Posts Tagged ‘Libros’

O clasicismo do máis alto nivel xunto a Caronte

Agosto 14, 2015

Este 2015 d.C. é ano non grato para o clasicismo, pois xa levan falecido 3 dos máis destacados estudosos do mundo clásico, especialistas na Grecia Antiga.

O primeiro, o 29 de xaneiro, Carles Miralles, catedrático de filoloxía grega na UB, de cuxas didácticas explicacións en torno ao mundo grego e acerca da Ilíada puiden gozar durante horas que foron escasas en demasía.

Logo deste, faleceu o especialista na(s) relixión(s) grega(s) Walter Burkert o 11 de marzo. A súa obra é referencia absoluta no tema xunto ás de outros grandes coma Levi-Strauss, Vernant, Dumézil ou Detienne, máis alá de que sexa adscrito a unha ou outra corrente -funcionalistas fronte a estruturalistas, ou os que conceden maior importancia a fontes arqueolóxicas fronte aos que lha dan ás filolóxicas-.

O último en ser requirido por Hades e Perséfone foi o gran Martin L. West, o pasado 13 de xulho, especialista nas grandes obras da primeira literatura grega e reconhecido e policitado polos seus estudos de referencia de textos de Hesíodo e Homero e polos súas investigacións en torno aos ritmos e á música na Grecia arcaica. Tanto el coma Burkert tamén estudaron as conexións da cultura grega coas culturas orientais, que conforman parte esencial da súa orixe e desenvolvemento.

Tal día coma hoxe, 8 de xunho…

Xuño 8, 2014

…segundo o calendario gregoriano:

  • morría en 1876 en Nohant a escritora George Sand.

Tal día coma hoxe, 22 de maio…

Maio 22, 2014

…segundo o calendario gregoriano:

  • nacía en 1859 en Edinburgh o escritor Arthur Conan Doyle, creador de Sherlock Holmes.

Tal día coma hoxe, 19 de abril…

Abril 19, 2014

…segundo o calendario gregoriano:

  • estreábase en 1893 no Haymarket Theatre de Londres a comedia de Oscar Wilde A Woman of No Importance.

A woman of no importance

Gabriel García Márquez (06/03/1927 – 17/04/2014)

Abril 18, 2014

Na morte do escritor colombiano, que herdeiro literario de William Faulkner construíu o realismo máxico como autor de obras mestras entre as que destacan Cien años de soledad, Crónica de una muerte anunciada ou El amor en los tiempos del cólera.

Tal día coma hoxe, 7 de abril…

Abril 7, 2014

…segundo o calendario gregoriano:

  • estreábase en 1805 a Sinfonía nº 3 de Ludwig van Beethoven.
  • morría en Genova en 1898 a ex mulher de Oscar Wilde, Constance Mary Lloyd.

William Andrews Clark Memorial Library, University of California

Tal día coma hoxe, 17 de marzo…

Marzo 17, 2014

…segundo o calendario gregoriano:

  • estreábase o Concerto para piano nº 2 xunto coa Fantasía Op. 13 de Chopin en 1830 en Varsovia.
  • estreábase o Pelléas et Mélisande de Sibelius en Helsinki en 1905.



Tal día coma hoxe, 5 de marzo…

Marzo 5, 2014

…segundo o calendario gregoriano:

  • nacía en Bologna en 1922 o intelectual, escritor e cineasta Pier Paolo Pasolini.

  • Alain Resnais (03/06/1922-01/03/2014)

    Marzo 2, 2014

    No día da morte deste mestre, un dos máis grandes directores de cine, recordamos un dos comezos máis poéticos pra un filme, Hiroshima Mon Amour, umha das obras máis misteriosas deste arte, L’année dernière à Marienbad, e a incrible mestura entre experimentación digna dun Godard e lixeireza propia dun Rohmer, presente por exemplo na fascinante Smoking/No Smoking; recordamos umha carreira paralela á de Agnès Varda e á da Nouvelle Vague; e recordamos umha delicatessen xa mencionada neste blogue, o seu fabuloso corto Toute la mémoire du monde.

    Alain Resnais

    Publius Decius Mus

    Xaneiro 19, 2014

    Publio Decio Mus (ou Públio Décio) foi un político e militar romano que destacou por dous actos heroicos que Tito Livio narra nos libros VII e VIII da súa Historia de Roma (Ab Urbe Condita).

    O primeiro (relatado en Livio, VII, 34-36) foi o ano 343 a.C. (anno 411 a.u.c.), cando era tribuno militar, no comezo das guerras samnitas, ao salvar ao exército do cónsul Cornelio dunha derrota segura debida á mala posición tomada, grazas a súa valentía e as súas acertadas decisións estratéxicas. Sintetizando, Públio e as primeiras linhas dumha soa lexión avanzaron até o alto dum outeiro que avistara previamente e dende alí atacaron ao inimigo pola noite, mentres o resto do exército fuxía.


    Os obsequios de Decio Mus (1616/1617), Peter Paul Rubens

    O segundo feito polo que será recordado é a súa autoinmolación na guerra contra os latinos no ano 340 a.C. (anno 414 a.u.c.), cando era cónsul xunto a Tito Manlio Torquato. Esta sacrificio era previsto para um dos cónsules polos presaxios relatados en Livio, VIII, 6, e as últimas sinais, sobre todo o mal que lhe ía a batalha á formación de Publio, relatadas ao inicio de Livio, VIII, 9, fan que este se decida a chamar a Marco Valerio Corvo pra ofrecerse en sacrificio aos deuses mediante umha deuotio..

    Decio Mus preparándose pra morrer (1616/1617), Peter Paul Rubens
    Logo “saltou armado sobre o seu cabalo e lanzouse no medio do inimigo á vista de ambos exércitos cun aspecto bastante máis augusto ca un humano…” facendo presas dun espanto abismal aos inimigos antes de caer “esmagado por lanzas”.


    A morte do cónsul Decio (1616-1617), Peter Paul Rubens

    Ciclo (de pintura) Decio Mus

    O seu filho morreu de forma idéntica.

    Joan Fontaine (22/10/1917 – 15/12/2013)

    Decembro 16, 2013

    Outra morte doutra inesquecíbel, unha desconhecida que foi Jane Eyre e máis musa de Hitchcock.
    joan_fontaine-Jane Eyre

    Teorema

    Xuño 13, 2013

    Sensacional filme de Pier Paolo Pasolini, realizado no 1968. Uma das súas melhores obras senom a melhor, a meu modo de ver, da cal se frivoliza ao facerlhe propaganda como cine erótico, o que máis bem parece um chiste malo.

    Numa entrevista aparecida no documental Pasolini l’enragé (Jean-André Fieschi, 1966) pertencente á serie Cinéastes de notre temps, o director esboza o significado da obra. No medio duma familia da clase alta burguesa consistente no matrimonio, um filho, uma filha e uma serventa aparece un mozo que revoluciona as súas costumes, especialmente pola vía do sexo, que fai cum todos eles. Este personaje representa a deus e a súa intromisión cámbialhes as súas vidas. A filha vólvese neurótica, o filho pintor (“coma Bacon”), o pai dona a empresa aos obreiros e vaise vagar ao deserto, a nai, confunde a imaxe do deus real -o mozo- coa do deus convencional católico, mentres que a serventa vólvese santa. A intervención divina nos burgueses produce crises de consciencia, mentres que no subproletariado -a criada- é causa de fenómenos bíblicos tradicionais, milagrosos. (Véxase a partir do minuto 48 no seguinte vídeo)

    A primeira parte do filme, cando aparece e comença a intervemçom a realizaçao divina, mais sobre todo cando se descrebe á familia, é digna dum Visconti, plenamente decadentista, retratándonos uma clase decadente cum costumes amorais, anticipando así Saló o le 120 giornate di Sodoma (1975). Pasolini móstrano-lo seu lado máis realista.
    Por contra, a segunda parte caracterízase pola forte imprenta do surrealismo poético típico do cineasta, máis debedor de Fellini ou de Buñuel.
    Pero observamos uma continuidade ao longo do filme que nos remite de maneira apaixoante a Antonioni, tanto polo contido temático, como polo estético, como polo formal. No temático, coma o cine de tódolos directores citados até aquí (Buñuel, Visconti, Fellini, Antonioni), contem uma grande disecciom crítica á burguesía, duma maneira máis realista que poética, sendo así máis próximo a Antonioni que a Fellini. No estético, está presente a cultura Pop, que tan ben explotaron Antonioni (Blow Up, 1966) ou Godard. Inda que non só os aspectos Pop recórdannos a Antonioni, senón que toda a fotografía do filme tem um aire moi antoniniano (Il deserto rosso, 1964). De modo idéntico, cremos que a influenza de Godard está presente na cena (mise-en-scène) do filme. E, asímesmo, a forma entre episódica e narrativa da obra remítenos a estes autores, tanto a Antonioni coma a Godard, e até a Fellini.
    Comcluíndo, este filme o podería ter feito Antonioni, inda que o resultado tería sido máis lento. E non nos atopamos diante dun filme rápido, pois ten un bo ritmo, tal coma o devir do relato.

    A remisión a eses realizadores non só chega polo contido en abstracto, senón que o concreto tamén tem o mesmo efecto. As presenzas de Rimbaud, de Tolstoi, de Mozart, e a pintura do filho entre outras cousas reproducen un certo estrato cultural común aos cineastas ditos.

    O peor da película, do mesmo modo que das outras obras de Pasolini e en xeral do cine italiano é a dobraxe presente na versión orixinal, a cal desvirtúa a perfección formal que podería ter conseguido polo demais.

    Por último, outro ponte cum Godard é a actriz Anne Wiazemsky, a cal cremos que posúe uma estranha beleza.

    theoreme-anne-wiazemsky

    Por que compro libros?

    Maio 15, 2013

    Fai xa moito decidín facer unha lista dos libros nos que estaba interesado. O motivo cecais foi a lectura de The Fatal Shore (La Costa Fatídica, Círculo de Lectores), de Robert Graves. Nesta obra sobre o inicio da Historia moderna d’Australia -a súa colonización e a deportación de presos-, amais do fascinante contido propiamente dito, abundaba unha enorme cantidade de notas que non eran para nada superfluas, e con elas unha moi extensa lista bibliográfica que causaba o meu goce e probabelmente o faría de calquera lector apaixonado no tema. Tras ler o relato, fixen dúas relecturas resumidas pra sublinhar tódalas referencias que me interesaban -moitas-, e por iso creo que foi este o momento en que decidín pór orden en/clasificar os libros que quería mediante a máis simple das opcións, unha lista coas xustificacións, nome de autor(es) e libros e edicións.

    Xa mencionei o tema das listas e clasificacións ao caso dos canons literarios. Tras ler recentemente Penser/Classer (Pensar/Clasificar, Gedisa), edición póstuma de textos de Georges Perec, do que mostro e represento un fragmento na entrada anterior, síntome inda máis engulido polo ánimo das listas e da súa comprensión; e pensando na minha paixón lectora, ocorréuseme explicar, tal como podería ter feito Perec nun texto na linha dos incluídos no dito libro, que é o que me leva a comprar un libro. (more…)

    Da historia do mundo antes das lentes

    Maio 15, 2013

    A pintura clásica ofrécenos exemplos sen fin de individuos representados cando están lendo ou escribindo. Por exemplo, a Virxe da Anunciación de Antonello da Messina, na Pinacoteca de Munich*;
    Virgen de la Anunciación-Antonello da Messina
    Annunciata di Palermo. Virxe da Anunciación (c. 1476), Antonello da Messina, Galleria Regionale della Sicilia (Palermo)

    o retrato de Paracelso por Rubens, en Bruxelas; o retrato do médico Joris van Zelle, por Van Orley, tamén en Bruxelas;
    Paracelsus-Rubens
    Paracelsus (c. 1615-1620), Peter Paul Rubens, Musées royaux des Beaux-Arts de Belgique (Bruxelles)

    Georges de Zelle-Van Orley
    Portrait du médecin Joris van Zelle (Retrato do médico Joris van Zelle/Georges de Zelle) (1519), Bernard van Orley, Musées royaux des Beaux-Arts de Belgique (Bruxelles)

    o retrato de Christoffel Plantijn, por Rubens, no museo Plantin-Moretus de Antuerpen;
    Christoffel Plantin-Rubens
    Portret van Christoffel Plantijn (1613-1616), Peter Paul Rubens, Museum Plantin-Moretus (Antwerpen)

    os dous retratos de Erasmo de Rotterdam por Hans Holbein o Novo, en Basilea, e por Quentin Massys, en Roma;
    Erasmo de Rotterdam-Hans Holbein el Joven (Basilea)
    Bildnis des schreibenden Erasmus von Rotterdam (Retrato de Erasmo de Rotterdam escribindo) (1523), Hans Holbein o Novo, Kunstmuseum (Basel)

    Ritratto di Erasmo da Rotterdam (1517)-Quentin Massys, Barberini
    Portret van Desiderius Erasmus (Retrato de Erasmo de Rotterdam) (1517), Quentin Massys, Galleria Nazionale d’Arte Antica, Palazzo Barberini (Roma)

    o San Ivo de Van der Weyden, en Londres; a nai de Rembrandt por Gerrit Dou, en Rotterdam; o retrato dun xentilhome, por Lorenzo Lotto, en Venecia;
    Ritratto di giovane gentiluomo-Lorenzo Lotto
    Ritratto di giovane gentiluomo (c. 1530), Lorenzo Lotto, Gallerie dell’Accademia (Venezia)

    a moza lendo unha carta, por Jean Raoux, no Louvre; o profeta Jeremias, polo Mestre da Anunciación de Aix-en-Provence, en Bruxelas; o retrato de Jonathan Swift, por Charles Jervas na National Portrait Gallery, San Jerónimo no seu gabinete de trabalho, por Antonello da Messina, na National Gallery;
    NPG 278; Jonathan Swift by Charles Jervas
    Jonathan Swift (c. 1718), Charles Jervas, National Portrait Gallery (London)

    San Agustín, Carpaccio, Scuola di San Giorgio degli Schiavoni
    Visione di Sant’Agostino (1502), Vittore Carpaccio, Scuola di San Giorgio degli Schiavoni (Venezia)

    ou o San Agostinho de Carpaccio, na Scuola di San Giorgio degli Schiavoni de Venecia. Con maior frecuencia, os individuos retratados alzaban a cabeza ao cobra-la pose e miraban o ceo ou un recanto. Mais é interesante observar aos que continúan lendo. O profeta Jeremias parece ter unha vista normal;
    Profeta Jeremías-Maestro de la Anunciación de Aix-en-Provence
    Le prophète Jérémie (1443-1445), Mestre da Anunciación d’Aix-en-Provence (Barthélemy d’Eyck), Musées royaux des Beaux-Arts de Belgique (Bruxelles)

    tamén a moza de Jean Raoux, inda que pra ler tenha necesitado inclinarse esaxeradamente cara a fonte de iluminación;
    Jeune femme lisant une lettre-Jean Raoux, Louvre
    La liseuse (A moza lectora) (1677-1734), Jean Raoux, Louvre

    San Ivo é posíbelmente miope, a nai de Rembrandt o é totalmente;
    San Ivo-Van der Weyden
    Saint Ivo (c. 1450), Rogier van der Weyden, National Gallery (London)

    Madre de Rembrandt-Gerard Dou, Rijkmuseum
    Lezende oude vrouw (Mulher anciá lendo). Nai de Rembrandt (c. 1632), Gerrit/Gerard Dou, Rijkmuseum (Amsterdam)

    en canto a San Jerónimo, é verdadeiramente présbita.
    antonello-da-messina-saint-jerome-study-NG1418-fm
    San Gerolamo nello studio (c. 1475), Antonello da Messina, National Gallery (London)

    Como se facía antes de que existisen as lentes? Podemos formularnos esta clase de pregunta a propósito doutros mil obxectos da vida cotián (a goma de borrar, as tesoiras, a balanza, o reloxo de pulseira, o compás, a prancha, o picaporte, a roda, os tirantes, o cepillo de dentes e as pastas alimenticias, que, como todos saben, foron traídas por Marco Polo da China en 1295). Só podemos responder que a xente apanhábase ou melhor aguantábase, é dicir, no caso que nos ocupa, que pestanexaba, miraba dúas ou tres veces e comía a sopa coa nariz no prato. Tal vez tomaban tisanas de pilosela, planta alcumada “gabiana” porque fortalecía a vista do gabián, pero rem é menos seguro ca iso.

    [Tradución do apartado Da historia do mundo antes das lentes do capítulo XII-Consideracións sobre as lentes (Considerations sur les lunettes) do libro recompilación de textos de Georges Perec, Penser/Classer, Hachette, 1985, realizada a partir da versión espanhola de Carlos Gardini, Pensar/Clasificar, Gedisa, 2008.]
    *A localización das obras é traducida do libro, independentemente de que sexa correcta ou non; si procuro que os nomes dos retratados se correspondan máis cos orixinais. Traduzo literalmente o alcume gabiana.

    Deus existe? Se cres nel, existe; se non cres, non existe

    Abril 15, 2013

    Frase de Maxim Gorki aparecida na obra teatral Os baixos fondos. A pregunta faina Pepel, e a resposta é de Luka.

    Creo que é unha afirmación que transcende a cuestión da existencia de deus e que se podería aplicar a calquera verdade en xeral; polo menos ás verdades prácticas, pero en tanto que non cremos nunha dicotomía entre praxe e teoría, a tódalas verdades. Vivimos no mundo conforme a sistemas de ideas que asimilamos e facemos nosos inconscientemente e ao longo das distintas xeracións.
    A pregunta que cabe formularse é: a realidade é tal como nos parece, en si?; a resposta que propomos, en paralelismo á cita do escritor ruso é: a realidade “é” tal como nos parece, porque no-lo parece así, non porque o sexa independentemente das persoas que as formamos. A realidade, tal como a entendemos aquí, isto é, como a percepción que temos dela, confórmase das crenzas comúns -limitadas polo fundamento do mundo, a linguaxe- vistas a través do velo da subxectividade. Esta é a nosa crenza.
    O éxito de sistemas de crenzas tan ridículos e denigrantes como o cristianismo ou o capitalismo non se podería explicar senón fose porque o que vemos do mundo non é algo independente das nosas crenzas, senón as mesmas, e ademais estes sistemas, habitualmente inclúen subsistemas de autodefensa de tal maneira que é moi difícil destruílos. Da relación entre cristianismo e capitalismo escribiron material abundante Max Weber e Walter Benjamin, filósofos (sociólogos) aos que por tanto non podía non nomear.

    abajo-el-trabajo

    A fotografía anterior atopeina aquí, onde se ataca unha desas crenzas impostas polas ideoloxías anteriores, especialmente polo capitalismo, a crenza na necesidade do trabalho (outro texto na mesma linha é este Manifesto contra o trabalho). É un texto longo, pero moi recomendábel. As ideas que vai expondo unha tras outra recordáronme moito ás presentadas no libro da autora feminista Silvia Federici, Calibán y la bruja. Mujeres, cuerpo y acumulación originaria, Madrid, Traficantes de Sueños, 2011; o paralelismo é máximo cando se afirma unha das principais teses do libro: “Ao abolir o trabalho asalariado e alcanzar o desemprego total atacámo-la división sexual do trabalho. O núcleo familiar como o conhecemos é unha adaptación inevitábel á división do trabalho imposta polo moderno trabalho asalariado.” Así que quizais houbo algunha influencia do libro nese texto. O caso é que precisamente este libro foi parte da inspiración desta entrada, ao analizar a praxificación da teoría cartesiana de cara a obter un maior autocontrol dos individuos, no final do capítulo 3. É un ensaio moi interesante, tanto na análise política-sociolóxica como na exposición histórica, polo que aquí queda a minha recomendación do mesmo.

    A outra parte da inspiración (cecáis a principal) viu pensando nun tema radicalmente diferente: a felicidade; é difícil que quen non se sente feliz crea nela. A felicidade é propiamente unha percepción, polo que a súa realidade é plenamente subxectiva, de modo que esta se corresponde exactamente coa crenza nela.

    O mundo é un escenario, pero a obra está mal repartida

    Abril 13, 2013

    Afirmación de Oscar Wilde cuxo orixinal, “The world is a stage, but the play is badly cast”, aparece no capítulo 1 de Lord Arthur Savile’s Crime (O Crime de Lord Arthur Savile).

    Dende o comezo lévanos a pensar sobre a liberdade do Home na sociedade e no mundo. Podemos decatarnos de que a miúdo temos asignado un rol na sociedade, o cal desenvolvemos de maneira inconsciente. A especie humana, de algún modo, é a do homo religiosus, e cada un dos seus individuos móvese seguindo unha serie de rituais segundo o que sente, o que pensa e o que leva vivido. Estes rituais son as costumes ou hábitos comúns a tódolos animais, só que desenvolvidos conscientemente, igual que a interpretación dunha obra. Estes comportamentos animais estudados por Darwin foron analizados no caso humano por un darwinista previo ao biólogo, Schopenhauer, e por un discípulo deste e tamén darwinista -este si, posterior-, Nietzsche. Ambos atoparon a fonte dos hábitos na idea que chamaron Vontade. Creo pensar ben que tamén se lhe pode dar o nome dunha ópera de Verdi, La forza del destino. É o guión da obra, que arrastra aos seus personaxes cara os seus actos de maneira inexorábel, que vemos proxectado en paralelo na fatalidade arrolhadora nos filmes de Fritz Lang.

    harakiri

    En canto á segunda afirmación da frase, ben conhecida é a fina ironía do autor irlandés e tamén a súa crítica á hipocrisía imperante na sociedade vitoriana e a súa moral burguesa. Na entrada anterior do blogue xa falaba da mediocridade, tema que englobaría iso, polo que xa non tenho máis nada que dicir.

     

    Lucius Papirius Cursor

    Marzo 26, 2013

    Lucio Papirio (ou bem Lúcio Papírio) Cursor foi un político e militar romano que destacou na segunda metade do século IV a.C.; na Historia de Roma de Tito Livio comeza a adquirir protagonismo no libro VIII -sendo a primeira cita en VIII,12,2, cando é nomeado xefe de cabalaría (magister equitum) entorno ao 340 a.C. (ano romano 414 A.U.c.)- e ten grande presencia ao longo de todo o libro IX.

    Signatur:D:JobRoot7872312preprozessPORT_00101677_01-07.03.2007

    No 325 a.C. (ano romano 429 A.U.c.), cando segundo Livio xa é “a persoa máis distinguida con gran motivo no arte da guerra naquel tempo” (VIII,29,9), é nomeado ditador e como tal nomea xefe de cabalaría a Quinto Fabio Maximo (ou Fábio Máximo) Ruliano (Quintus Fabius Maximus Rullianus). O que Livio relata en VIII,30-35 xa é dabondo para que ámbolos dous pasasen á posteridade. Logo que o ditador dese a orde de non entrar en combate e da desobediencia da mesma por Quinto Fabio, o primeiro buscou a punición do seu subordinado, a pesar da súa vitoria na batalha. Finalmente outorga a súa condena, o seu xuízo, ao pobo romano e á potestade tribunicia, os cales déronlhe o seu apoio, inda que fai o inciso “non noxae eximitur”, o que ven dicindo que non queda exento de culpa.
    Papirius Cursor spares Fabius
    Aproveito esta tradución aproximada para facer unha disquisición informativa sobre ela e máis concretamente sobre o significado do termo noxae. Como sabemos por Nietzsche, a idea de culpa asóciase á moral xudaico-cristiá, polo que non expresa adecuadamente o que  o historiador padovano quere dicir. Para aclara-lo concepto de noxae traduzo ad hoc unha nota do libro Roman Private Law in the times of  Cicero and of the Antonines (1902), do estudoso do dereito romano Henry John Roby. “Noxa (de nocere) significa orixinalmente ‘dano físico, anímico’ ou ‘comportamento inmoral’. Isto visto dende o punto de vista do causante do dano é ‘falta’ ou ‘consciencia do dano causado’; noxius é ‘nocivo’ ou ‘causante do dano’, noxia ‘consciencia do dano’. O prexudicado require compensación; así pois, as frases antigas eran noxam nocere ‘facer dano’, noxam sarcire ‘arranxar o dano feito’. Un modo natural de compensar era entrega-lo ofensor ao ofendido. Isto era noxae dedere ‘entregar ao danado’.[…]”
    En resumo, Lucio Papirio está dicindo que, a pesar da decisión final, a falta permanece, ou dito doutra maneira, Quinto Fabio non se libra de ter cometido o mal comportamento e de que así sexa xulgado este.
    A mala relación entre estes dous personaxes recordarase en Livio IX,38, cando Quinto Fabio tenha que nomear ditador ao seu antigo acusador, momento no que se fará evidente o sufrimento que iso lhe causa, contido polo seu ánimo inxente.
    O relato do sucedido entre Lucio Papirio e Quinto Fabio é un entre outros, que son variantes da mesma historia. Atopámola na Biblia, 1 Samuel, 14, onde Jónatan viola inconscientemente unha prohibición do seu pai Saúl ao tempo que consigue unha vitoria para Israel, e inda que Saúl pide a súa morte, xorde de novo a figura do pobo salvador. A diferencia estriba en que a salvación na historia romana prodúcese grazas ao dereito, mentres que na historia bíblica a lei última empregada na decisión  final é a lei divina. O autor do Romanticismo xermano Heinrich von Kleist presenta idéntico dilema no seu drama  O príncipe de Homburg, que adaptaría posteriormente ao cine Marco Bellocchio.

    Retornando a Lucio Papirio, antes da súa segunda ditadura consolídase como un gran militar grazas as súas múltiples vitorias, para o que Tito Livio non escatima as maiores loas. Da súa vitoria ante os samnitas en Lucera di en IX,15,8 que “practicamente non houbo outra vitoria máis brillante do pobo romano polo xiro imprevisto dos acontecementos”, e engade a continuación sobre o noso protagonista, “non sei se el, único vingador da humillación romana, obtivo o triunfo, o máis merecido até entón dende Furio Camilo, ou hai que atribuírlhes esta honra aos cónsules e especialmente a Papirio.”
    Papirius Cursor enjoys a triumph
    O final do capítulo seguinte, IX,16,11-19, é un panexírico do 5 veces cónsul e 2 ditador. Di Tito Livio: “o máis sobresaínte era a rapidez dos seus pes, á que debeu o seu sobrenome”; “sen a menor dúbida, en aquela época, que foi a máis fecunda en homes de mérito, non houbo nin un so sobre o que descansase en maior medida o poder de Roma. É máis considéraselhe un xefe con un espíritu comparábel ao de Alexandre Magno se este, unha vez sometida Asia, tivese volto cara Europa as súas armas”. A continuación, nos capítulos IX,17-19, o historiador conxectura a fortuna de Roma se tivese chegado a enfrontarse co exército de Alexandre Magno, e o fai cun considerábel optimismo baseado nos grandes homes que di que foron os xenerais romanos contra os que tivese batalhado, como Marco Valerio Corvo, Publio Decio Mus ou o propio Lucio Papirio Cursor.
    No tempo da súa segunda ditadura, trala batalha contra os etruscos dirixida por el, di Livio en IX,39,11: “aquela xornada quebrantou por primeira vez o poderío dos etruscos, boiante cunha prosperidade que vinha de antigo”.

    A loa a Papirio Cursor non é só militar, tamén o é ética. Indirectamente, Livio transmítenos a súa grandeza moral ao outorga-la decisión final sobre Quinto Fabio ao pobo, como xa contamos antes. E logo, na crítica a Apio Claudio, recorda en IX,34,20-21 que “Lucio Papirio para non deixa-lo cargo nomeou colega substituto […]. E canto máis comedida foi a súa ambición, Apio, que a túa! [L. P.] non exerceu a censura en solitario máis alá do tempo fixado pola lei; nembargantes, non atopou quen despois seguise o seu exemplo”.

    As Crónicas de Nuremberg tamén fan mención do personaxe. No último parágrafo da páxina LXXIX das mesmas cóntase o ocorrido con Quinto Fabio e a súa vitoria sobre os samnitas, e ao seu lado, case na esquina inferior esquerda hai un retrato seu incluído.
    NurembergChronicles79

    Dos canons literarios

    Marzo 19, 2013

    O home é un animal clasificador por natureza, en tanto que ser intelixente, quizais porque a actividade máis natural e primaria da intelixencia é clasificar, ordenar. E dentro do universo das clasificacións, unha das ferramentas máis empregadas é a lista. Sobre estes temas tense escrito moito, entre outros autores Georges Perec e Umberto Eco. Pero como indico no nome da entrada, o seu tema son unhas listas ben concretas, as dos libros de referencia, aqueles que non deberían ser esquecidos xamais, os canons literarios.

    De libros, de literatura, de lectura, de bibliotecas, como temas abstractos e en xeral lévase escrito moito. Algúns dos autores máis prolíficos nestes submundos, ademais do propio Umberto Eco, son Jorge Luis Borges e o seu principal lector de cando cego, Alberto Manguel. Tamén hai diversos filmes entorno a este mundo, acerca dalgúns dos cales escribín neste post anterior do blogue. No mesmo comento un libro de Jordi Llovet. Pero ía falar de canons literarios fundamentais, e o canon de Llovet estaría formado pola Ilíada e a Odisea de Homero, a Biblia, a Divina Comedia de Dante, o teatro de Shakespeare e o Don Quijote de la Mancha de Cervantes. Nesa entrada nomeaba tamén a Flaubert, do que o mesmo Llovet é un gran seguidor. Nas súas cartas, Flaubert recomenda a diversos autores; de La Fontaine e de Victor Hugo di que son os clásicos franceses na materia de verso, mentres que na prosaica suxire a Rabelais, La Bruyère e Montaigne. Das Moralia de Plutarco di que son un pozo de erudición e pensamentos e tampouco se esquece de Shakespeare, Goethe e autores gregos e romanos como Homero, Petronio, Plauto ou Apuleyo. Outro canon, o máis conhecido, é o libro clásico de Harold Bloom O canon occidental, pero non vou a comentalo xa que non o lín. Case ao remate, acudirei ao capítulo 1 do libro XII das Memorias de Ultratumba de Chateaubriand, onde este fai unha grande loanza de Shakespeare, con tradución parcial incluída do fermoso soneto LXXI. Tamén mostra a súa admiración por John Milton e polo Michelangelo poeta, e afirma: “Shakespeare está entre os cinco ou seis escritores que son suficientes ás necesidades e o alimento do pensamento; eses xenios nai semelhan ter dado a luz e aleitado a tódolos demais. Homero fecundou a antigüidade: Ésquilo, Sófocles, Eurípides, Aristófanes, Horacio, Virxilio son os seus filhos. Dante xerou a Italia moderna, dende Petrarca até o Tasso. Rabelais creou as letras francesas; Montaigne, La Fontaine, Molière, son descendencia súa. Inglaterra é toda Shakespeare, e, ata en estes derradeiros tempos, el prestou a súa lingua a Byron, o seu diálogo a Walter Scott.”
    Observamos que Shakespeare parece un autor unanimemente considerado dos máis grandes sen dúbida. Pois ben, o novelista irlandés James Joyce consideraba a Henrik Ibsen un dramaturgo moi superior a Shakespeare.

    Do Romanticismo no cine, de Nietzsche e doutros

    Febreiro 3, 2013

    Calipso: […] Devi rompere una volta il destino, devi uscire di strada, e lasciarti affondare nel tempo …
    Odisseo: Non sono immortale.
    Calipso: Lo sarai, se mi ascolti. Che cos’è vita eterna se non questo accettare l’istante che viene e l’istante che va? L’ebbrezza, il piacere, la morte non hanno altro scopo. Cos’è stato finora il tuo errare inquieto?

    (Calipso: […] Debes romper umha vez o destino, debes saír do caminho, e deixarte afundir no tempo …
    Odiseo: Non son inmortal.
    Calipso: O serás, se me escoitas. Que é a vida eterna senón este aceptar o instante que ven e o instante que vai? A ebriedade, o pracer, a morte non tenhen outro propósito. Que foi até agora o teu errar inquedo?)

    L’isola, Dialoghi con Leucò, Cesare Pavese

    Inda que o Romanticismo é un movemento estético de comezos do século XIX que ten a súa orixe filosófica en Rousseau, na arte que o precedía no século XVIII -autoproclamada de inspiración clásica- xa podíamos reconhecer certos aires. Por exemplo na música neoclásica, dende algún filho de J. S. Bach coma K. P. E. Bach até Beethoven pasando por Haydn e Mozart as creacións pertencentes ao Sturm und Drung xa nos removen a ánima como o farán posteriormente as obras plenamente románticas de Schubert ou Schumann. E se en música falamos de Beethoven, en literatura temos a Goethe, e en lugar de Schubert e Schumann a Hölderlin e Novalis. Mais este movemento, que en música tivo un longo desenvolvemento en distintas formas (Brahms, Wagner, nacionalistas), tamén tivo consecuencias que xurdiron ben coma continuacións ou ben coma reaccións. Pois, por notar algúns nomes concretos, en filosofía Nietzsche foi un postromántico, en música o foi Mahler, en literatura dende Baudelaire e os demais simbolistas até esteticistas e decadentistas coma Oscar Wilde, Joris Karl Huysmans, Gabrielle d’Annunzio, Walter Pater e outros coma Walt Whitman, pasando polos parnasianos, e en pintura, relacionados cos esteticistas foron os prerrafaelitas. No fondo as vangardas do século XX son tamén unha reacción ao Romanticismo que representa o tradicional. (more…)

    Día tras día. 19-Vendémiaire, ano CCXXI, Tournesol

    Outubro 10, 2012

    Tiresia: […] Ti sei mai chiesto, Edipo, perché gli infelici invecchiandosi accecano? (Tirésias: […] Preguntácheste algumha vez, Edipo, por que o infeliz ao envelhecer volve cego?)

    I ciechi, Dialoghi con Leucò, Cesare Pavese

    Como a evidente tradución que a intuición nos indica, a planta chamada en francés tournesol é o xirasol, nome de orixe italiano que significa “que xira co sol”. O seu nome científico é Helianthus annuus. Non lle adicarei máis espazo xa que é bastante afamada.

    Roberto Rossellini, o cineasta máis importante do neorrealismo italiano, racionalista que defendía a utilidade do cine como aparato educador. Neste aspecto, cría que da Nouvelle Vague, grupo de realizadores franceses que o tinha como un dos seus maiores inspiradores, o único que non o traicionara foi Godard. Decía dos Fellini, Antonioni, Pasolini, Bergman, etc. que, inda que tinhan calidade estética, facían cine do lamento e, por tanto, que non servía. Amais de Godard, penso que outros cineastas que farían ese tipo de cine educador poderían ser Agnès Varda (e.g.: Agnès de ci de là Varda), Werner Herzog (e.g.: Cave of Forgotten Dreams) ou Alexander Kluge (e.g.: Nachrichten aus der ideologischen Antike – Marx/Eisenstein/Das Kapital). Así, quizais este cine continúa na linha do último filme do realizador italiano, feito sobre a apertura do Centre Pompidou.

    Estou comezando a ler a serie de breves diálogos escrita polo poeta italiano Cesare Pavese e titulada Diálogos con Leucó [Tusquets, esp.] (libro que conhecín grazas ao texto de Italo Calvino que aparece aquí). En realidade só levo lidos os tres primeiros, A nube, A quimera e Os cegos, mais as primeiras impresións son extraordinarias. Cada enunciado provoca un tremor na mente e unha erupción de pensamentos entorno a todo o que pode querer dicir. Por outra banda, posúe a fascinación máxica do estremecedor, do misterioso dalgúns lugares da natureza envoltos en néboa, ou dos rituais antigos -uns lexendarios, outros reais-, como algúns dos relatos de Lovecraft.