Buñuel-Bergman-Fellini-Antonioni-Herzog

Comentaba en entradas anteriois a disección da ánima humana e, máis xeralmente, de todo o que é e representa o ser humano por Werner Herzog en Cave of Forgotten Dreams. Neste sentido, relacionaba a Herzog con outros cirurxiáns na mesma especialidade coma os escritores Chateaubriand e  Dostoievski. Máis concretamente, noutro texto que non está no blog, e en relación ao filme L’avventura, de Michelangelo Antonioni, afirmei: “se Fellini é o Godard italiano, o mestre do experimental, Antonioni é o director do ser humano, o antropólogo do cine, papel que agora asume tamén Werner Herzog cos seus filmes, tanto de ficción -e.g., Aguirre, der Zorn Gottes– como documentais -e.g., o xa citado-, e tamén co libro (diario?) que escribiu mentres rodaba Fitzcarraldo, Conquista do inútil. Os seus filmes (os de Antonioni), coma os de Herzog, son disquisicións antropolóxicas sobre o ser humano como tal e como todo o que significa, dignas de Kant, Nietzsche e Heidegger, e mostrándono-lo terror ao que é sometido pola mente. Todo aquilo que sentimos, interpretamos e pensamos e o afecto que isto nos produce é o obxecto d’estudo, tal como nas memorias de Chateaubriand ou nas obras de Dostoievski.” Evidentemente, outro cineasta que é obrigado mencionar aquí é Ingmar Bergman, mais o que me interesa comentar polo momento vai noutra dirección …

Comparaba antes Fellini con Godard, pero se quero precisar isto, Fellini está entre Godard e Luis Buñuel. O seu cine é experimental como o do primeiro e provocador (no moral) como o do segundo. Tamén foi cine experimental parte do de Buñuel, así que non hai grande diferencia entre el e o italiano, nembargantes creo que a obra de Fellini ten un grao máis de ruptura no formal, se exceptuamos os filmes surrealistas do cineasta espanhol –Un chien andalou e L’Âge d’Or– e quizais algunha outra peza súa.

Agora mostrarei (modificado, non só transcrito e traducido) algún material sobre Luis Buñuel recollido da obra Vida y opiniones de Luis Buñuel, escrita por Agustín Sánchez Vidal (editada polo Instituto de Estudios Turolenses en 1985).
O realizador aragonés, cando en 1939 redacta a súa autobiografía, percibe 3 hipotéticas rutas: 1) o sistema de Hollywood; 2) as producións chamadas independentes, que lle parecen unha variedade esgotada da anterior; 3) o documental, “que é, en realidade, un sucesor das mencionadas producións independentes” (segundo Buñuel). Dentro dos documentais distingue, a súa vez, 2 tipos: a) os descritivos, “nos cales o material limítase á transcrición  dun fenómeno natural ou social”; e b) “outro, moito menos frecuente, é aquel que, inda sendo descritivo e obxectivo, trata de interpreta-la realidade e pode, por esa razón, apelar ás emocióis artísticas do espectador e expresar amor, tristeza e humor”.
Seguindo este esquema que describe Buñuel creo eu que debemos situar toda a obra de Werner Herzog como o máis representativo deste último punto, tanto dende a ficción como dende a non-ficción, e aí están como exemplos os dous citados arriba.

Inda hai máis. Buñuel escribe: “Gustaríame facer documentais psicolóxicos.” E isto nos leva de novo ao primeiro parágrafo, ao meu comentario sobre o filme de Antonioni, ao propio Antonioni -que son, senón documentais psicolóxicos, os filmes pertencentes a súa triloxía da incomunicación!- e ao mestre do realismo psicolóxico que foi Dostoievski. Tamén, en palabras do cineasta espanhol:
“Psicopatoloxía podería se-lo título doutro documental cuxo guión necesitaría algunha preparación e estudo, así como a colaboración dun especialista en psicoloxía e psiquiatría. Trataríase d’expór a orixe e desenvolvemento de diferentes enfermidades psicopáticas. A vida do enfermo, o seu tratamento, os seus delirios. O espectador podería ver por si mesmo o mundo en que vive un esquizofrénico, ou decatarse de que constiste a interpretación paranoica da realidade.
Aínda que as minhas ideas son inda moi xerais nesta materia, intúo que este tipo de documental, amais do seu grande interese científico, podería desenrolar na escena UN NOVO TIPO DE TERROR ou o seu sinónimo HUMOR e ás veces unha estranha poesía, ausente até agora e produto deses dous sentimentos.”
Tendo isto presente, amais dos achegamentos que puido facer Luis Buñuel a esta forma de facer cine, ocórrenseme dous filmes definitivos dentro do “xénero psicopatolóxico” e que paréceme que satisfán perfectamente a definición anterior: o primeiro (no que pensei) é , de Fellini, onde temos ao evidente enfermo que é o director interpretado por Marcello Mastroianni. Pero logo, e si que volvemos a Bergman, pensei en Persona, outro exemplo claro de todo o exposto anteriormente, o cine antropolóxico de Antonioni e Herzog e o cine psicolóxico e psicopatolóxico de Buñuel e Fellini nunha perfecta simbiose.

Advertisements

Etiquetas: , ,

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s


%d bloggers like this: