Archive for Xaneiro 2013

Arredor de Cidadán Kane

Xaneiro 16, 2013

Ben sabemos que o MacGuffin do filme Cidadán Kane (Citizen Kane), a excusa pra conta-la vida de Charles Foster Kane, é acha-lo significado do último que dixo antes de morrer, “Rosebud”. Tamén conhece todo aquel que vira o filme, que tal obxectivo non é acadado, inda que nos sexa mostrado aos que visionamos esta obre mestra do cine.

O que penso eu é que se o periodista tivese atopado-lo significado de “Rosebud”, daríase de conta de que este termo non é máis que (un símbolo de) ese pasado ao que por un capricho ou outro da fortuna non é posíbel regresar. Isto é tanto máis así canto a desesperación provocada pola soidade só atopa un refuxio no pasado.
Nos momentos en que Kane decátase de que non é querido sofre e síntese só, só dende que a fatalidade quixo que o arrebatasen do seu fogar. E sofre porque o único que quere é amor e non o ten. De tal maneira, inda que aparentemente o ten todo e iso é o que todos pensan, non ten nada porque non ten amor, que o é todo pra el dende que lho roubaron a cambio da súa vida na infancia. E esa nada é un baleiro, tal coma a soidade, e coma os grandes espazos de Xanadu.
Claro que a fatalidade está a miúdo dentro dun mesmo (e.g. no seu carácter), tal como pode comprobarse na obra de Fritz Lang.

Remato co comezo do poema máis recordado dos Carmina Burana. “O Fortuna / velut luna …”