Yûzô Kawashima ou a comedia occidental integrada no cine xaponés

A obra de Kawashima inscríbese na tradición cinematográfica dos clásicos nipóns, pois, realizada na época dos grandes trabalhos de Kurosawa e Mizoguchi, a pesares da diverxencia temática, o transfondo do estilo persoal ten unha importante base común asociada á cultura do país do sol nacente. Pero non queremos concentrarnos nas similitudes, nin nas diferencias temáticas cos clásicos do cine xaponés -xa que estas últimas dependen moito dos filmes, como comprenderemos-, senón en que este director transcendeu o cine xaponés tradicional integrando harmonicamente a comedia occidental nel, creando un novo cine nipón cómico (os autores clásicos tampouco desprezaban os gags), que, inda así, non se fai raro (comparando coa tradición cinematográfica xaponesa), se ben faise estranhamente próximo. Sintetizando, podemos dicir do cine deste director que é puro cine nipón co estilo máis depurado da tradición da comedia occidental.

Conhezo dous filmes de Yûzô Kawashima, Bakumatsu taiyôden (1957) e Shitoyakana kedamono (1962), e atrévome a dicir deles que podemos consideralos dentro da tradición da melhor comedia europea nos diversos xéneros e artes nos que foi proxectada, da que, facendo un repaso rápido, recordamos que comeza con Aristofanes e Menandro na Hélade, pasa por Shakespeare e Cervantes, ten unha forte presenza ao longo da Ilustración (Molière, Rabelais, Laurence Sterne, etc.), acada un elevado cumio na obra teatral de Oscar Wilde e de George Bernard Shaw, e xa no cine desenvólvese grazas a Charles Chaplin, Buster Keaton, Ernst Lubitsch, Billy Wilder, Blake Edwards e moitos máis.

Acerca de Bakumatsu taiyôden (A lenda do sol nos últimos días do Shogunato): a afirmación coa que acababa o primeiro parágrafo a describe certamente ben. É unha historia de samurais, cos escenarios comúns e as temáticas habituais, o que a sitúa máis preto dun cine nipón tradicional que conhecemos melhor. Por outra banda posúe a brillantez do drama e dos personaxes da obra de Wilde, o enxenho dos gags de Chaplin, e a técnica do dominio do escenario de Lubitsch, Wilder ou Edwards, que se mostra neses frenéticos abrir e pechar de portas no medio dun ritmo explosivo e continuo, entre outras moitas calidades da gran comedia. Todo isto sucédese entorno a un singular personaxe que todo o atrae e todo o repulsa, núcleo motor do filme. O ser humano, aquí, é primitivo, como habitualmente no cine nipón, pero amais aparece como homo ludens, especialmente representado por ese lagarteiro que todo o pode e todo o fai. É o astuto, o pilho, o pícaro que acaba tendo éxito nos seus plans mediante o engano e a intelixencia. O filme é coma un átomo, cos electróns movéndose velozmente e en todas direccións entorno a un núcleo xa descrito, é un non parar de personaxes -tal coma O sonho dunha noite de verán– e historias bulindo arredor dun prostíbulo onde se instalou o loubán coa súa historia particular, que tal coma un búmerang  é enviada fora e retorna da maneira máis inesperada no momento máis cómico da película, dende o meu punto de vista e inda que esta sexa unha elección difícil. Se hai algún aspecto negativo é a falta de claridade inicial orixinada na sobredose de personaxes que intervenhen e das interaccións entre eles.
BakumatsuTaiyôden

Sobre Shitoyakana kedamono (A besta graciosa): coma nun cuarteto de Haydn, varios finais preceden ao definitivo nunha moi simpática película. Á maneira do filme de Hitchcock The Rope, esencialmente só se usa un escenario, pero melhor é a comparación cunha obra teatral, pois a distribución espazo-temporal é similar, dividíndose en 2 ou 3 partes, cada unha das cales desenvólvese nun só escenario e a tempo real, coma se de actos dunha comedia de Oscar Wilde se tratase. Os diálogos e as insinuacións -por exemplo, as do comezo do filme, cando os pais arranxan a casa, ou logo a irmá escondéndose, ou xunto a súa nai espiando a conversación do protagonista, etc.- axudan á comparación coa obra do escritor irlandés. Na estela do novo cinema xaponés, trátase o tema do fin das tradicións e a adaptación aos tempos novos que chegan, e faise unha crítica da perda de valores que esta supón. Os personaxes son ladróns ou estúpidos (o cantante que venera o occidental sen ningunha consideración crítica) ou ámbalas dúas cousas. En canto aos falsos finais comentados arriba, calquera tería sido un final aberto e fermoso á vez, ben na escuridade, ou ben suxerindo  o suicidio baixo a choiva. Excelente.
shitoyakana-kedamono

Advertisements

Etiquetas:

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s


%d bloggers like this: