Posts Tagged ‘Política’

Tal día coma hoxe, 8 de xunho…

Xuño 8, 2014

…segundo o calendario gregoriano:

  • morría en 1876 en Nohant a escritora George Sand.

Advertisements

JLGodard di(t) “A-3Dieu”

Maio 19, 2014

ADIEU AU LANGAGE
(AH DIEUX OH LANGAGE)

A rodaxe
J-L GODARD 3D

O trailer

O resumo
Adieu au langage - rèsumé - Jean-Luc Godard
o asunto é simple
umha mulher casada e um home solteiro encóntranse
ámanse, dispútanse, os golpes choven
un can erra entre a cidade e o campo
as estacións pasan
o home e a mulher reencóntranse
o can atópase (a si mesmo) entre eles
o outro está no un
o un está no outro
e son as tres persoas
o antigo marido fai escachar todo
un segundo filme comeza
o mesmo que o primeiro
e inda non
da especie humana un pasa á metáfora
isto rematará polos ladridos
e os gritos de bebé
Jean-Luc Godard

A opinión
Puxen un 10 a Adieu au langage de Godard no Poll de críticos. Hai obras que están máis alá dos nosos xogos.” (“He possat un 10 a a Adieu au langage de Godard en el Poll de crítics. Hi ha obres que estan més enllà dels nostres jocs.“, Angel Quintana)
O título di ‘Adieu’, mais Jean-Luc Godard di ola cunha estimulante e xoguetona meditación sobre o estado do mundo e as posibilidades da imaxe.” (“The title says ‘Goodbye,’ but Jean-Luc Godard says hello with a stimulating and playful meditation on the state of the world and the possibilities of the image.“, Scott Foundas)
O tempo non pasa por el. Godard atravesa o tempo.” (“[…] el tiempo no pasa por él. Godard atraviesa el tiempo.“, Carlos F. Heredero)

A parodia do trailer

L’adieu au Festival de Cannes de Jean-Luc Godard

A entrevista

Vídeo-fonte da RTS.ch

A tradución
Feita por Aguinaldo Fructuoso para o blogue Acto de primavera
Xornalista: Jean-Luc Godard, bo día.
Jean-Luc Godard: Bo día.
X: En Cannes moitos comentan: Jean-Luc, ven! Que o que contesta?
JLG: Mais… non. Non, porque xa fun.
X: Se veñen buscalo aquí, aquí á porta, chegan en coche…
JLG: Non, espero que non… hehe.
X: Hehe. E eu trato de convencelo…
JLG: Non…
X: Que é o que fai falla para convencelo?
JLG: Mais, nada. Nada. Non hai máis que mirar o filme e…, dicir que se lle parece que está ben, pois… dicir que lle parece que está ben. E iso é todo.
X: A Palma, se lla traen aquí, aceptaraa de todos os xeitos.
JLG: Mmmm. Por espírito de contradición gustaríame máis que non haxa ningún premio. Que non se vexan obrigados a conceder un premio menor, “polo conxunto da súa carreira” ou cousas así, que hoxe considero despectivo. Mais, é…
X: Un premio polo conxunto da súa carreira, alí [sinala coa man] na cociña.
JLG: Mais xa mos deron. Cinco ou seis. Xa me deron cinco ou seis. Concedéronme incluso un Oscar, e cando o meu asesor fiscal mirouno díxome: Poderías regalarmo? Pois claro, díxenlle. Hehehe.
X: Hehehe.
JLG: Pois claro.
X: Quere decir que a Palma podería tamén regalala.
JLG: Pois claro. Penso que noutras épocas, hai trinta ou corenta anos, agardaba gañar a Palma, e ser…
X: Gustaríalle gañar a Palma daquela?
JLG: Naquela época si, porque ser… mais teríame prexudicado, seguro, e estou contento de evitar ese prexuízo hoxe.
X: Vostede ten orixes burgueses, como recordaba hai un intre, en calquera caso maternos: familia nobre de banqueiros, protestantes… Afectoulle isto, axudárono as súas orixes?
JLG: [Logo de acender con calma, como pensando ao mesmo tempo, o cigarro] Debo… Si… que había de calquera maneira… Ben, un ámbito estrito… ir á escola os domingos…
X: Unha educación, unha moi boa educación.
JLG: Boa e mala educación, pero había algo que… que eu mesmo, son máis libre hoxe, e que algunhas veces algúns aspectos da xuventude considéroos menos libres do que eu era nesa ausencia de liberdade daquela época.
X: Hai demasiada liberdade hoxe? É iso?
JLG: Mmmm… está neles, están un pouco perdidos. Cando tes un iPhone [sácao do bolso], estás só, e como estás só tes necesidade do outro, mais non hai ningún can entre os dous que corra de un a outro. SMS. Sabe o que quere dicir?
X: Mmmm. Mensaxe curto.
JLG: Non. Quere dicir: Save My Soul.
X: Vostede dixo algunha vez: “Eu son un xenio!”
JLG: Non, nunca …
X: Cando se é tan diferente dos outros, falabamos da mesma opinión, vostede ten unha marca de fábrica tan particular, cando se é tan diferente algunhas veces dise: “Eu son un xenio”. Non, si?
JLG: Non, diría… eu son o que se denomina na ciencia un autista de alto nivel. Mais eu prefiro dicir un autista das cune.., das cun…, dunha cuneta. Así é. [Aquí JLG xoga coa fonética de “haut niveau” e “caniveau”].
X: Cando vostede morra, o máis tarde posible, haberá …
JLG: Non, non necesariamente o máis tarde posible. Non.
X: Bon, vostede non ten présa.
JLG: Mmmm. Non estou ansioso de… de continuar á forza. Se enfermo, non teño ningunha gana de que me paseen nunha carretilla ou nunha… Non, de ningunha maneira.
X: Vostede vive nun país, Suíza, onde o suicidio asistido gañou moito terreo. Podería vostede recorrer a iso?
JLG: Si. Se… de momento é aínda moi difícil. Recentemente Europa condenou a Suíza en relación cunha muller que non tiña nada pero quería desaparecer. E os médicos dixeron: non, é necesario que vostede sufra de algo. Mentres que as normas europeas autorizan iso. Eu comento con frecuencia co meu médico, meu avogado: se chego a pedirvos barbitur…, non sei como se chama, ou morfina ou algo así… daríanmo? Non tiven, aínda, unha resposta fa…
X: Que lle di o médico?
JLG: …favorable.
X: Hehehe.
JLG: Hehehe.
X: Aos que non lles gusta, din: Godard burlase de nós. Despois de… cantos decenios? Bastantes? Divírtelle, gústalle, amólalle?
JLG: Si, a min gústanme as refregas, ou o que se chamaba antes a… a disputa. Cando estaba nos scouts en Nyon o meu alcume era, como se di? meu tótem ou non sei que, era “pardal pelexón”. Si, está moi ben. Si.
X: Contradicir sempre. Creo que era Valéry que dicía “pensar contra”.
JLG: Así é, pensar contra. Contradición. Unha dicción contra. Outra dicción.
X: Súa muller Anne-Marie dicía que na súa tumba habería que poñer: Ao contrario.
JLG: Ao contrario, si.
X: Grazas Jean-Luc Godard.
JLG: Grazas a vostede.

Lettre filmée de Jean-Luc GODARD à Gilles JACOB et Thierry FREMAUXA

Jean-Luc Godard Explains Why He Skipped Cannes

A outra entrevista

Gabriel García Márquez (06/03/1927 – 17/04/2014)

Abril 18, 2014

Na morte do escritor colombiano, que herdeiro literario de William Faulkner construíu o realismo máxico como autor de obras mestras entre as que destacan Cien años de soledad, Crónica de una muerte anunciada ou El amor en los tiempos del cólera.

Tal día coma hoxe, 6 de abril…

Abril 6, 2014

…segundo o calendario gregoriano:

  • nacía en Tomsk (Siberia) en 1929 o compositor Edison Denisov.
  • morría en 1829 o matemático noruego Niels Henrik Abel.
  • a Convención Nacional decretaba en 1793 a creación do Comité de Salvación Pública.


Niels Henrik Abel en 1826.

Tal día coma hoxe, 5 de marzo…

Marzo 5, 2014

…segundo o calendario gregoriano:

  • nacía en Bologna en 1922 o intelectual, escritor e cineasta Pier Paolo Pasolini.

  • Publius Decius Mus

    Xaneiro 19, 2014

    Publio Decio Mus (ou Públio Décio) foi un político e militar romano que destacou por dous actos heroicos que Tito Livio narra nos libros VII e VIII da súa Historia de Roma (Ab Urbe Condita).

    O primeiro (relatado en Livio, VII, 34-36) foi o ano 343 a.C. (anno 411 a.u.c.), cando era tribuno militar, no comezo das guerras samnitas, ao salvar ao exército do cónsul Cornelio dunha derrota segura debida á mala posición tomada, grazas a súa valentía e as súas acertadas decisións estratéxicas. Sintetizando, Públio e as primeiras linhas dumha soa lexión avanzaron até o alto dum outeiro que avistara previamente e dende alí atacaron ao inimigo pola noite, mentres o resto do exército fuxía.


    Os obsequios de Decio Mus (1616/1617), Peter Paul Rubens

    O segundo feito polo que será recordado é a súa autoinmolación na guerra contra os latinos no ano 340 a.C. (anno 414 a.u.c.), cando era cónsul xunto a Tito Manlio Torquato. Esta sacrificio era previsto para um dos cónsules polos presaxios relatados en Livio, VIII, 6, e as últimas sinais, sobre todo o mal que lhe ía a batalha á formación de Publio, relatadas ao inicio de Livio, VIII, 9, fan que este se decida a chamar a Marco Valerio Corvo pra ofrecerse en sacrificio aos deuses mediante umha deuotio..

    Decio Mus preparándose pra morrer (1616/1617), Peter Paul Rubens
    Logo “saltou armado sobre o seu cabalo e lanzouse no medio do inimigo á vista de ambos exércitos cun aspecto bastante máis augusto ca un humano…” facendo presas dun espanto abismal aos inimigos antes de caer “esmagado por lanzas”.


    A morte do cónsul Decio (1616-1617), Peter Paul Rubens

    Ciclo (de pintura) Decio Mus

    O seu filho morreu de forma idéntica.

    Deus existe? Se cres nel, existe; se non cres, non existe

    Abril 15, 2013

    Frase de Maxim Gorki aparecida na obra teatral Os baixos fondos. A pregunta faina Pepel, e a resposta é de Luka.

    Creo que é unha afirmación que transcende a cuestión da existencia de deus e que se podería aplicar a calquera verdade en xeral; polo menos ás verdades prácticas, pero en tanto que non cremos nunha dicotomía entre praxe e teoría, a tódalas verdades. Vivimos no mundo conforme a sistemas de ideas que asimilamos e facemos nosos inconscientemente e ao longo das distintas xeracións.
    A pregunta que cabe formularse é: a realidade é tal como nos parece, en si?; a resposta que propomos, en paralelismo á cita do escritor ruso é: a realidade “é” tal como nos parece, porque no-lo parece así, non porque o sexa independentemente das persoas que as formamos. A realidade, tal como a entendemos aquí, isto é, como a percepción que temos dela, confórmase das crenzas comúns -limitadas polo fundamento do mundo, a linguaxe- vistas a través do velo da subxectividade. Esta é a nosa crenza.
    O éxito de sistemas de crenzas tan ridículos e denigrantes como o cristianismo ou o capitalismo non se podería explicar senón fose porque o que vemos do mundo non é algo independente das nosas crenzas, senón as mesmas, e ademais estes sistemas, habitualmente inclúen subsistemas de autodefensa de tal maneira que é moi difícil destruílos. Da relación entre cristianismo e capitalismo escribiron material abundante Max Weber e Walter Benjamin, filósofos (sociólogos) aos que por tanto non podía non nomear.

    abajo-el-trabajo

    A fotografía anterior atopeina aquí, onde se ataca unha desas crenzas impostas polas ideoloxías anteriores, especialmente polo capitalismo, a crenza na necesidade do trabalho (outro texto na mesma linha é este Manifesto contra o trabalho). É un texto longo, pero moi recomendábel. As ideas que vai expondo unha tras outra recordáronme moito ás presentadas no libro da autora feminista Silvia Federici, Calibán y la bruja. Mujeres, cuerpo y acumulación originaria, Madrid, Traficantes de Sueños, 2011; o paralelismo é máximo cando se afirma unha das principais teses do libro: “Ao abolir o trabalho asalariado e alcanzar o desemprego total atacámo-la división sexual do trabalho. O núcleo familiar como o conhecemos é unha adaptación inevitábel á división do trabalho imposta polo moderno trabalho asalariado.” Así que quizais houbo algunha influencia do libro nese texto. O caso é que precisamente este libro foi parte da inspiración desta entrada, ao analizar a praxificación da teoría cartesiana de cara a obter un maior autocontrol dos individuos, no final do capítulo 3. É un ensaio moi interesante, tanto na análise política-sociolóxica como na exposición histórica, polo que aquí queda a minha recomendación do mesmo.

    A outra parte da inspiración (cecáis a principal) viu pensando nun tema radicalmente diferente: a felicidade; é difícil que quen non se sente feliz crea nela. A felicidade é propiamente unha percepción, polo que a súa realidade é plenamente subxectiva, de modo que esta se corresponde exactamente coa crenza nela.

    Dende o momento en que todo vale só queda a mediocridade

    Abril 11, 2013

    Este tema aparece implicitamente (ás veces de maneira bastante explícita) tratado no libro de Jordi Llovet Adéu a la Universitat, xa comentado neste blogue.

    A pantalha de televisión simboliza isto da forma máis transparente. Os blogues, as redes sociais ou a Wikipedia e as múltiples versións desta, arquivos cheos de información non sancionada (a Wikipedia non é nin a clásica Larousse nin a Enciclopedia Británica, para entendernos, non da ao lector seguridade ningunha acerca da veracidade do seu contido). A mediocridade da que estou a falar non é só cultural, senón que tamén invade o terreo político (-social) e o vital (-individual): a falsa política, a corrupción, a institucionalización do deporte, as baixas paixóns da xente (o telelixo, a prensa sensacionalista; nada que ver co significado habitual desa expresión), a falta de ética comunicativa (e.g. interpretación interesada da Historia e manipulación en xeral), a burocracia, etc. Que grande parte de Internet estea copiado da Wikipedia non é boa sinal. Se amais, un libro de ensaio a cita como referencia para informarse acerca dun tema, entón perdémo-la confianza nunha transmisión segura do saber. Que o presidente da sección espanhola da International Dostoievsky Society, un tal Jordi Morillas, nun artigo no que critica a carencia de rigor filolóxico duns trabalhos, afirme que os ilustrados franceses son “os verdadeiros verdugos da filosofía na idade moderna e contemporánea” e inda máis, que os seus principios “son os mesmos que constituiron a base ideolóxica de Auschwitz” descualifícao como pretendido intelectual e mostra a mediocridade de xente en cargos aos que se lhes suponhen uns conhecementos mínimos previos e unha responsabilidade cultural -id est, as cualidades do humanismo- que o exemplo anterior proba que ás veces locen pola súa ausencia.

    A mediocridade apostamos que triunfa grazas ao éxito global do xudeo-cristianismo, xa que cremos atopa-las súas bases nos textos bíblicos, na senda aberta por Nietzsche. Mais tamén, a mediocridade pódese entender como unha manifestación da infinita (que diría Einstein) estupidez humana, tema, este, sobre o que a abundancia da bibliografía faino inabarcábel, pero podemos recomendar os libros de Oliviero Ponte di Pino e Carlo Maria Cipolla sobre o asunto en cuestión. Atopo na rede, mentres redacto isto, outro libro que parece que valería a pena consultar, un panfleto contra a estupidez contemporánea.

    pantalla_global-567x359

    Esta, a súa vez, é unha das conclusións que se podía extraer da soberbia exposición Pantalla Global coproducida polo CCCB (Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona) e baseada no libro de Gilles Lipovetsky e Jean Serroy.

    No extremo oposto, o que a TV debería ser: a visión de Rossellini e Godard entre doutros, http://www.zinema.com/textos/requiemp.htm.

    Na morte de Margaret Thatcher

    Abril 11, 2013

    As palabras do cineasta Ken Loach, un dos máximos exponhentes do cine social de protesta británico, aparecidas en The Guardian:

    “Margaret Thatcher was the most divisive and destructive Prime Minister of modern times.

    Mass unemployment, factory closures, communities destroyed — this is her legacy. She was a fighter and her enemy was the British working class. Her victories were aided by the politically corrupt leaders of the Labour Party and of many Trades Unions. It is because of policies begun by her that we are in this mess today.

    Other prime ministers have followed her path, notably Tony Blair. She was the organ grinder, he was the monkey.

    Remember she called Mandela a terrorist and took tea with the torturer and murderer Pinochet.

    How should we honour her? Let’s privatise her funeral. Put it out to competitive tender and accept the cheapest bid. It’s what she’d have wanted.”

    Lucius Papirius Cursor

    Marzo 26, 2013

    Lucio Papirio (ou bem Lúcio Papírio) Cursor foi un político e militar romano que destacou na segunda metade do século IV a.C.; na Historia de Roma de Tito Livio comeza a adquirir protagonismo no libro VIII -sendo a primeira cita en VIII,12,2, cando é nomeado xefe de cabalaría (magister equitum) entorno ao 340 a.C. (ano romano 414 A.U.c.)- e ten grande presencia ao longo de todo o libro IX.

    Signatur:D:JobRoot7872312preprozessPORT_00101677_01-07.03.2007

    No 325 a.C. (ano romano 429 A.U.c.), cando segundo Livio xa é “a persoa máis distinguida con gran motivo no arte da guerra naquel tempo” (VIII,29,9), é nomeado ditador e como tal nomea xefe de cabalaría a Quinto Fabio Maximo (ou Fábio Máximo) Ruliano (Quintus Fabius Maximus Rullianus). O que Livio relata en VIII,30-35 xa é dabondo para que ámbolos dous pasasen á posteridade. Logo que o ditador dese a orde de non entrar en combate e da desobediencia da mesma por Quinto Fabio, o primeiro buscou a punición do seu subordinado, a pesar da súa vitoria na batalha. Finalmente outorga a súa condena, o seu xuízo, ao pobo romano e á potestade tribunicia, os cales déronlhe o seu apoio, inda que fai o inciso “non noxae eximitur”, o que ven dicindo que non queda exento de culpa.
    Papirius Cursor spares Fabius
    Aproveito esta tradución aproximada para facer unha disquisición informativa sobre ela e máis concretamente sobre o significado do termo noxae. Como sabemos por Nietzsche, a idea de culpa asóciase á moral xudaico-cristiá, polo que non expresa adecuadamente o que  o historiador padovano quere dicir. Para aclara-lo concepto de noxae traduzo ad hoc unha nota do libro Roman Private Law in the times of  Cicero and of the Antonines (1902), do estudoso do dereito romano Henry John Roby. “Noxa (de nocere) significa orixinalmente ‘dano físico, anímico’ ou ‘comportamento inmoral’. Isto visto dende o punto de vista do causante do dano é ‘falta’ ou ‘consciencia do dano causado’; noxius é ‘nocivo’ ou ‘causante do dano’, noxia ‘consciencia do dano’. O prexudicado require compensación; así pois, as frases antigas eran noxam nocere ‘facer dano’, noxam sarcire ‘arranxar o dano feito’. Un modo natural de compensar era entrega-lo ofensor ao ofendido. Isto era noxae dedere ‘entregar ao danado’.[…]”
    En resumo, Lucio Papirio está dicindo que, a pesar da decisión final, a falta permanece, ou dito doutra maneira, Quinto Fabio non se libra de ter cometido o mal comportamento e de que así sexa xulgado este.
    A mala relación entre estes dous personaxes recordarase en Livio IX,38, cando Quinto Fabio tenha que nomear ditador ao seu antigo acusador, momento no que se fará evidente o sufrimento que iso lhe causa, contido polo seu ánimo inxente.
    O relato do sucedido entre Lucio Papirio e Quinto Fabio é un entre outros, que son variantes da mesma historia. Atopámola na Biblia, 1 Samuel, 14, onde Jónatan viola inconscientemente unha prohibición do seu pai Saúl ao tempo que consigue unha vitoria para Israel, e inda que Saúl pide a súa morte, xorde de novo a figura do pobo salvador. A diferencia estriba en que a salvación na historia romana prodúcese grazas ao dereito, mentres que na historia bíblica a lei última empregada na decisión  final é a lei divina. O autor do Romanticismo xermano Heinrich von Kleist presenta idéntico dilema no seu drama  O príncipe de Homburg, que adaptaría posteriormente ao cine Marco Bellocchio.

    Retornando a Lucio Papirio, antes da súa segunda ditadura consolídase como un gran militar grazas as súas múltiples vitorias, para o que Tito Livio non escatima as maiores loas. Da súa vitoria ante os samnitas en Lucera di en IX,15,8 que “practicamente non houbo outra vitoria máis brillante do pobo romano polo xiro imprevisto dos acontecementos”, e engade a continuación sobre o noso protagonista, “non sei se el, único vingador da humillación romana, obtivo o triunfo, o máis merecido até entón dende Furio Camilo, ou hai que atribuírlhes esta honra aos cónsules e especialmente a Papirio.”
    Papirius Cursor enjoys a triumph
    O final do capítulo seguinte, IX,16,11-19, é un panexírico do 5 veces cónsul e 2 ditador. Di Tito Livio: “o máis sobresaínte era a rapidez dos seus pes, á que debeu o seu sobrenome”; “sen a menor dúbida, en aquela época, que foi a máis fecunda en homes de mérito, non houbo nin un so sobre o que descansase en maior medida o poder de Roma. É máis considéraselhe un xefe con un espíritu comparábel ao de Alexandre Magno se este, unha vez sometida Asia, tivese volto cara Europa as súas armas”. A continuación, nos capítulos IX,17-19, o historiador conxectura a fortuna de Roma se tivese chegado a enfrontarse co exército de Alexandre Magno, e o fai cun considerábel optimismo baseado nos grandes homes que di que foron os xenerais romanos contra os que tivese batalhado, como Marco Valerio Corvo, Publio Decio Mus ou o propio Lucio Papirio Cursor.
    No tempo da súa segunda ditadura, trala batalha contra os etruscos dirixida por el, di Livio en IX,39,11: “aquela xornada quebrantou por primeira vez o poderío dos etruscos, boiante cunha prosperidade que vinha de antigo”.

    A loa a Papirio Cursor non é só militar, tamén o é ética. Indirectamente, Livio transmítenos a súa grandeza moral ao outorga-la decisión final sobre Quinto Fabio ao pobo, como xa contamos antes. E logo, na crítica a Apio Claudio, recorda en IX,34,20-21 que “Lucio Papirio para non deixa-lo cargo nomeou colega substituto […]. E canto máis comedida foi a súa ambición, Apio, que a túa! [L. P.] non exerceu a censura en solitario máis alá do tempo fixado pola lei; nembargantes, non atopou quen despois seguise o seu exemplo”.

    As Crónicas de Nuremberg tamén fan mención do personaxe. No último parágrafo da páxina LXXIX das mesmas cóntase o ocorrido con Quinto Fabio e a súa vitoria sobre os samnitas, e ao seu lado, case na esquina inferior esquerda hai un retrato seu incluído.
    NurembergChronicles79

    Día tras día. 6-Brumaire, ano CCXXI, Héliotrope

    Outubro 27, 2012

    Héliotrope é o termo francés pra o xénero de plantas Heliotropium, pertencente á familia Boraginaceae. O nome deste xénero, procedente do grego, significa “que viran cara o sol”, e débese ao movemento das súas flores.

    Os Graco, Tiberio (164-133 a.C.) e Caio (154-121 a.C.), forom dous irmaos pertencentes a umha das familias máis ricas e destacadas da Antiga Roma, conhecida pola mesma denominaçao. Forom tribunos da plebe e pasaron á Historia polas importantes reformas sociais que pretenderon levar a cabo, especialmente de carácter agrario, entre outras cousas mediante a limitación da propiedade. A Lex agraria proposta por Tiberio topou coa oposiçao da aristocracia que desembocou no seu asasinato. Herdeiro político seu, tras intentar levar adiante o proxecto político do seu irmao, o final de Caio nom foi melhor.
    Catilina (108-62 a.C.) foi outro tribuno e líder popular que reclamou umha lei agraria. Tanto el como Xulio César bateron coa resistencia do partido aristocrático republicano, de especial maneira con Marco Tulio Cicero.
    Outros intentos de frear o predominio oligárquico foron outras loitas plebeas coma as encabezadas por Marco Celio Rufo ou algumhas rebelións d’escravos coma as de Espartaco (131-71 a.C.).
    O viceconde François-René de Chateaubriand, no capítulo 12 do libro V das súas Memorias de ultratumba, adicado ao revolucionario (moderado e monárquico) Honoré Gabriel Riqueti, conde de Mirabeau, compara a este cos Graco e con Catilina entre doutros. O viceconde de Mirabeau foi irmán (máis novo) do anterior e líder reaccionario durante os primeiros tempos da revoluçao francesa.

    Marcus Furius Camillus

    Outubro 6, 2012

    Marco Furio (ou Fúrio) Camilo foi un político e militar romano cuxos feitos percórrense ao longo do libro V e seguintes da Historia de Roma (Ab Urbe condita) de Tito Livio e noutras fontes. Entre outras xestas, liberou Roma da invasión gala liderada polo rei Breno a comezos do século IV a.C., polo cal foi eloxiado como segundo fundador de Roma.


    Visión parcial do cadro Trionfo di Furio Camillo (1543-1545), de Francesco de’ Rossi, conhecido polo pseudónimo Francesco Salviati, ou tamén como Il Salviati. Nas seguintes fotografías vémo-la pintura ao completo,

    e dentro do Palazzo Vecchio (Firenze).

    Penso que os seus discursos que se poden ler en Livio V,44 e V,51-54 son dignos da nobreza clásica, deses guerreiros que formaban os chamados polos gregos “aristoi” (os mellores) e que séculos máis tarde tanto eloxiaría e veneraría o filósofo xermano Friedrich Nietzsche.


    Neste fresco pertencente á obra de Domenico Ghirlandaio Apoteosi di san Zanobi e ciclo di uomini illustri Camilo é o que aparece á dereita da obra.

    Adéu a la Universitat. Fahrenheit 451.

    Outubro 3, 2012

    Pretende ser esta entrada, ao tempo que unha recomendación do libro citado e un comentario do filme nomeado, outra resposta a posts anteriois do blogue, que volven ser os linkados en Vivre sa vie. A prol das sensacións III, ou a prol das emocións, e inda que ten en común a esta entrada a defensa das emocións, tamén pretende matizar a crítica do falar.

    O libro Adéu a la Universitat [Galaxia Gutenberg, cat. (hai tamén edición espanhola na mesma editorial)] é de Jordi Llovet e pra min está sendo a lectura do ano -inda non o acabei, pero case-, unha sorpresa, xa que non esperaba gozalo tanto, o que resulta entre outras cousas pola cantidade de anécdotas tan divertidas que se contan, as críticas tan acertadas que se fan e a moi interesante descrición do que foi o Peche na UB contra o Plan Bologna no curso 2008-2009. Pero trátanse tantos temas que faise imposíbel de resumir, de maneira que o único que podo facer é recomendalo. Inda así, aparece como base destas linhas que estou escribindo en relación aos filmes a comentar e como resposta a minha crítica do falar, xa que os dous últimos capítulos -descontando o Final– contenhen unha defensa da linguaxe por medio da fala como motor de desenvolvemento humanista. (more…)

    Cando a intelectualidade perde aos seus espadachíns.

    Outubro 1, 2012

    Son xente conhecedora da Historia e na maioría dos casos comprometida na política; son xente sabia, coa que se pode estar máis ou menos dacordo. En 2005 falecía o republicán espanhol Eduardo Haro Tecglen. En 2008 o historiador británico Christopher Hibbert. En 2012 xa levan falecido o director de cine grego Theo Angelopoulos (24 de xaneiro), o filósofo marxista catalán Francisco Fernández Buey (25 de agosto), o crítico de arte australiano Robert Hughes (6 de agosto), o escritor demócrata estadounidense Gore Vidal (31 de xullo), e finalmente -hoxe- o historiador marxista británico Eric Hobsbawm, entre outros. É entón este un curso no que parece que nos quedemos orfos daqueles que podían levarnos na dirección correcta. Pero que caso se lle fai hoxe en día á intelectualidade?

    Actualizado a 1 de novembro de 2012 (p.C.), día no que faleceu Agustín García Calvo, filósofo e filólogo e poeta, tan brillante coma excéntrico, de quen quero destacar aquí que fixo umha máis que memorable ediçao em castelám dos fragmentos de Heraclito (Razón Común).

    Día tras día. 8-Vendémiaire, ano CCXXI, Amarante

    Setembro 29, 2012

    Hoxe é o día dos amarantos, como xa comentei fai 2 anos. Escribirei sobre a historia política na Hélade.

    Entorno a un milenio antes de Cristo a estrutura político-territorial da Hélade consistía en comunidades organizadas entorno a pequenos núcleos urbanos conhecidas como polis ou cidades-estado.

    • Licurgo foi un lexislador mítico de Esparta que se sitúa entre os séculos IX e VII a.C..
    • Solón foi un lexislador ateniense ao que xa se lle reconhece existencia histórica, que viviu entre os séculos VII e VI a.C., c. 640-560 a.C. e foi escolhido coma arconte no 594 a.C.. Súa foi a primeira gran revolución no Dereito da Historia de Civilización Occidental, na que seu fundamentou o Decenvirato romano. El instaurou a Ekklesía, base da democracia ateniense. Instaurou medidas populares que deron aire aos labregos (fronte á dependencia e a explotación económica; entre outras cousas, derrogou a escravitude por débedas) e permitiron acabar co monopolio aristocrático do poder político. Creou xunto ao Areópago -especie de Cámara Alta- un novo tribunal popular -a Heliea- (cf. coa República Romana e o Senado e cónsules fronte aos tribunos da plebe), e a partir dunha reforma do consello do Areópago estableceu a Boulé. Inda así, non levou as reformas tan lonxe como era posíbel, xa que el só aspiraba a acada-la eunomía ou “bo orden”.
    • Pisístrato foi un tirano ateniense que viviu entre 607 e 527 a.c.. Antes de nada hai que recordar que na Hélade o termo tirano non tinha a connotación pexorativa que ten hoxe en día. Significaba exclusivamente que unha soa persoa posuía todo o poder do goberno. Accedeu ao poder no 561 a.C. e tivo como filhos herdeiros da súa tiranía no 527 a Hipias e Hiparco -chamados pisistrátidas-, o segundo dos cales morreu asasinado no 514 a.C., e o primeiro foi expulsado de Atenas no 510 a.C.. Foi esta, a época das tíranias, dunha grande inestabilidade política.
    • Logo deles disputáronse o poder en Atenas Clístenes e Iságoras. Venceu o primeiro (a pesar de que o segundo contaba co apoio de Esparta), que viviu entre os anos aproximadamente 570 e 507 a.C., e que instaurou a primeira Democracia da Historia a través das famosas reformas do 508 a.C., mais o facía en nome da isonomía, isto é, a “igualdade ante a lei” de tódolos cidadáns, e, sendo estritos, atopámonos diante dunha oligarquía isonómica, cuns certos dereitos (e algúns poderes) pra tódolos cidadáns, pero coa posición dominante da aristocracia. Ampliou a cantidade de membros do Conselho de governo ou Boulé, creou maxistraturas colectivas e tribunais populares de xustiza, desprazou o poder do Areópago en beneficio da Asemblea ou Ekklesía (institución á que correspondía a aprobación ou rexeitamento das propostas de lei da Boulé) e instituíu o ostracismo. Pra promover todos estes cambios Clístenes creou unha nova unidade político-territorial: o demos.
      Subdividiu a Ática en 3 zonas, cidade, interior e costa, cada umha delas subdividida en 10 partes chamadas tritías -ámbalas subdivisións atendendo a umha similar cantidade de habitantes-, que formaron en grupos de 3, un por cada zona, 10 tribos territoriais. En cada tribo estaban representados tódolos integrantes da sociedade e as necesidades das diferentes zonas da Ática, de modo que os comerciantes da costa ou os terratenentes do interior non puidesen constituír bloques homoxéneos de interese e tivesen que pórse de acordo en cada tribo pra enviar un representante ao Conselho.
      Inda que a 1ª Democracia tinha moitos defectos, entre os que estaban a permisividade da escravitude, ou non contar coas mulleres (e evidentemente cos estranxeiros), tinha unha virtude con respecto ás (pseudo-)democracias actuais: que realmente o pobo gobernaba, ou dito doutro modo, era unha democracia directa, e non a través duns representantes; os (considerados) cidadáns (aqueles que, por definición, participan na vida pública da polis [democrática] e, en particular, encárganse da politeia, isto é, fan política) tomaban tódalas decisións. O problema que tinha non era tanto o seu funcionamento -que tamén- senón quen eran cidadáns. Hoxe en día practicamente non temos a posibilidade nen de referendos (o que sería pedir moito menos, inda menos que plebiscitos). É máis: os aristócratas da Grecia clásica poderían equipararse coas clases financeiras que posúen o control, os demais cidadáns coas clases gobernantes (políticas) e os escravos, mulleres e estranxeiros daquela época coas clases traballadoras do presente. Pois, que son os traballadores senón escravos?, traballando todas as horas necesarias até acaba-la súa labor, non podendo facer folga pra non ser despedido, cobrando só detrás de tódolos seus superiores (sendo o último en percibir indemnizacións en caso de problemas na empresa), etc.
    • Temístocles foi un político ateniense que viviu aproximadamente entre o 525 a.C. e 460 a.C. e que tras ser elixido arconte no 493 a.C. impulsou un gran desenvolvemento naval militar e o porto do Pireo. Participou nas dúas Guerras Médicas, ante a segunda das cales impulsou unha flota de trirremes que foi decisiva. Foi relegado ao ostracismo.
    • Arístides, o Justo (550?-c. 467 a.C.) foi un dos estrategos atenienses na batalha de Maratón (490 a.C.), na que os gregos obtiveron unha grande vitoria sobre os persas. Acadou a fama pola súa integridade persoal e as súas reformas como arconte de Atenas, que abriron as institucións do Estado-cidade a capas máis amplas da poboación.
    • Logo, primeiro Efialtes (?-461 a.C.) e despois Pericles (que viviu entre o 495 e 429 a.C.) impulsaron de novo e afianzaron a Democracia grega e o segundo a construción do Partenón e os Propileos. Foi esta a etapa de máximo esplendor da conhecida hoxe como Grecia clásica (séculos V e IV a.C.). Efialtes limitou inda máis as funcións do Areópago, ordenou a provisión da maioría das maxistraturas por sorteo (a excepción das que requirían algumha competencia especial), propiciou a introdución progresiva do misthos -retribución aos pobres libres por participar na politeia-. Pericles reforzou os dereitos políticos dos pobres libres e as condicións materiais necesarias pra exercelos. Financiou a asistencia xeneralizada ao teatro e aos banhos públicos, reduciu os requisitos de propiedade pra exercer como arconte, introduciu o pago de xenerosas cantidades de dinheiro pra os cidadáns que servisen como xurados na Heliea e otorgou ás mulheres o dereito de asistir á Asemblea. En palabras de Antoni Domènech, foron “décadas de intensa liberación política e intelectual que viviron as mulleres baixo a democracia plebea radical postefiáltica (a partir do 561 a.C.)”.
      Polo menos foi así mentres se puido, porque se o século V comezou coas guerras contra os medas, acabou coa Guerra do Peloponeso, que simbolizou o comezo da decadencia ateniense en favor de Esparta.
    • Finalmente foron tamén importantes na política ateniense Alcibíades, este inda no século V a.C., e logo Esquines e Demóstenes no século IV a.C., xa participando na chegada do Imperio de Alexandro Magno (con quen acaba a época correspondente á Grecia clásica, que da paso ao período conhecido como helenístico). O período democrático abarcou finalmente entre o 507 e o 322 a.C., véndose só interrompido por algúns movementos oligárquicos illados, como o dos Trinta Tiranos.

    Vivre sa vie. A prol das sensacións III, ou a prol das emocións

    Setembro 15, 2012

    But in a manner not yet understood of the world he [Christ] regarded sin and suffering as being in themselves beautiful holy things and modes of perfection.

    De Profundis, Oscar Wilde

    LE BONHEUR N’EST PAS GAI (A FELICIDADE NON É ALEGRE)
    l’art, la beauté, c’est ça la vie

    Vivre sa vie, Jean-Luc Godard

    As minhas sensacións, as minhas experiencias, o filme a comentar, os filmes en xeral de Godard, de Truffaut, de Bergman, de Resnais, de Varda, de Rossellini, etc., os textos de Chateaubriand nutren estas linhas. Quere ser este post un comentario ao filme de Jean-Luc Godard “Vivre sa vie“, de 1962, pero entón non poden ser senón un comentario sobre a Vida, pois que é ese filme senón un canto ao Amor e á Vida.
    Creo que a través do filme podemos voltar ao par de entradas anteriores da serie “A prol das sensacións”, Contra o falar e Sobre o sentido da vida. En realidade, non atopo unha soa diferenza entre escrever sobre o sentido da vida e sobre este filme de Godard. Recordemos a continuación que esta obra está estruturada en forma similar aos “Cadros dunha exposición” de Modest Mussorgsky, en 12 cadros, inda que sen os paseos entre eles. Pois na fascinante conversación entre Nina e o desconhecido no cadro número 11 fálase do falar, do mentir, da realidade, das relacións entre estes aspectos, co que resulta un interesante comentario á primeira das entradas a prol das sensacións.
    Creo tamén que débese conectar esta nova entrada coas dúas última até o momento, que son Tubéreuse e Écrevisse. Sobre a Educación. A esta última porque está directamente relacionada co tema do sentido da vida e co post no que tratei este tema, e á anterior porque comento un texto de Chateaubriand e a minha relación con el. No fondo, podería comentar moitos máis fragmentos cos que me sento terribelmente identificado da obra do nobre francés, e que non son outra cousa que unha análise en profundidade da ánima humana, dos seus sufrimentos e paixóns, especialmente nesa circunstancia tan especial que é a soidade, e que non deixa de tratar unha e outra vez nos seus filmes Godard, como xa temos comentado noutra ocasión. Esas análises da ánima humana como as feitas por Werner Herzog na súa filmografía tanto de ficción como documental, por exemplo no citado na entrada anterior “Cave of Forgotten Dreams“, ou que pouco despois de Chateaubriand fixera na Rusia decimonónica o máis grande cirurxián da psique, Dostoievski.

    Reitero, “Vivre sa vie” é un canto ao Amor e á Vida. (more…)

    Día tras día. 25-Fructidor, ano CCXX, Écrevisse. Sobre a Educación

    Setembro 10, 2012

    Día dos cangrexos de río, crustáceos decápodos pertencentes ás super-familias Astacoidea e Parasticoidea.

    Quería comentar algunhas observaciós sobre a Ensinanza, isto é, unha certa parte da Educación, palabras que escrevo com primeira letra capital pola importancia que creo tenhen. Penso que a milhor forma de aproveita-la Vida é mediante a Cultura.

    A miúdo, os maiores praceres débense aos maiores conhecementos ou ao entendemento das cousas. Adquire relación con isto, en parte, o que dicía eu nunha entrada anterior, isto é, que o sentido da vida era (ou parecía) a beleza estética e ética. Ven sendo como unha xeralización da Experiencia Estética e un complemento a esta, o goce polo medio dos sentidos compleméntase co entendemento do obxecto gozado. E é para isto que é necesaria a Cultura ou, o que neste caso podemos empregar como sinónimo, o Humanismo (entendendo que inclúen Arte, Ciencia, Filosofía, Historia, etc.).

    Mais a Cultura adquírese mediante continuada formación ao longo da vida. E a máis importante parte desta formación chega durante a infancia e a adolescencia, durante a educación transmitida polo contorno, véxase os pais ou titores, mestres, etc. Esta formación, a do período educativo, é a máis importante por dous motivos. Primeiro, pola cantidade de conhecementos transmitidos e pola súa transversalidade e importancia, xa que non son específicos dun só tema e ademais son o que normalmente se denomina Cultura Xeral, isto é, conhecementos básicos sobre o mundo en que vivimos.E segundo, porque é a que pode motivar aos rapeces ou rapazas en cuestióm a seguer con esta formación por conta propia e a interesarse pola Cultura. O período formativo ten que resultar unha motivación para adquirir, consciente ou inconscientemente, unhas inquietudes culturais necesarias de cara á unha formación humana decisiva para o goce da vida.

    Todo isto queda dito pra recalcar dúas cousas. Unha, a importancia de Educación e, en particular, de Ensinanza, na Vida das persoas. E dous, que o fundamental na Ensinanza e por extensión na Educación é a Motivación. Entón a pregunta fundamental que se debería formular na Ensinanza é a de cómo motivar. Ocórrenseme algunhas propostas.
    Primeiro exemplo: unha clase de Historia na que se explique a Batalla das Termópilas. Digo eu, por que non facer unha introducción e contextualización, logo mirar unha película como pode ser “The 300 Spartans” (1962) de Rudolph Maté, por exemplo, e finalmente facer un exercicio de relación entre o feito histórico e o filme.
    Segundo exemplo: unha clase de Bioloxía sobre clasificación de (more…)

    Un novo (segundo) comentario sobre a crise

    Maio 14, 2012

    Estou lendo unha cronoloxía da crise en Grecia (http://www.rtve.es/noticias/20120419/cronologia-crisis-grecia/329528.shtml) sobre a que reparo nun par de detalles. (more…)

    AZAWAD, ESTADO INDEPENDENTE XA!

    Abril 6, 2012

    Liberdade para o territorio tuareg.

    http://www.mnlamov.net/component/content/article/169-declaration-dindependance-de-lazawad.html

    Tamén declaro, que igual que defendo a liberdade para o territorio tuareg, estou en contra da intromisión islámica no mesmo e de que haxa vía libre para islamismo radical nalgunha das súas formas varias, como a xaría (lei islámica) ou o terrorismo (en forma de práctica [raptos, atentados, etc.] ou de adestramentos).

    Film Socialisme

    Marzo 19, 2012

    Escribía nun post anterior acerca da experimentación no cine, na que entre outras destacan figuras como Fellini e Resnais. Pero tenho que volver a remarcar que Godard é o máis avanzado de todos. Non sei se no caso de que Fellini vivira, lograría uns filmes tan rompedores e innovadores coma os do francés. Dende logo, a experimentación de Resnais ante a que me mostraba sorprendido non é comparábel á de Godard, estrelecente, brillante, constante, sendo este un rompedor con respecto a si mesmo, reinventándose sine die. A súa última obra, Film Socialisme, é unha explosión de inventiva visual e sonora na que se aproveita do montaxe. (more…)