Do Romanticismo no cine, de Nietzsche e doutros

Calipso: […] Devi rompere una volta il destino, devi uscire di strada, e lasciarti affondare nel tempo …
Odisseo: Non sono immortale.
Calipso: Lo sarai, se mi ascolti. Che cos’è vita eterna se non questo accettare l’istante che viene e l’istante che va? L’ebbrezza, il piacere, la morte non hanno altro scopo. Cos’è stato finora il tuo errare inquieto?

(Calipso: […] Debes romper umha vez o destino, debes saír do caminho, e deixarte afundir no tempo …
Odiseo: Non son inmortal.
Calipso: O serás, se me escoitas. Que é a vida eterna senón este aceptar o instante que ven e o instante que vai? A ebriedade, o pracer, a morte non tenhen outro propósito. Que foi até agora o teu errar inquedo?)

L’isola, Dialoghi con Leucò, Cesare Pavese

Inda que o Romanticismo é un movemento estético de comezos do século XIX que ten a súa orixe filosófica en Rousseau, na arte que o precedía no século XVIII -autoproclamada de inspiración clásica- xa podíamos reconhecer certos aires. Por exemplo na música neoclásica, dende algún filho de J. S. Bach coma K. P. E. Bach até Beethoven pasando por Haydn e Mozart as creacións pertencentes ao Sturm und Drung xa nos removen a ánima como o farán posteriormente as obras plenamente románticas de Schubert ou Schumann. E se en música falamos de Beethoven, en literatura temos a Goethe, e en lugar de Schubert e Schumann a Hölderlin e Novalis. Mais este movemento, que en música tivo un longo desenvolvemento en distintas formas (Brahms, Wagner, nacionalistas), tamén tivo consecuencias que xurdiron ben coma continuacións ou ben coma reaccións. Pois, por notar algúns nomes concretos, en filosofía Nietzsche foi un postromántico, en música o foi Mahler, en literatura dende Baudelaire e os demais simbolistas até esteticistas e decadentistas coma Oscar Wilde, Joris Karl Huysmans, Gabrielle d’Annunzio, Walter Pater e outros coma Walt Whitman, pasando polos parnasianos, e en pintura, relacionados cos esteticistas foron os prerrafaelitas. No fondo as vangardas do século XX son tamén unha reacción ao Romanticismo que representa o tradicional.

Pero logo nace unha nova arte, o cine, e dase un novo Romanticismo, ou moitos. Poderíase falar do Sturm und Drung no cine no senso, por umha banda, de inspirador literario dos guións -por exemplo nos Faust de Murnau ou Sokurov– e por outra banda de inspirador anímico das creacións -o que é magnanimamente interpretado por Orson Welles na súa obra (incluíndo Jane Eyre)-, ou do romanticismo máis feble de David W. Griffith e de outros cineastas dos anos 10 e 20. Pero quixera citar algúns filmes máis recentes que por un motivo ou outro tenhen unha certa esencia característica do Romanticismo. Así por exemplo Le comte de Monte Cristo, do ano 1999, protagonizada por Gérard Depardieu, que pode que non pase á historia coma unha grande obra de arte, pero que nos conta a historia dunha grande vinganza centrándoa nesta idea tráxica. Un filme moito melhor e máis recente é Mistérios de Lisboa (2010) de Raoul Ruiz, falecido pouco despois, amais da menor Ne touchez pas la hache de Jacques Rivette. Non só o componhente tráxico, senón o de ser grandes historias, moi completas, con moita substancia, é o que fai delas grandes filmes románticos coma en literatura as novelas dos Alexandre Dumas pai e filho, chegando ao punto de que poden parecer barrocas a segundo quen por recargadas.
Nesta linha, quero remarcar que os cineastas italianos tenhen feito grandes obras destas ao longo dos últimos lustros, consecuencia dumha sensibilidade especial para o xénero histórico: así, Il resto di niente (2004) de Antonietta de Lillo, Fuoco su di me (2006) de Lamberto Lambertini ou Il principe di Homburg (1997) de Marco Bellocchio son exemplos claros. Recordemos que este derradeiro está inspirado na novela homónima de Heinrich von Kleist autor tamén da novelle Die Marquise von O, na que se inspira o filme de Éric Rohmer, non tan romántico -que tamén-, pero si de tan gran pictoricidade coma o italiano, na estela do Faust de Murnau, como remarcamos na entrada adicada ao cineasta francés. E é, neste aspecto, referemcia obrigada Luchino Visconti, cos seus melodramas entorno a unha aristocracia decadente ao longo dos últimos séculos. O seu, máis que o Romanticismo do Sturm und Drung é o de Verdi. Os seus melodramas son coma óperas de Verdi feitas cine, dun dramatismo feroz. Entre eles tamén ten un drama wagneriano con resonancias a Chopin, Schumann e Brahms inclusive, Ludwig, o cal resulta moi representativo de todo o que escribo neste post, tanto do anterior, coma do posterior. É un retrato de Luis II de Baviera que o fai semelhante ao Des Esseintes de Huysmans ou ao Dorian Gray de Wilde. Trátase dumha obra moi rococó acera dun home que viviu umha grande historia, decadente e terríbel, pola soidade que sufriu e que desembocou na loucura, igual que lhes sucedeu a Nietzsche e Pavese.

Citaba a Nietzsche, quen xunto a Oscar Wilde comparten unha herdanza do Romanticismo: a fusión entre vida e creación, inda que no segundo caso haia máis vontade que no primeiro. Unha vida que estancou na loucura, á que chegou despois da tormenta. Unha vida tráxica, coma a do escritor italiano Cesare Pavese e a do personaxe retratado en Ludwig (e pode que a do seu inspirador, Luis II de Baviera). A de Nietzsche e a de Pavese foron dúas vidas que tiveron moito en común, especialmente a soidade na que se viron afogadas e da que trataron de fuxir a través da arte e da natureza primeiro, e logo da cidade de Turin.Ese afogamento móstrase en moitos dos seus textos, coma este do escritor cuneesi:
“É preciso falar da manía da autodestrución. Nom falo do suicidio: as persoas coma nos, que aman a vida, o imprevisíbel, o pracer de contar, só poden chegar ao suicidio grazas a umha imprudencia …
Hai que percatarse ben diso: na nosa época o suicidio é umha maneira de desaparecer, lévase a cabo con timidez, en silencio, de maneira anódina. Xa nom é un acto, é un sufrimento.
Quen sabe se o suicidio optimista volverá un día a nós?”
Tradúzoo da versión espanhola La inmensa soledad (Editorial Síntesis, 2000) do libro L’immense solitude de Frédéric Pajak, que trata destes dous orfos que acabaron baixo o ceo de Turin, que nom esquece a figura intermedia de Giorgio de Chirico, e que recomendo encarecidamente.
Mais atopo que hai umha diferencia entre os textos de Nietzsche e Pavese, que podería ser extrapolada a súas vidas, e que vai máis alá de que un fose ensaísta mentres o outro autor de ficción. Trátase da diferencia entre a épica e a lírica. Inda que ámbolos autores nútrense de ambos recursos, os textos o filósofo xermano tenhen un carácter épico, no que aparecen grandes heroes en relación coa crítica dos valores, mentres os do autor italiano posúen o fulgor da lírica. Comentaba numha entrada anterior a lectura que agora xa acabei dos Dialoghi con Leucò. Aí a lírica atópase na intimidade deses diálogos tan profundos entorno ao destino (tráxico) das persoas, que tratan temas nietzscheanos dumha forma poética; temas coma a (carencia de) liberdade, a inmortalidade (que perdemos xunto ca inocencia ao facérmonos conscientes da existencia da morte), o ser das nosas vidas a través dos sonhos e a memoria e a súa relación co sensorial, que ven sendo o humano como natureza (sentidos) máis pensamento (sonhos, memoria), o eterno retorno e a transcendencia do momento (o instante fáustico), as relación entre o divino e o humano, entre os deuses e os humanos, etc.

Pra finalizar. Friedrich Nietzsche pode pórse en relación con moitos personaxes, non só filósofos coma os evidentes casos de Platón, Schopenhauer, Kierkegaard, Heidegger, …, senón tamén artistas. Esta posta en relación poderían ser conversas ficticias coma os diálogos de Platón ou de Cesare Pavese.
Oscar Wilde mesturou arte e vida da forma máis natural, e nese aspecto fixo da súa vida os seus valores, non sabemos se até o punto de ser coma o “superhome” nietzscheano. En calquera caso, o ascetismo ao que o levou o catolicismo caro o final da súa vida (De Profundis, A ánima do home baixo o socialismo) tamén permitiría pólo en relación con Schopenhauer e incluso Wagner. Hai máis dun libro que relaciona Nietzsche con Wilde, por exemplo La inocencia del devenir. La vida como obra de arte según Friedrich Nietzsche y Oscar Wilde de Juan Herrero Senés (Biblioteca Nueva, 2002). Tamén algúns dos artigos de Pau Gilabert Barberà tratan de Oscar Wilde e permiten relacionalo cos nomeados.
Da relación de Nietzsche con Césare Pavese xa escribín arriba.
Da relación con Richard Wagner escribiuse practicamente tanto coma da relación con Schopenhauer. Nese caso as lecturas erróneas de Nietzsche levan a acusacións dun antisemitismo que nunca foi tal, igual que é discutíbel o suposto machismo de certos textos. Fora de contexto poden facerse estas lecturas, claro, pero hai que saber entender as ironías, sarcasmos, metáforas, … Pero citando umha obra que tampouco deixa de facer a falsa acusación dita a Nietzsche -Wagner si era un reconhecido antisemita-, podemos mencionar El Wagner de las ideologías. Nietzsche-Wagner do compositor Eduardo Pérez Maseda (Biblioteca Nueva, 2004).
Nom podemos esquecer o libro de Thomas Mann Schopenhauer, Nietzsche, Freud. E outro clásico sería La lucha contra el demonio (Hölderlin · Kleist · Nietzsche) (Acantilado) de Stefan Zweig. Outro romántico ao que hai que recordar é o compositor Robert Schumann, que tamén sufriu a loucura.

Advertisements

Etiquetas: , , ,

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s


%d bloggers like this: