Por que compro libros?

Fai xa moito decidín facer unha lista dos libros nos que estaba interesado. O motivo cecais foi a lectura de The Fatal Shore (La Costa Fatídica, Círculo de Lectores), de Robert Graves. Nesta obra sobre o inicio da Historia moderna d’Australia -a súa colonización e a deportación de presos-, amais do fascinante contido propiamente dito, abundaba unha enorme cantidade de notas que non eran para nada superfluas, e con elas unha moi extensa lista bibliográfica que causaba o meu goce e probabelmente o faría de calquera lector apaixonado no tema. Tras ler o relato, fixen dúas relecturas resumidas pra sublinhar tódalas referencias que me interesaban -moitas-, e por iso creo que foi este o momento en que decidín pór orden en/clasificar os libros que quería mediante a máis simple das opcións, unha lista coas xustificacións, nome de autor(es) e libros e edicións.

Xa mencionei o tema das listas e clasificacións ao caso dos canons literarios. Tras ler recentemente Penser/Classer (Pensar/Clasificar, Gedisa), edición póstuma de textos de Georges Perec, do que mostro e represento un fragmento na entrada anterior, síntome inda máis engulido polo ánimo das listas e da súa comprensión; e pensando na minha paixón lectora, ocorréuseme explicar, tal como podería ter feito Perec nun texto na linha dos incluídos no dito libro, que é o que me leva a comprar un libro.

Antes de continuar declárome ionqui dos libros; é dicir, reconhezo unha forte adición a eles; cando vou ás librarías, ao saír non penso nos libros comprados -no caso de que os haxa-, senón nos deixados de comprar, que obviamente espero agarrar nunha próxima ocasión. Se a minha paixón como materia de conhecemento é a filosofía, a actividade que me apaixona é a lectura; é a minha relixión; a minha única fe son os libros, ao tempo, o único obxecto ao que lhe rindo culto.

En realidade, o momento no que decidín escribir isto foi ao decatarme de que estaba querendo comprar moitos libros que non aparecían na lista. Certamente isto sempre é así, pero nos últimos días estou a tolear por unha pequena (ou non tanto) escolla deses libros. Mais comezarei polos dous nomeados até o momento: xa fai moito que comprei e lin A costa fatídica, pero creo non errar se penso que a compra debíase a que Australia é un lugar que sempre me atraeu, e daquela xa me sonaba a historia da súa fundación como nación, que é a relatada na obra. No caso do Pensar/Clasificar, foi nomeado nun programa de radio no que se trataba en xeral o tema das listas a conto dalgunha lista de filmes, tal como fago eu ao falar das listas a partir dalgunhas concretas. O meu evidente interese no tema, debido a minha crenza de que clasificar é unha das debilidades humanas máis universais, levoume a anotalo, pode que na citada lista bibliográfica dos desexados, pode que noutro lugar (como por exemplo algunha lista máis a curto prazo).
En calquera caso, en xeral, moitos dos libros que busco ou compro tenhen presencia nela (inda que non a tenha a edición concreta). Algúns, como clásicos que están na memoria dos fundamentais, poden non ter presencia. Logo están as edicións descubertas recentemente en Internet (ou nalgún outro medio) e que, por preguiza, non apuntei máis que na memoria. E, por suposto, os que descubro directamente voltando polas librarías e, en particular, os relacionados con libros que buscaba.

Se son baratos é máis sinxelo que os compre que se son caros. Tamén dificulta a decisión de levalos conmigo o feito de que xa tenha formada toda unha colección de obras que están por ler; amais de que non tenho espazo onde ponhelos (co que me paso media vida reordenando os meus libros, cuestión tratada divertidamente no libro de Perec). Por contra, hai días favorábeis pra a compra como o Día do Libro, no que temos un 10% de desconto (o único día do ano no que isto ocorre?). Están os libros raros, cuxas edición son bastante antigas e dos que xa non se atopan moitos exemplares, ou incluso só se atopa un exemplar, co que non se pode deixar fuxi-la ocasión dando a oportunidade de que “desaparezan do mapa”; ocorreume isto con Razones y osadías (Edhasa, fragmentos de cartas de G. Flaubert) ou La inmensa soledad (Síntesis, F. Pajak). Así sucede a miúdo coas editoriais marxinais, mentres que das grandes esperas que reediten os libros en cuestión. Inda que ao ter moito interese nun libro ou edición tamén procuro non correr riscos e levalo rápido comigo.

Advertisements

Etiquetas: ,

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s


%d bloggers like this: