o mira Oscar Wilde no seu texto A alma do home baixo o socialismo. [Así, se defendo que a democracia e un certo modo de socialismo son os millores sistemas político e económico, é porque paréceme o millor modo de acadar un maior desenvolvemento da Cultura (do Humanismo: artístico, científico, etc.) na sociedade; inda que pareza utópico, e máis hoxe en día. Isto, a diferencia dos que son “d’esquerdas” por motivos de raíz cristián como a solidariedade, etc.] Pero ao tempo que a Cultura é un fin, é tamén un medio cara un maior goce da Vida e en particular cara algunhas formas de diversión, como defendo nos primeiros parágrafos aquí, ao tempo que é unha axuda cara atopar aquilo que nos emocione da millor das formas posíbeis. Por exemplo, unha emoción coma o asombro é máis fácil sentila canto maior é a Cultura que un ten.

O seguinte capítulo, Eloxio da palabra, é unha defensa do mesmo, a linguaxe, o bo falar, a elocuencia, pero esta vez fronte as malas prácticas da educación moderna que dan prioridade á utilidade das ensinanzas. Igual que eu defendo a motivación na educación primaria e secundaria no post acabado de enlazar, Llovet tamén defende o estímulo. Temos puntos en común e o resto de ideas súas atopo que son perfectamente compatíbeis coas minhas, en xeral.

En canto ao filme de François Truffaut baseado na novela de Ray Bradbury, emocióname. Outra defensa do humanismo, neste caso por medio dos libros (posterior e pode que non tan fonda como a do filme Storm Center (1956) de Daniel Taradash, crítica do desprezo da cultura que domina a sociedade [daquela época, pero tamén de hoxe en día, película de total actualidade]). Tamén se critica o mal emprego de certos termos: se estamos acostumados a que se defenda todo en nome da liberdade (por exemplo desde a nomenclatura empregada, como recorda Jordi Llovet en referencia ao defendido por  Josep Ramoneda en canto ao neoliberalismo), non é menos o que se defende en nome da igualdade, no filme xustificando a queima dalgúns libros. Asímesmo recórdanos que podemos empregar a memoria preferentemente á palabra escrita, mediante as persoas que se “transforman” nos libros que recordan. Tamén decatámonos do poder cativador deses pequenos obxectos, cando emocionan a unha das amigas da esposa (Linda) de Montag e cando esta mesma marcha con algúns libros na maleta. Todo isto tra-lo paso de Montag á lectura.
Por outra banda, no referente á estética, é obvia a influencia do filme de Hitchcock Vértigo, do que se imitan cousas como o efecto óptico no campanario da igrexa, que no filme de Truffaut dáse no corredor da escola. Son espectaculares os títulos de crédito ao comezo da película, que transmiten ao tempo a mensaxe da mesma mostrando as antenas das casas e recitando os termos escritos (a linguaxe oral como comunicadora, memorizadora e por tanto conservadora da linguaxe escrita).
Desculpade este comentario sobre o filme de Truffaut Fahrenheit 451, máis curto do que quixese e non moi ben escrito, pero é consecuencia do longo tempo entre o visionado do filme e a escritura deste texto, tempo empregado en parte no comentario do libro de Llovet. Amais, non son horas. Cando volva a ver esta película xa ampliarei.

Finalmente, enlazo a continuación unha serie de artigos e entrevistas (en espanhol e catalán) entorno ao libro de Jordi Llovet: os dous primeiros son textos sobre o mesmo, La mala hora de las humanidades e Mejor el camino que la posada; os seguintes son referencias citadas dentro da obra en diversas notas: El futuro de las HumanidadesProhibido prohibirEl deporte y el EstadoPalabra de críticoLa indignació (que podemos dicir que ten como 2ª parte Hessel i Gretel), El título superior pierde atractivo por sus pocas ventajas laboralesInvestigar y educarHablemos inglés, o algo parecido“Yo no leo, yo escribo”Disparad contra la Ilustración e Aristóteles es director estratégico. Por outra banda está o artigo La descomposición de la Universidad, que aparece reproducido íntegro como apéndice ao final do libro. A continuación e con relación a unha nota sobre unhas declaracións que fixo o conseller de Sanitat da Generalitat de Catalunya, Boi Ruiz -nas que afirmaba “se quere estudar filoloxía clásica por pracer, pagarao vostede”- enlazo os artigos El mercat contra la filologia, Boi Ruiz i els clàssics e Artur Mas contra Pericles; con relación a certos temas tratados no libro e citando umha referencia bibliográfica de Flaubert que aparece en moitas ocasións nel, está o artigo Esperar trescientos años; e por último quixera enlazar un recente artigo do autor catalán que ten que ver co tema do libro, La universidad que vendrá.

Advertisements

Etiquetas: , , ,

2 Respostas to “Adéu a la Universitat. Fahrenheit 451.”

  1. Dos canons literarios | Pitagorico17's Weblog Says:

    […] Manguel. Tamén hai diversos filmes entorno a este mundo, acerca dalgúns dos cales escribín neste post anterior do blogue. No mesmo, comento un libro de Jordi Llovet. Pero ía falar de canons literarios […]

  2. Dende o momento en que todo vale só queda a mediocridade | Pitagorico17's Weblog Says:

    […] aparece implicitamente (ás veces de maneira bastante explícita) tratado no libro de Jordi Llovet Adéu a la Universitat, xa comentado neste […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s


%d bloggers like this: