Archive for Marzo 2013

Yûzô Kawashima ou a comedia occidental integrada no cine xaponés

Marzo 30, 2013

A obra de Kawashima inscríbese na tradición cinematográfica dos clásicos nipóns, pois, realizada na época dos grandes trabalhos de Kurosawa e Mizoguchi, a pesares da diverxencia temática, o transfondo do estilo persoal ten unha importante base común asociada á cultura do país do sol nacente. Pero non queremos concentrarnos nas similitudes, nin nas diferencias temáticas cos clásicos do cine xaponés -xa que estas últimas dependen moito dos filmes, como comprenderemos-, senón en que este director transcendeu o cine xaponés tradicional integrando harmonicamente a comedia occidental nel, creando un novo cine nipón cómico (os autores clásicos tampouco desprezaban os gags), que, inda así, non se fai raro (comparando coa tradición cinematográfica xaponesa), se ben faise estranhamente próximo. Sintetizando, podemos dicir do cine deste director que é puro cine nipón co estilo máis depurado da tradición da comedia occidental. (more…)

Advertisements

Día tras día. 7-Germinal, ano CCXXI, Bouleau

Marzo 27, 2013

Hoxe é o día dos bidueiros, que son as diferentes especies de plantas -xeralmente árbores- do xénero Betula, pertencentes á familia Betulaceae. A orixe etimolóxica destes termos é o propio betula, palabra do latín que, a súa vez, provén do céltico betu.

Unha reflexión sobre JLG, id est, Godard. Jean-Luc é ese director os filmes do cal son todos-cada un deles, considerados, o máis claro, o máis fermoso, o máis misterioso, o máis estranho, o máis rompedor, o máis romántico.

Pitágoras

Marzo 26, 2013

Como se pode ler arriba, no pórtico deste blogue, afirmo: “Pitagoras poderíase ler pit-agora, pai do agora, a praza pública da polis grega, onde se fala de temas varios”.

A afirmación non deixa de ser certa, en tanto que emprego o condicional, a pesar da falsidade dalgunha información contida. Cando decidín asociar pit e pai baseábame na crenza da similitude entre pit e a raíz indoeuropea da que provén a palabra pai e as equivalentes en moitas linguas europeas e tamén da India. Pit tamén podería ser relacionada con peito, mais que creo que a asociación inda estaría menos xustificada.

Sen embargo, se buscamos atopamos unha explicación aparentemente fiábel. Témola en Behind the Name. Segundo o que aí se nos di, o nome de Pitágoras derivaríase de Πυθιος, sobrenome do deus Apolo e cualificativo para a súa sacerdotisa, a pitia, que segundo aparece noutros lugares tería feito algunha profecía acerca do seu nacemento e da súa vida, e de αγορα, tal como xa intuín. Entón podemos pensar que Pitágoras é a forma que colhe Apolo cando está na praza pública ou do mercado.

Lucius Papirius Cursor

Marzo 26, 2013

Lucio Papirio (ou bem Lúcio Papírio) Cursor foi un político e militar romano que destacou na segunda metade do século IV a.C.; na Historia de Roma de Tito Livio comeza a adquirir protagonismo no libro VIII -sendo a primeira cita en VIII,12,2, cando é nomeado xefe de cabalaría (magister equitum) entorno ao 340 a.C. (ano romano 414 A.U.c.)- e ten grande presencia ao longo de todo o libro IX.

Signatur:D:JobRoot7872312preprozessPORT_00101677_01-07.03.2007

No 325 a.C. (ano romano 429 A.U.c.), cando segundo Livio xa é “a persoa máis distinguida con gran motivo no arte da guerra naquel tempo” (VIII,29,9), é nomeado ditador e como tal nomea xefe de cabalaría a Quinto Fabio Maximo (ou Fábio Máximo) Ruliano (Quintus Fabius Maximus Rullianus). O que Livio relata en VIII,30-35 xa é dabondo para que ámbolos dous pasasen á posteridade. Logo que o ditador dese a orde de non entrar en combate e da desobediencia da mesma por Quinto Fabio, o primeiro buscou a punición do seu subordinado, a pesar da súa vitoria na batalha. Finalmente outorga a súa condena, o seu xuízo, ao pobo romano e á potestade tribunicia, os cales déronlhe o seu apoio, inda que fai o inciso “non noxae eximitur”, o que ven dicindo que non queda exento de culpa.
Papirius Cursor spares Fabius
Aproveito esta tradución aproximada para facer unha disquisición informativa sobre ela e máis concretamente sobre o significado do termo noxae. Como sabemos por Nietzsche, a idea de culpa asóciase á moral xudaico-cristiá, polo que non expresa adecuadamente o que  o historiador padovano quere dicir. Para aclara-lo concepto de noxae traduzo ad hoc unha nota do libro Roman Private Law in the times of  Cicero and of the Antonines (1902), do estudoso do dereito romano Henry John Roby. “Noxa (de nocere) significa orixinalmente ‘dano físico, anímico’ ou ‘comportamento inmoral’. Isto visto dende o punto de vista do causante do dano é ‘falta’ ou ‘consciencia do dano causado’; noxius é ‘nocivo’ ou ‘causante do dano’, noxia ‘consciencia do dano’. O prexudicado require compensación; así pois, as frases antigas eran noxam nocere ‘facer dano’, noxam sarcire ‘arranxar o dano feito’. Un modo natural de compensar era entrega-lo ofensor ao ofendido. Isto era noxae dedere ‘entregar ao danado’.[…]”
En resumo, Lucio Papirio está dicindo que, a pesar da decisión final, a falta permanece, ou dito doutra maneira, Quinto Fabio non se libra de ter cometido o mal comportamento e de que así sexa xulgado este.
A mala relación entre estes dous personaxes recordarase en Livio IX,38, cando Quinto Fabio tenha que nomear ditador ao seu antigo acusador, momento no que se fará evidente o sufrimento que iso lhe causa, contido polo seu ánimo inxente.
O relato do sucedido entre Lucio Papirio e Quinto Fabio é un entre outros, que son variantes da mesma historia. Atopámola na Biblia, 1 Samuel, 14, onde Jónatan viola inconscientemente unha prohibición do seu pai Saúl ao tempo que consigue unha vitoria para Israel, e inda que Saúl pide a súa morte, xorde de novo a figura do pobo salvador. A diferencia estriba en que a salvación na historia romana prodúcese grazas ao dereito, mentres que na historia bíblica a lei última empregada na decisión  final é a lei divina. O autor do Romanticismo xermano Heinrich von Kleist presenta idéntico dilema no seu drama  O príncipe de Homburg, que adaptaría posteriormente ao cine Marco Bellocchio.

Retornando a Lucio Papirio, antes da súa segunda ditadura consolídase como un gran militar grazas as súas múltiples vitorias, para o que Tito Livio non escatima as maiores loas. Da súa vitoria ante os samnitas en Lucera di en IX,15,8 que “practicamente non houbo outra vitoria máis brillante do pobo romano polo xiro imprevisto dos acontecementos”, e engade a continuación sobre o noso protagonista, “non sei se el, único vingador da humillación romana, obtivo o triunfo, o máis merecido até entón dende Furio Camilo, ou hai que atribuírlhes esta honra aos cónsules e especialmente a Papirio.”
Papirius Cursor enjoys a triumph
O final do capítulo seguinte, IX,16,11-19, é un panexírico do 5 veces cónsul e 2 ditador. Di Tito Livio: “o máis sobresaínte era a rapidez dos seus pes, á que debeu o seu sobrenome”; “sen a menor dúbida, en aquela época, que foi a máis fecunda en homes de mérito, non houbo nin un so sobre o que descansase en maior medida o poder de Roma. É máis considéraselhe un xefe con un espíritu comparábel ao de Alexandre Magno se este, unha vez sometida Asia, tivese volto cara Europa as súas armas”. A continuación, nos capítulos IX,17-19, o historiador conxectura a fortuna de Roma se tivese chegado a enfrontarse co exército de Alexandre Magno, e o fai cun considerábel optimismo baseado nos grandes homes que di que foron os xenerais romanos contra os que tivese batalhado, como Marco Valerio Corvo, Publio Decio Mus ou o propio Lucio Papirio Cursor.
No tempo da súa segunda ditadura, trala batalha contra os etruscos dirixida por el, di Livio en IX,39,11: “aquela xornada quebrantou por primeira vez o poderío dos etruscos, boiante cunha prosperidade que vinha de antigo”.

A loa a Papirio Cursor non é só militar, tamén o é ética. Indirectamente, Livio transmítenos a súa grandeza moral ao outorga-la decisión final sobre Quinto Fabio ao pobo, como xa contamos antes. E logo, na crítica a Apio Claudio, recorda en IX,34,20-21 que “Lucio Papirio para non deixa-lo cargo nomeou colega substituto […]. E canto máis comedida foi a súa ambición, Apio, que a túa! [L. P.] non exerceu a censura en solitario máis alá do tempo fixado pola lei; nembargantes, non atopou quen despois seguise o seu exemplo”.

As Crónicas de Nuremberg tamén fan mención do personaxe. No último parágrafo da páxina LXXIX das mesmas cóntase o ocorrido con Quinto Fabio e a súa vitoria sobre os samnitas, e ao seu lado, case na esquina inferior esquerda hai un retrato seu incluído.
NurembergChronicles79

Imaxe – Etimoloxía

Marzo 23, 2013

Representación dun obxecto mediante a pintura, a estampa, etc. Outros significados de imaxe pódense consultar no dicionario da RAG ou, na forma reintegrada, no Estraviz. Como di aí, procede do latín imagine, mais tamén de imàginem casi imitàginem (como di Porfirio), ou melhor mimàginem, da mesma raíz do grego mímos -imitador-.

Dos canons literarios

Marzo 19, 2013

O home é un animal clasificador por natureza, en tanto que ser intelixente, quizais porque a actividade máis natural e primaria da intelixencia é clasificar, ordenar. E dentro do universo das clasificacións, unha das ferramentas máis empregadas é a lista. Sobre estes temas tense escrito moito, entre outros autores Georges Perec e Umberto Eco. Pero como indico no nome da entrada, o seu tema son unhas listas ben concretas, as dos libros de referencia, aqueles que non deberían ser esquecidos xamais, os canons literarios.

De libros, de literatura, de lectura, de bibliotecas, como temas abstractos e en xeral lévase escrito moito. Algúns dos autores máis prolíficos nestes submundos, ademais do propio Umberto Eco, son Jorge Luis Borges e o seu principal lector de cando cego, Alberto Manguel. Tamén hai diversos filmes entorno a este mundo, acerca dalgúns dos cales escribín neste post anterior do blogue. No mesmo comento un libro de Jordi Llovet. Pero ía falar de canons literarios fundamentais, e o canon de Llovet estaría formado pola Ilíada e a Odisea de Homero, a Biblia, a Divina Comedia de Dante, o teatro de Shakespeare e o Don Quijote de la Mancha de Cervantes. Nesa entrada nomeaba tamén a Flaubert, do que o mesmo Llovet é un gran seguidor. Nas súas cartas, Flaubert recomenda a diversos autores; de La Fontaine e de Victor Hugo di que son os clásicos franceses na materia de verso, mentres que na prosaica suxire a Rabelais, La Bruyère e Montaigne. Das Moralia de Plutarco di que son un pozo de erudición e pensamentos e tampouco se esquece de Shakespeare, Goethe e autores gregos e romanos como Homero, Petronio, Plauto ou Apuleyo. Outro canon, o máis conhecido, é o libro clásico de Harold Bloom O canon occidental, pero non vou a comentalo xa que non o lín. Case ao remate, acudirei ao capítulo 1 do libro XII das Memorias de Ultratumba de Chateaubriand, onde este fai unha grande loanza de Shakespeare, con tradución parcial incluída do fermoso soneto LXXI. Tamén mostra a súa admiración por John Milton e polo Michelangelo poeta, e afirma: “Shakespeare está entre os cinco ou seis escritores que son suficientes ás necesidades e o alimento do pensamento; eses xenios nai semelhan ter dado a luz e aleitado a tódolos demais. Homero fecundou a antigüidade: Ésquilo, Sófocles, Eurípides, Aristófanes, Horacio, Virxilio son os seus filhos. Dante xerou a Italia moderna, dende Petrarca até o Tasso. Rabelais creou as letras francesas; Montaigne, La Fontaine, Molière, son descendencia súa. Inglaterra é toda Shakespeare, e, ata en estes derradeiros tempos, el prestou a súa lingua a Byron, o seu diálogo a Walter Scott.”
Observamos que Shakespeare parece un autor unanimemente considerado dos máis grandes sen dúbida. Pois ben, o novelista irlandés James Joyce consideraba a Henrik Ibsen un dramaturgo moi superior a Shakespeare.